Saltar ao contido

Tomatina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 23 de xaneiro de 2023 ás 09:43 por Breogan2008 (conversa | contribucións) (Curiosidades)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Festas da Tomatina de 2006.

A Tomatina é unha festa do municipio valenciano de Bunyol, en que os participantes se arrebolan tomates entre eles. Este acontecemento ten lugar o último mércores de agosto de cada ano, durante a semana das Festas Maiores da localidade. Xunto coas fallas valencianas, as fogueiras de san Xoán e as Festas de Mouros e Cristiáns, son unhas das festas valencianas máis coñecidas internacionalmente.

En 1944, durante un desfile de xigantes e cabezudos, uns mozos que querían participar no mesmo organizaron unha disputa. Como cerca do lugar había un posto de verduras e hortalizas, colleron os tomates e utilizáronos como arma arreboladiza. As forzas da orde tiveron que intervir para disolver a pelexa, e condenaron aos responsables a pagar as desfeitas realizadas.

Ao ano seguinte os mozos repetiron o altercado, só que esta vez levaron os tomates da súa casa. De novo foron disoltos polas forzas da orde. Tras repetirse isto mesmo nos anos sucesivos, a festa quedou, aínda que de modo non oficial, instaurada.

Modificacións ao longo da súa historia

[editar | editar a fonte]

En 1950, o concello permitiu a festa, con todo, ao ano seguinte opúxose, sendo detidos algúns dos participantes. Estes foron liberados rapidamente, grazas á presión exercida por todos os veciños.

A festa foi por fin permitida, e ao lanzamento de tomates engadíronse outros costumes, como asperxer con auga e ata meter en fontes aos rivais. Entre o barullo, os participantes adoitaban cebarse cos que eran meros espectadores, incluídas personalidades de relevancia, polo que en 1957 volveu prohibirse a festa baixo penas ata de cárcere.

Nese ano, os veciños decidiron organizar o que chamaron "o enterro do tomate", no que saíron en procesión portando un cadaleito cun gran tomate, acompañados pola banda de música que interpretaba marchas fúnebres ao seu paso.

En 1959 o concello autorizou definitivamente a Tomatina, pero impuxo a norma de que só se poderían arrebolar tomates despois de oírse o ruído do lance dun primeiro foguete e deberían finalizar cando se escoitarse un segundo.

Entre 1975 e 1980 a festa foi organizada polos Clavarios de San Luís Bertrán, que foron quen levaron os tomates, xa que antes cada participante traíaos da súa propia casa.

A festa fíxose popular en toda España grazas á reportaxe de Javier Basilio emitido no programa de televisión Informe semanal en 1983.

Desde 1980 é o Concello quen prové de tomates aos participantes, sendo cada ano maior o número de toneladas de tomates utilizados, así como o de visitantes.

En 2002 foi declarada Festa de interese turístico internacional. A partir de 2008 ten banda sonora, a canción da Tomatina "Todo es del mismo color" creada polo grupo buñolense de rock "Malsujeto".

Descrición

[editar | editar a fonte]
Preparando o "pau xabón".
Botando tomates desde un camión.
Xente sobre o manto de tomate.

Ao redor das 10 horas comeza o primeiro evento da Tomatina. É o "pau xabón", similar á cucaña, que consiste en subir un a un poste engrasado cun xamón na parte superior. Mentres isto sucede, o grupo traballa nun frenesí de cantar e bailar mentres se duchan con mangueiras. Unha vez que alguén é capaz de soltar o xamón do pau, dáse o sinal de inicio. O sinal para o comezo dáse a iso das 11, cando se oe un foguete, e comeza o caos. Varios camións lanzan os tomates en abundancia na Praza do Pobo. Os tomates proceden de Estremadura, onde son menos custosos e cultívanse especificamente para estas festas, xa que non son de bo gusto para o consumo.[1] Para os participantes recoméndase o uso de lentes protectoras e luvas. Os tomates deben ser esmagados antes de ser lanzados para que non danen a ninguén. Logo de exactamente unha hora, a loita termina ao disparo dun segundo foguete anunciando o final. Toda a praza queda tinguida de vermello e fórmanse ríos de mollo de tomate. O proceso de limpeza das rúas realízano camións de bombeiros. Os participantes aproveitan as mangueiras que lles ceden os veciños para quitarse o tomate pegado ao corpo. Algúns se achegan ao charco de "los peñones" para lavarse. Tras a limpeza, as rúas do pobo, que son de lastro, quedan impolutas debido á acidez do tomate que desinfecta e limpa a fondo todas as superficies.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]