Saltar ao contido

Pilro groso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Calidris canutus»)
Pilro groso

Calidris canutus rufa
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: Calidris
Especie: C. canutus
Nome binomial
Calidris canutus
(Linnaeus, 1758)
Distribución e rutas de migración das seis subespeies
Distribución e rutas de migración das seis subespeies

Distribución e rutas de migración das seis subespeies
Sinonimia

Tringa canutus

O pilro groso[2][3][4] ou pilro gordo[5] (Calidris canutus) é unha ave limícola de tamaño mediano que cría en zonas de tundra do hemisferio norte.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Do tamaño aproximado dun merlo, entre 23 e 26 cm. A envergadura das ás vai dos 47 ós 53 cm. O peso, que varía segundo a subespecie, é de entre 100 e 200 gramos. Antes da migración poden chegar a multiplicar por dous o seu peso. Ten o pescozo e as patas, que son verdes agrisadas, curtos, e o bico escuro, dereito e de tamaño medio. Fora da época de cría teñen o lombo gris cinza e a parte inferior abrancazada, con liñas grises pouco visibles no peito e nos vaos. No tempo da reprodución a parte superior do corpo é negra con manchas grises. A cara, a gorxa e o peito son vermellos coa parte inferior clara. As subespecies canutus, islandica e piersmai son máis escuras e a rufa a máis clara.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Crían sobre todo na tundra en Groenlandia, Canadá, Alasca e Siberia. É unha ave migratoria de longa distancia que pasa os invernos no suroeste de África.

Subespecies e a súa distribución

[editar | editar a fonte]

Ten seis subespecies, que, ordenadas segundo o tamaño son:

  • C. c. roselaari (a meirande)
  • C. c. rufa
  • C. c. canutus
  • C. c. islandica
  • C. c. rogersi
  • C. c. piersmai (a máis pequena)
Distribución e rutas migratorias das subespecies de Pilro gordo
Cartaz explicativo sobre o pilro groso na vila de Caión.

C. c. piersmai cría no norte de Siberia e pasa o inverno nas costas chas do noroeste de Australia, despois dunha parada no delta do río Amarelo na China. C. c. rogersi cría no noroeste de Siberia e emigra ó longo da costa chinesa ó sueste de Australia e norte de Nova Zelandia. C. c. roselaari reprodúcese no extremo norte de Alasca e pasa o inverno en Florida. Non está claro se algunhas poboacións desta subespecie emigran seguindo a costa do océano Pacífico para pasa-lo inverno na América central. C. c. rufa, que pon os ovos no noroeste do Canadá, segue a costa atlántica e, despois dunha parada no Brasil acaba a viaxe na Arxentina. C. c. islandica, que cría no norte de Groenlandia voa no inverno ó noroeste de Europa, con paradas en Islandia e poida que en Noruega. C. c. canutus ten as crías no norte de Siberia, máis ó oeste cá variedade C. c.piersmai e pasa a estación fría ó longo das costas do oeste de África.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Aliméntanse principalmente de moluscos que tragan enteiros, partindo a casca cos músculos da morzoa. Na época reprodutora comen vermes e artrópodos acuáticos.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Calidris canutus.
Pilros gordos coa plumaxe invernal.

O pilro gordo cría na tundra de Siberia, Groenlandia, Canadá e Alasca. Crían illados: os niños están separados a miúdo por quilómetros de distancia. A femia pon 3 ou 4 ovos nun furado do chan cuberto de brión. Os ovos son chocados polos dous membros da parella. Os polos deixan o niño inmediatamente e comezan a alimentarse polos seus propios medios. En canto comezan a voar, os machos adultos comezan a viaxe migratoria. As aves novas séguenos días ou semanas máis tarde en solitario.

Adaptación ó voo de longa distancia

[editar | editar a fonte]

O pilro gordo fai a súa viaxe migratoria en etapas que poden acadar os 5.000 km. Para poder voar esas distancias comen grandes cantidades de alimento, o que fai que poidan dobrar o seu peso antes de comeza-la viaxe. Teñen depósitos de graxa distribuídos polo corpo, dos que sacan a enerxía necesaria durante o voo. Para facer sitio para eses depósitos sen comprometer a capacidade de voo, os seus órganos internos redúcense. A morzoa aumenta e diminúe de tamaño de acordo co tipo de alimentación: cando comen moluscos de casca dura, medra, mentres que o consumo de vermes e outras presas brandas activa a redución do seu tamaño e con isto a posibilidade de aumentar o tamaño dos depósitos de graxa.

Nomes comúns noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Alemán: Knutt
  • Danés: Islandsk ryle
  • Finlandés: Isosirri
  • Francés: Bécasseau maubèche
  • Inglés: Red Knot
  • Neerlandés: Kanoet
  • Noruegués: Polarsnipe
  • Sueco: Kustsnäppa
  1. BirdLife International (2012). "Calidris canutus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Lahuerta Mouriño, Fernando; Vázquez Álvarez, Francisco X.; Rodríguez Villanueva, Xosé L. (2000). Vocabulario multilingüe de acuicultura. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. ISBN 84-453-3316-X. 
  3. Penas Patiño, Xosé Manuel (2004). Guía das aves de Galicia. Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-69-9. 
  4. "Pilro". Dicionario de galego. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2016. Consultado o 17 de decembro de 2016. 
  5. Conde Teira, M. A. (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (PDF). Chioglossa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de novembro de 2017. Consultado o 17 de decembro de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Shorebirds von Hayman, Marchant and Prater ISBN 0-395-60237-8
  • Piersma, T., de Goeij, T. P. & Tulp, I. 1993 An evaluation of intertidal feeding habitats from a shorebird perspective: towards relevant comparisons between temperate and tropical mudflats. Netherlands Journal of Sea Research 31, 503-512.
  • Piersma, T., Dietz, M. W., Dekinga, A., Nebel, S., van Gils, J. A., Battley, P. F. & Spaans, B. 1999 Reversible size-changes in stomachs of shorebirds: when, to what extent, and why? Acta Ornithologia 34, 175-181.
  • Tomkovich, P. S. 1992 An analysis of the geographic variability in knots Calidris canutus based on museum skins. Wader Study Group Bulletin 64 Supplement, 17-23.
  • Tomkovich, P. S. 2001 A new subspecies of Red Knot Calidris canutus from the New Siberian Islands. Bulletin of the British Ornithologists Club 121, 257-263.
  • Tulp, I., Schekkerman, H., Piersma, T., Jukema, J., de Goeij, P. & van de Kam, J. 1998 Breeding waders at Cape Sterlegova, northern Taimyr, in 1994. Zeist: WIWO - Report 61.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]