Saltar ao contido

Lingua abkhaza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 24 de abril de 2023 ás 10:27 por Breogan2008 (conversa | contribucións) (Véxase tamén)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Abkhazo
Аԥсуа бызшәа; аԥсшәа
Falado en: Abkhazia
Total de falantes: 110.000 (1993)
Familia: Caucásico noroccidental
 Abazgi
  Abkhazo
Escrita: Alfabeto cirílico
Status oficial
Lingua oficial de: Abkhazia
Regulado por: Academia de Lingua e Literatura Abkhaza
Códigos de lingua
ISO 639-1: ab
ISO 639-2: abk
ISO 639-3: abk
Mapa
Status

O abkhazo está clasificado como "vulnerable" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

O abkhazo[2][3] (en abkhazo: Аҧсуа) é unha lingua caucásica noroccidental falada polo pobo abkhazo. É lingua oficial en Abkhazia, república independente de facto, aínda que segundo o dereito internacional é unha parte de Xeorxia.

Distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]

Lingua tradicional de Abkhazia, agás na provincia de Gali onde o mingreliano é a lingua tradicional. Despois do conflito abkhazo-xeorxiano de 1992-1993 o abkhasio converteuse na lingua máis falada en Abkhazia.

Hai grandes diferenzas nas fontes sobre o número de falantes, variando entre os 100.000 e os 600.000. As cifra máis verosímil é de 200.000 falantes.

Na República de Abkhazia uns 100.000 falantes, na rexión autónoma de Adzharia de Xeorxia, establecidos en 1866, hai 2.000 abkhazos establecidos no distrito do centro de Batumi, a capital, e na vila de Akhasheni, están entrando nun proceso de perda lingüística. En Moscova, a capital de Rusia hai unha pequena comunidade que data de mediados do século XX.

En Turquía hai 500.000 abkhazos de orixe, dos que uns 50.000 poderían falar abkhazo (aínda que non hai datos fiables e algunhas fontes sitúan o número de falantes en 5.000). En Siria, Iraq e Xordania hai importantes comunidades de orixe abkhaza, pero en boa parte asimiláronse aos circasianos.

En Estados Unidos, Alemaña e os Países Baixos hai pequenas comunidades abkhazas, procedentes da diáspora turca.

Dialectos

[editar | editar a fonte]
  • Bzyb ou Bzâp: no norte de Abkhazia, conta 67 consoantes, é a base da primeira lingua literaria abkhaza.
  • Abzhui ou Abz'âwa, no sur de Abkhazia, base da lingua literaria actual, conta con 58 consoantes.
  • Sadz, falado entre as comunidades de Oriente Medio, subdividido en dúas variedades: o Khaltsys e o Tswydzhy ou Cez’e, este último orixinariamente falado ao longo do río Kudepsta, no norte da actual fronteira abkhaza, conservado ata o século XX en tres aldeas turcas preto da cidade de Bileçi: Elmabahça, Küncegit e Hasandere, onde poden quedar aínda algúns falantes ou quizais estea xa extinto.
Alfabeto abkhazo.

A primeira mostra escrita da lingua é un glosario de palabras recollido polo viaxeiro turco Evliya Çelebi, arredor de 1640 empregando o alfabeto árabe. A comezos do século XIX redáctase un dicionario abkhazo-ruso, inédito, conservado nun arquivo de Tiflis e de 1840 data unha breve descrición dun filólogo alemán. O primeiro alfabeto abkhazo deseñouno o lingüista ruso Barón Pedro von Uslar en 1863, baseado no dialecto Bzâp, formado por 55 caracteres, empregado na súa gramática abkhaza. En 1865 publicouse o primeiro libro en Abkhazo.

O alfabeto de Uslar sufriu diversas adaptacións ata que no 1909 Ch'och'ua estableceu unha nova escrita cirílica, oficializada nos primeiros tempos do réxime soviético. En 1926 Nicolai Marr deseña o seu Alfabeto Analítico de 75 caracteres, baseado no latino, que utilizou no Dicionario abkhazo-ruso. En 1928 aparece o Alfabeto abkhazo Unificado de Jakovlev, baseado no latino, en 1938 oficialízase o alfabeto xeorxiano, pero o número de publicacións neste alfabeto foi moi escaso.

En 1954 vólvese ao alfabeto cirílico, deséñao un comité e segue en vigor actualmente, se ben debátese a adopción dun novo alfabeto de base latina.

A Academia de Lingua e Literatura Abkhaza, fundada no 1925, actualmente denominado Instituto Abkhazo de Estudos e Investigacións Culturais é a institución encargada de codificar a lingua, publica a revista, Apsuattsaara.

Literatura

[editar | editar a fonte]

Considérase a Dârmit' Gulia (1874-1960), o pai da literatura abkhaza, escribiu o primeiro libro de poesía en abkhazo, Poemas e cántigas en 1912, o primeiro libro de relatos en 1919 Baixo o estraño ceo, a primeira novela e fundou a primeira publicación periódica da lingua, Apsny en 1919. Samson Chanba (1886-1937) en 1920 estrea a primeira obra de teatro en abkhazo, Makhadzhiry. Ámbolos dous eran do sur, o que axudou a establece-lo dialecto do sur -Abzhui- como base da nova lingua literaria a fins dos anos vinte.

Entre 1930 e 1940 consolídase a literatura abkhaza con autores como Bagrat' Sinkwba, o autor vivo máis importante, novelista e poeta, O derradeiro dos deportados é a súa gran novela, onde narra o exilio de todo o pobo Ubikh. Os irmáns Iván e Neli Tarba, son outros dous autores contemporáneos.

Medios de Comunicación

[editar | editar a fonte]

Dende a independencia produciuse o aumento da produción escrita, a pesar dos grandes atrancos debidos ás sancións económicas. A televisión e a radio de Abkhazia emiten regularmente en abkhazo, hai un semanario, Apsny, de 16 páxinas, cunha tiraxe de 1.000 exemplares en 1996, dous xornais bilingües co ruso e un trilingüe co mingreliano e o ruso.

Os abkhazos habitan o mesmo territorio dende hai milleiros de anos. As primeiras referencias históricas sólidas dos proto-abkhazos veñen de historiadores gregos e romanos: Hecateo de Mileto, Estrabón, Plinio o Vello. Os gregos estableceron unha colonia nas súas costas, Apsilia no século VI a.C, de onde vén Apsny, o nome que dan os abkhazos ao seu país. As tribos proto-abkhazas organizaron os seus propios principados no século I a.C, no século IV únense no principado de Cazika, autónomo dentro do Imperio Bizantino. Abkhazia incorpórase a Xeorxia no ano 978. Ata comezos do século XIX toda a poboación de Abkhazia era de lingua abkhaza, agás unha pequena minoría de lingua grega. En 1810 o tsar Alexandre I impón o protectorado ruso en Abkhazia, aumentando progresivamente o seu control ata que despois das guerras caucásicas (1864) o país incorporouse ao Imperio Ruso, en 1866 os abkhazos subleváronse, a súa derrota supuxo o exilio da metade dos abkhazos ao Imperio Otomán, entre 1866 e 1878 calcúlase que entre 70.000 e 120.000 abkhazos deixaron as súas terras, entregadas a colonos rusos. En 1897 só 58.700 abkhazos permanecían en Abkhazia e o abkhazo deixou de ser a lingua das cidades. A época soviética supuxo o comezo do uso público e escrito da lingua abkhaza.

En abril de 1930 Stalin integrou Abkhazia en Xeorxia como unha república autónoma, o proceso de normalización da lingua abkhaza paralizouse, oficializouse un novo alfabeto xeorxiano, restrinxiuse o uso do abkhazo na administración e na educación ( no curso 1945-1946 púxose fin á escolarización en abkhazo, establecida en 1932) a favor do xeorxiano e favoreceuse a emigración de mingrelianos, que pasaron de 3.500 en 1886 a 300.000 en 1935.

En 1978 o goberno xeorxiano estableceu o xeorxiano como única lingua oficial abkhaza, como reacción 130 dan a coñecer un manifesto para integrar Abkhazia en Rusia, mentres reclamaban a oficialidade do abkhazo en Abkhazia, as autoridades soviéticas rexeitan o chamamento, pero fan concesións culturais e económicas, entre elas a creación de programas de televisión en abkhazo, a transformación do Instituto Pedagóxico de Sukhumi na Universidade de Sukhumi, o reforzamento da prensa en abkhazo, a reserva dun 40 % da administración gobernamental e xudicial de Abkhazia para os abkhazos e o mantemento do abkhazo como lingua oficial.

Segundo o censo de 1989 só o 18 % da poboación de Abkhazia era abkhaza, os mingrelianos constituían o 42 %, os xeorxianos o 4 %, os rusos o 16,4 %, os armenios o 15 %, os gregos o 2,8 %, os ucraínos o 2,2 %, e o resto constituído por pequenas minorías de alemáns, xudeus, estonianos...

En xullo de 1989 o goberno xeorxiano converte á Universidade de Sukhumi nunha sucursal da Universidade de Tiflis, o que provoca dúas semanas de protestas populares en Abkhazia nas que morren 22 persoas. En decembro de 1990 o parlamento de Abkhazia proclama a independencia, o goberno xeorxiano non a recoñeceu e en agosto de 1992 envía 3.000 gardas nacionais a Abkhazia, o 23 de outubro de 1992 as forzas xeorxianas queiman os arquivos do Instituto da Lingua, Historia e Literatura Abkhazia, en setembro de 1993 a derrota xeorxiana supuxo a independencia de facto de Abkhazia, e a marcha de 200.000 xeorxianos e mingrelianos a Xeorxia, dos que uns 100.000 volveron con posterioridade, sobre todo á provincia de Gali, onde case o 100 % da poboación é mingreliana.

Segundo datos de 2003 Abkhazia está habitada por 320.000 persoas, delas uns 100.000 abkhazos, 100.000 mingrelianos, 50.000 rusos, 50.000 armenios e 20.000 outros (alemáns, gregos, estonianos...)

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. "Entrada abkhazo en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 04 de abril de 2017. 
  3. García-Miguel, José M. (2000). "Linguas do mundo e tipoloxía lingüística". En F. Ramallo; G. Rei-Doval; X.P. Rodríguez Yáñez. Manual de Ciencias da Linguaxe (PDF). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. pp. 173–220. ISBN 84-8302-588-4. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]