Cisne
Cisne Cygnus olor | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Cygnus olor (Gmelin, 1789) | |||||||||||||||||||
Distribución do C. olor Aniñamento Anual Inverno
| |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
|
O cisne mudo,[2] cisne real[3] ou cisne común[4] (Cygnus olor) é unha especie de cisne pertencente á familia dos anátidos. Tamén se lle chama simplemente cisne,[5] pero este nome utilízase tamén para todas as outras especies de cisnes (xénero Cygnus).[4] É nativo de gran parte de Eurasia e (como visitante raro) da parte máis setentrional de África. En Galicia é un invernante accidental bastante raro.[3] É unha especie introducida en América do Norte (onde viven as maiores poboacións fóra da súa área nativa) con pequenas introducións en Australasia e o sur de África. O nome 'mudo' deriva de que é máis silencioso que outras especies de cisnes, pero non é realmente mudo.[6][7][8] Mide de 125 a 170 cm de lonxitude, e ten unha plumaxe enteiramente branca cun peteiro laranxa beireado de negro. É recoñecible por ter unha pronunciada protuberancia na parte superior do peteiro, que é maior nos machos.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]O cisne mudo foi descrito formalmente por primeira vez polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin co nome Anas olor en 1789, pero despois Johann Matthäus Bechstein transferiuno ao novo xénero Cygnus en 1803. Tanto cygnus coma olor significan 'cisne' en latín; cygnus é unha variante de cycnus, un préstamo do grego κύκνος, kyknos, palabra que significa o mesmo.[9][10][11][12]
Malia a súa orixe euroasiática, os seus parentes máis próximos son o cisne negro australiano Cygnus atratus e o cisne de pescozo negro suramericano Cygnus melancoryphus, e non os outros cisnes do hemisferio norte.[6] A especie é monotípica, xa que non ten subespecies vivas.[6][8]
Evolución
[editar | editar a fonte]Atopáronse subfósiles de cisne mudo de 6 000 anos de antigüidade en leitos de turbeiras post-glaciais de East Anglia, Gran Bretaña.[13] Foron rexistrados desde Irlanda a Portugal e Italia,[14] e en Francia.[15] A paleosubespecie Cygnus olor bergmanni, que só se diferencia en tamaño das formas vivas, coñécese por fósiles atopados en Acerbaixán.[16]
Os fósiles dos devanceiros do cisne que están máis distantemente asociados co cisne mudo foron atopados nos estados estadounidenses de California, Arizona, Idaho e Oregón.[17] Datan do Mioceno a finais do Plistoceno, ou hai 10 000 anos. O achado máis recente fíxose no deserto de Anza Borrego, un parque estatal de California.[17] Os fósiles do Plistoceno inclúen Cygnus paloregonus do Lago Fósil de Oregón, Froman's Ferry, Idaho e Arizona, referida por Howard en The Waterfowl of the World como "probablemente do tipo do cisne mudo".[18]
Descrición
[editar | editar a fonte]Os adultos deste gran cisne normalmente miden de 140 a 160 cm de longo, aínda que poden en casos extremos medir de 125 a 170 cm, cunha envergadura alar de 200 a 240 cm.[19][20] Os machos son meirandes que as femias e teñen unha protuberancia máis grande no peteiro. Como media, é a segunda especie de ave acuática máis grande despois do Cygnus buccinator, aínda que en peso os machos de cisne mudo poden facilmente igualar ou mesmo superar dita especie.[8][21] Entre as medidas estándar do cisne mudo, a corda alar mide de 53 a 62,3 cm, o tarso é de 10 a 11,8 cm e o peteiro mide de 6,9 a 9 cm.[8]
O cisne mudo é unha das aves voadoras máis pesadas. En varios estudos feitos en Gran Bretaña, os machos como media pesaban de 10,6 a 11,87 kg, e o intervalo total de pesos ía de 9,2 a 14,3 kg, mentres que as femias, que son lixeiramente menores, como media pesaban de 8,5 a 9,67 kg, cun intervalo total de pesos desde 7,6 a 10,6 kg.[8][22][23][24][25] Aínda que o peso máximo dun macho grande é duns 15 kg, un macho do morfo inmutabilis grande pode pesar case 23 kg, o que supón o maior peso comprobado dunha ave voadora, aínda que se puxo en dúbida que con ese peso puidese botarse a voar.[26]
As aves novas non teñen a cor branca brillante dos adultos maduros e os seus peteiros son de cor negra cincenta clara, non laranxa, durante o seu primeiro ano de vida. A penuxe pode ser desde branca pura a gris ou beixe, sendo o máis común o gris/beixe. Os xoves que son brancos teñen un xene do leucismo. Os xoves medran rapidamente, chegando a un tamaño próximo ao do adulto nuns tres meses despois da eclosión. As crías normalmente conservan as súas plumas grises ata que teñen polo menos un ano de idade, e a penuxe das súas ás é substitído por plumas de voo antes nese ano.
Todos os cisnes mudos son brancos cando son maduros, aínda que as plumas (especialmente na cabeza e pescozo) a miúdo están tinguidas de marrón laranxa polo ferro e taninos que hai na auga.[27]
Cisne do morfo inmutabilis
[editar | editar a fonte]O morfo immutabilis, tamén chamado "Polish swan" na literatura inglesa, ten unhas patas rosadas (non grises escuras) e crías brancas mate. Só se encontra en poboacións cunha historia de domesticación.[28][29] Estes cisnes levan unha copia dun xene responsable do leucismo.[29]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Os cisnes mudos nidifican en grandes moreas de materiais que constrúen con vexetación da ribeira en augas pouco profundas en illas no medio ou nas beiras do lago. Son monógamos e adoitan reutilizar o mesmo niño cada ano, restaurándoo ou reconstruíndo se é necesario. O macho e a femia comparten os coidados do niño e unha vez que as crías emplumaron non é raro ver familias completas buscando comida. Aliméntanse dunha ampla variedade de vexetación, tanto de plantas acuáticas semimergulladas que poden alcanzar cos seus longos pescozos, coma pastando en terra. O alimento xeralmente inclúe plantas cultivadas como a colza e o trigo, e as bandadas de alimentación en inverno poden causar danos significativos ás colleitas agrícolas, a miúdo principalmente porque as esmagan ao pisalas cos seus grandes pés palmados, pero tamén por consumo directo.[30]
A diferenza dos cisnes negros Cygnus atratus, os cisnes mudos son xeralmente moi territoriais e só hai unha parella deles nos lagos máis pequenos, aínda que nuns poucos lugares onde dispoñen dunha ampla área con alimento axeitado, poden ser coloniais. As colonias máis grandes teñen unhas 100 parellas, como a colonia de Abbotsbury Swannery no sur de Inglaterra, e no extremo sur da illa de Öland, na reserva de Ottenby, nas augas costeiras do mar Báltico, e poden ter niños distanciados só uns 2 m.[28][31] Os xoves non emparellados de ata 3 ou 4 anos de idade xeralmente forman grandes bandadas, que poden ter en total centos de aves, a miúdo en sitios tradicionais regulares.[32] Unha importante bandada de aves non reprodutoras encóntrase no esturario do río Tweed en Berwick-upon-Tweed no noroeste de Inglaterra, cunha cantidade máxima de 787 exemplares.[33] Hai unha gran poboación preto da Swan Lifeline Station en Windsor, e viven no Támese á sombra do castelo de Windsor. Unha vez que os adultos se emparellan, saen a buscar os seus propios territorios e adoitan vivir preto de patos e gaivotas.
O cisne mudo é menos vocalizador que os ruidosos cisnes bravo e pequeno; porén, fan diversos gruñidos, asubíos roufeños e ruídos de bufidos, especialmente para comunicarse coas crías, e xeralmente bufan aos seus competidores ou a intrusos que tratan de entrar no seu terriotorio.[34] O son máis familiar asociado co cisne mudo é a do vibrante batido das ás en voo, único desta especie, que pode oírse a 1 ou 2 km de distancia, o que indica o seu valor como son de contacto entre as aves en voo.[28] As crías son especialmente vocalizadoras e comunícanse por medio dunha variedade de asubíos e píos cando están contentas, e con ásperos ruídos grallantes cando están alteradas ou perdidas.
Os cisnes mudos poden ser moi agresivos en defensa dos seus niños e son moi protectores da súa parella e crías. A maioría dos ataques defensivos dun cisne mudo empezan cun forte bufido e, se isto non for dabondo para espantar ao predador, realiza un ataque físico. Os cisnes atacan golpeando os seus inimigos cos seus esporóns óseos das ás, acompañados de mordedelas co seu longo peteiro, mentres que as aves acuáticas pequenas como os patos son normalmente agarrados co peteiro do cisne e arrastrados ou guindados lonxe do cisne e as súas crías. As ás do cisne son moi potentes, mais non fortes dabondo como para romper a perna dun home adulto, como se ten dito anecdoticamente.[35] As aves acuáticas grandes como os gansos do Canadá, (probablemente como competencia máis que como resposta a unha posible predación) poden ser axotados agresivamente e os cisnes mudos atacan regularmente á xente que entra no seu territorio.[36].
O macho é responsable da defensa dos fillos cando están na auga e ás veces ataca pequenas barcas, como canoas, que sente que son unha ameaza para as crías. O macho ademais trata de perseguir o predador levándoo lonxe do territorio da súa familia, e mantén a raia animais como raposos e aves rapaces. En Nova York (fóra da súa área nativa), os predadores máis comúns das crías son as tartarugas mordedoras Chelydra serpentina.[36] Os adultos saudables raramente sofren predación, aínda que cánidos como os coiotes, félidos como os linces, e os osos poden supoñer unha ameaza para os exemplares máis débiles (os que están en bo estado poden normalmente escapar do perigo nadando a non ser que teñan que defender o niño) e hai poucos casos de adultos saudables que sexan presa da aguia real.[37][38] Nalgúns países, como Inglaterra houbo casos en que foron atacados por cans incontrolados (o que é ilegal, xa que estas aves están protexidas debido á súa asociación coa monarquía).[39] Pero normalmente, os cisnes mudos poden atacar a cans para protexerse e protexer as crías, e un cisne adulto mesmo pode dominalos e afogalos,[40] incluso a cans de razas grandes.[41]
A súa coñecida postura co peteiro curvado e as ás medio ergueitas é unha exhibición de ameaza. Durante esta exhibición moven ambos os pés ao unísono, realizando un movemento máis errático.[42] Poden utilizar tamén esta postura para transportarse axudados polo vento ao longo de centos de metros, o que se chama facer windsurf.[43][44]
Como outros cisnes, os cisnes mudos son coñecidos pola súa capacidade de "entristecerse" pola perda ou morte dunha parella ou cría.[45][46] Pasan por un proceso de dó, e no caso da perda da parella, poden permanecer onde a súa parella vivía, ou marchar voando para unirse a unha bandada.[47] Se morre a parella, o outro membro asume os coidados das crías.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Os cisnes mudos poñen de 4 a 10 ovos que a femia choca durante uns 36 días, e as crías normalmente fan eclosión entre os meses de maio e xullo.[48] As crías non adquiren a capacidade de voar ata os 120 a 150 días de vida.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]O cisne mudo atópase de forma natural en áreas temperadas de Europa e oeste de Asia, chegando polo leste ata krai de Primorsky, preto de Sidemi.[49]
É parcialmente migratorio desde as latitudes setentrionais de Europa e Asia, ata polo sur o norte de África e o Mediterráneo. Está rexistrado como nidificante en Islandia e como ave errante nesa área e tamén nas Bermudas. Aínda que a maioría da poboación actual no Xapón é introducida, é coñecida alí desde antigo e representada en pinturas, e aínda hoxe chegan alí algúns exemplares do continente asiático en inverno.
É unha especie protexida na maioría da súa área, pero isto non impediu a caza ilegal e furtiva. A miúdo téñense exemplares en catividade fóra da súa área natural, en parques e lagoas, debido á súa beleza, e ás veces escapan a outros lugares. Os descendentes desas aves fuxidas conseguiron naturalizarse no leste dos Estados Unidos e nos Grandes Lagos.
Poboacións
[editar | editar a fonte]Poboacións nativas
[editar | editar a fonte]A poboación nativa total de cisnes mudos é duns 500 000 exemplares ao final da estación reprodutora (adultos e xoves), dos cales 350 000 viven nos territorios da antiga Unión Soviética.[6] A concentración de reprodutores máis grande é de 11 000 parellas no delta do Volga.[7]
A poboación do Reino Unido era duns 22 000 exemplares no inverno de 2006–2007,[50] o que supón un lixeiro declive desde o pico de 26 000–27 000 exemplares de 1990.[7] Isto inclúe unhas 5 300 parellas reprodutoras; os restantes son inmaturos.[51] Outras poboacións significativas en Europa son as 6 800–8 300 parellas reprodutoras de Alemaña, as 4 500 parellas de Dinamarca, as 4 000–4 200 parellas de Polonia, as 3 000–4 000 parellas dos Países Baixos, as 2 500 parellas de Irlanda, e as 1 200–1 700 parellas de Ucraína.[7]
Durante moitos séculos os cisnes mudos de Gran Bretaña foron domesticados e criados como alimento, e os exemplares eran marcados con amosegas nos seus pés palmados ou peteiros para que os seus donos os distinguisen. Tamén se estableceu un grupo de gansos reais da Coroa británica. Todos os exemplares que non estean marcados pasan a ser propiedade da Coroa, polo que a especie coñécese como "ave real". É probable que esta domesticación as salvase da súa extinción local por exceso de caza.[52][53][53]
As poboacións do oeste de Europa foron en gran parte exterminadas pola presión da caza entre os séculos XIII e XIX, coa excepción das aves semidomesticadas mantidas polos grandes teratenentes. Gozaron dunha mellor protección a finais do século XIX e inicios do XX, que permitiu a estas aves regresar á maioría das súas antigas áreas.[54][55] Máis recentemente, no período desde 1960 ata inicios da década de 1980, o seu número diminuíu significativamente outra vez en moitas áreas de Inglaterra,[56] principalmente debido ao envelenemento por chumbo ao tragaren chumbadas de pesca con cana. Despois de que estes obxectos de chumbo pasaron a fabricarse noutros materiais menos tóxicos, os cisnes mudos volveron a aumentar.[7]
Poboacións introducidas
[editar | editar a fonte]Desde que foi introducido en América do Norte, o cisne mudo incrementouse moito en número, ata o punto de que é considerado agora unha especie invasora. As poboacións introducidas noutras áreas seguen sendo pequenas, unhas 200 aves no Xapón, menos de 200 en Nova Zelandia e Australia e unhas 120 en Suráfrica.[6]
Norteamérica
[editar | editar a fonte]O cisne mudo foi introducido en Norteamérica a finais do século XIX. Recentemente, está empezando a considerarse unha especie invasora debido o seu rápido incremento en número e os seus efectos adversos sobre outras aves acuáticas e ecosistemas nativos. Por exemplo, un estudo dos tamaños de poboación nos Grandes Lagos inferiores desde 1971 a 2000 encontrou que a especie estaba a incrementarse a un ritmo medio de polo menos o 10% ao ano, polo que dobra a súa poboación cada sete ou oito anos.[57] Varios estudos chegaron á conclusión que o cisne mudo causa unha redución grave da vexetación mergullada alí onde vive.[58]
En 2003, o Servizo de Vida Silvestre e Pesca dos Estados Unidos propuxo "minimizar os danos ambientais atribuídos aos cisnes mudos" reducindo o seu número na vía migratoria atlántica aos niveis previos a 1986, o que era unha redución do 67% nese momento. Segundo un informe publicado no Rexistro Federal de 2003[59] a proposta foi apoiada por todas as axencias de vida silvestre dos trece estados afectados que enviaron comentarios, así como por 43 organizacións de conservación da natureza. Opuxéronse dez organizacións dos dereitos dos animais e moitos comentarios do público. Nese momento os cisnes mudos estaban protexidos pola Lei do Tratado de Aves Migratorias debido a unha orde xudicial, pero en 2005 o Departamento do Interior dos Estados Unidos declarouna oficialmente especie de ave non nativa non protexida.[60] Os cisnes mudos están protexidos nalgunhas áreas dos Estados Unidos por leis locais, como por exemplo en Connecticut.[61]
O status do cisne mudo como especie introducida en Norteamérica é discutido polo grupo "Save the Mute Swans" (Salvar os cisnes mudos).[62] Este grupo considera que os cisnes mudos son nativos da rexión e, polo tanto, merecen protección. Afirman que eses cisnes tiveron a súa orixe en Rusia e citan avistamentos históricos e rexistros fósiles. Non obstante, estas afirmacións foron rexeitadas polo Departamento do Interior dos Estados Unidos por consideralas enganosas.[60]
Oceanía
[editar | editar a fonte]En Nova Zelandia estaban totalmente protexidos pola Lei de Vida Salvaxe de 1953, pero isto cambiou en 2010, ano en que se lle deu un nivel menor de protección, e agora permítese matalos ou telos en catividade á discreción do Ministerio de Conservación.[63]
Existe unha pequena poboación que se volveu silvestre na veciñanza de Perth, Australia, pero crese que ten menos de 100 individuos.
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]Un cisne mudo está representado nunha moeda de euro irlandesa de 2004 acuñada para conmemorar a ampliación da Unión Europea coa incorporación de dez novos estados, o cal ocorreu durante a presidencia irlandesa da Unión Europea.
O cisne mudo é a ave nacional de Dinamarca desde 1984. Antes a ave nacional de Dinamarca era a laverca (desde 1960).
O conto "O parrulo feo" de Hans Christian Andersen narra a historia dunha cría de cisne cuxo ovo é levado por erro a un curral de patos e cando nace é expulsado polas aves do seu curral, porque o consideraban demasiado feo. Pero para o seu deleite (e a sorpresa doutros), madurou converténdose nun fermoso cisne, a ave máis bela de todas.
O famoso ballet O lago dos cisnes, ten como principal personaxe a Princesa Odette e ela e as súas compañeiras son convertidas en cisnes durante as horas diúrnas por un feitizo.
Hoxe, a monarquía británica conserva o dereito de converterse en propietaria de todos os cisnes non marcados que se encontren en augas abertas, pero a raíña Isabel II só exerce os seus dereitos de propiedade en certos tramos do Támese e os seus afluentes. Esta propiedade é compartida coas compañías Vintners' e Dyers', ás que a Coroa lles concedeu ese dereito no sécuo XV.[64]
Os cisnes mudos do foso do Palacio episcopal da catedral de Wells en Wells, Inglaterra, foron durante séculos adestrados para tocar unhas campás por medio dunhas cordas atadas a eles para pedir comida. Aínda hoxe dous cisnes saben tocar a campá para o xantar.[65]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Buscando alimento baixo a auga
-
En voo
-
Bandada en voo
-
Pousándose na auga
-
Ovo de cisne mudo da colección do Museo de Wiesbaden
-
Selo postal finlandés de 1956 cun cisne mudo
-
Perfil da cabeza, en Windermere, Inglaterra
-
Catro cisnes mudos nas ribeiras do Etobicoke Creek
-
Familia de cisnes mudos nun pequeno lago do sur de Míchigan, EUA
-
Cisnes mudos no lago Orongoi, Buriatia
-
Nun campo no río Vístula no sur de Polonia
-
Cisne mudo
-
Ovo de C. olor da colección do MHNT
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2012). "Cygnus olor". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ 4,0 4,1 Definición de Cisne no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cisne.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi, eds. (1992). Handbook of the Birds of the World. 1, Ostrich to Ducks. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 577–78. ISBN 978-84-87334-10-8.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Snow, D. W.; Perrins, C. M. (1998). The Birds of the Western Palearctic (Concise ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-854099-1.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Madge, S.; Burn, H. (1987). Wildfowl: An Identification Guide to the Ducks, Geese and Swans of the World. A & C Black. ISBN 978-0-7470-2201-5.
- ↑ [www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus:text:1999.04.0059:entry=cycnus1 cycnus], [www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus:text:1999.04.0059:entry=olor1 olor]. Charlton T. Lewis and Charles Short. A Latin Dictionary on Perseus Project.
- ↑ [www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus:text:1999.04.0057:entry=ku/knos κύκνος]. Liddell, Henry George; Scott, Robert; A Greek–English Lexicon at the Perseus Project.
- ↑ Simpson, D. P. (1979). Cassell's Latin Dictionary (5th ed.). London: Cassell. ISBN 978-0-304-52257-6.
- ↑ Harper, Douglas. [https://www.etymonline.com/word/cygnet "cygnet"]. Online Etymology Dictionary.
- ↑ Northcote, E. M. (1981). "Size difference between limb bones of recent and subfossil Mute Swans (Cygnus olor)". J. Archaeol. Sci. 8 (1): 89–98. doi:10.1016/0305-4403(81)90014-5.
- ↑ Palmer, Ralph S., ed. (1976). Handbook of North American Birds 2. New Haven: Yale University Press. ISBN 978-0300019025.
- ↑ Les oiseaux magdaJeniens de Pierre-Chatel (Ain) par Rene Desbrasse, Pariset Cecile Mourer-Chauvire, Lyon [www.quartaer.eu/pdfs/1972/1972-73_08_desbrosse.pdf ]
- ↑ Azerbaijan National Academy of Sciences Binagadi deposit of the Quaternary fauna Arquivado 25 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.
- ↑ 17,0 17,1 Jefferson, George T.; Lindsay, Lowell, eds. (2005). Fossil Treasures of the Anza-Borrego Desert. Sunbelt Publications. p. 153. ISBN 9780932653505.
- ↑ The Waterfowl of the World. pp. 262–265.
- ↑ Madge, Steve, Waterfowl: An Identification Guide to the Ducks, Geese, and Swans of the World. Houghton Mifflin Harcourt (1992), ISBN 978-0-395-46726-8
- ↑ Mullarney, K., Svensson, L, Zetterstrom, D., & Grant, P.J. (1999) Collins Bird Guide. HarperCollins Publishers Ltd., London p. 14
- ↑ del Hoyo, et al., Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks (Handbooks of the Birds of the World). Lynx Edicions (1992), ISBN 978-84-87334-10-8
- ↑ CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5.
- ↑ Sears, J. (1989). Feeding activity and body condition of mute swans Cygnus olor in rural and urban areas of a lowland river system. Wildfowl, 40(40), 88–98.
- ↑ Reynolds, C. M. (1972). Mute Swan weights in relation to breeding. Wildfowl, 23(23), 8.
- ↑ Bacon, P. J., & Coleman, A. E. (1986). An analysis of weight changes in the Mute Swan Cygnus olor. Bird Study, 33(3), 145–158.
- ↑ Wood, Gerald (1983). The Guinness Book of Animal Facts and Feats. ISBN 978-0-85112-235-9.
- ↑ "The Mute Swan | Birds of Eden". Birds of Eden. Consultado o 26 March 2014.
- ↑ 28,0 28,1 28,2 Cramp, S., ed. (1977). The Birds of the Western Palearctic. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-857358-6.
- ↑ 29,0 29,1 Taylor, Moss (January 2018). "The Polish swan in Britain & Ireland". British Birds 111 (1): 10–24.
- ↑ Parrott, D.; McKay, H. V. (2001). "Mute swan grazing on winter crops: Estimation of yield loss in oilseed rape and wheat. Mute swans occasionally eat insects, amphibians and smaller birds". J. Crop Protection 20 (10): 913–919. doi:10.1016/s0261-2194(01)00041-2.
- ↑ Hogan, C. M. (2006). Environmental Database for Oland, Sweden. Lumina Press.
- ↑ Scott, P.; Wildfowl Trust (1972). Behavioral patterns of juvenile Mute Swans.
- ↑ "The Berwick Swan and Wildlife Trust". Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2009. Consultado o 21 de outubro de 2019.
- ↑ "Mute Swan". allaboutbirds.org. Consultado o 29 April 2016.
- ↑ "Classroom Resources – Argonne National Laboratory". anl.gov. Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2015. Consultado o 21 de outubro de 2019.
- ↑ 36,0 36,1 "Mute Swan". New York Department of Environmental Conservation. Consultado o 3 May 2012.
- ↑ "ADW: Cygnus olor: INFORMATION". Animaldiversity.ummz.umich.edu. Consultado o 3 May 2012.
- ↑ Watson, Jeff (2011). The Golden Eagle (Second ed.). ISBN 978-0-30017-019-1.
- ↑ "Protection of swans from attack by dangerous/uncontrolled dogs? – a Freedom of Information request to Department for Environment, Food and Rural Affairs". 17 March 2013.
- ↑ "Swan beats dog to death in park pond". Metro (en inglés). 2019-07-02. Consultado o 2019-07-07.
- ↑ "Two dogs killed in swan attacks" (en inglés). 2004-05-25. Consultado o 2019-07-07.
- ↑ "Topic: Busking". Bird On! Bird Care. Consultado o 26 March 2014.
- ↑ Terenius, Olle (2016-09-01). "Windsurfing in Mute Swans (Cygnus olor)" (PDF). The Wilson Journal of Ornithology 128 (3): 628–631. ISSN 1559-4491. doi:10.1676/1559-4491-128.3.628.
- ↑ "Windsurfing Mute Swan".
- ↑ Wedderburn, Pete. "Animals grieve just as people do". The Telegraph (en inglés). Consultado o 2019-07-25.
- ↑ "Lonely Irish swan ‘hugs’ cars after its mate was killed". IrishCentral.com (en inglés). 2018-10-22. Consultado o 2019-07-25.
- ↑ "The care and treatment of swans and waterfowl with an established worldwide reputation.". The Swan Sanctuary (en inglés). Consultado o 2019-07-25.
- ↑ "Frequently Asked Questions (FAQs)". The Swan Sanctuary. Consultado o 3 April 2019.
- ↑ Dement'ev, G. P.; Gladkov, N. A. (1967). Birds of the Soviet Union IV. U.S. Fish & Wildlife Translation.
- ↑ Austin, G.; Collier, M.; Calbrade, N.; Hall, C.; Musgrove, A. (2008). Waterbirds in the UK 2006/07. Thetford: Wetland Bird Survey. ISBN 978-1-906204-33-4.
- ↑ Baker, Helen; Stroud, David A.; Aebischer, Nicholas J.; Cranswick, Peter A.; Gregory, Richard D.; McSorley, Claire A.; Noble, David G.; Rehfisch, Mark M. (January 2006). "Population estimates of birds in Great Britain and the United Kingdom" (PDF). British Birds 99: 25–44. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de marzo de 2021. Consultado o 21 de outubro de 2019.
- ↑ "About Mute Swans". northwestswanstudy.org.uk. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 21 de outubro de 2019.
- ↑ 53,0 53,1 "Swan Upping on the River Thames – History by The Royal Windsor Web Site". thamesweb.co.uk.
- ↑ Ticehurst, N. E. (1957). The Mute Swan in England. London: Cleaver-Hume Press.
- ↑ Holloway, S. (1996). The Historical Atlas of Breeding Birds in Britain and Ireland 1875–1900. London: Poyser. ISBN 978-0-85661-094-3.
- ↑ Jane Sears; Alan Hunt. "Lead Poisoning in Mute Swans". Consultado o 19 July 2018.
- ↑ Petrie, Scott A.; Francis, Charles M. (2010). "Rapid increase in the lower Great Lakes population of feral mute swans: a review and a recommendation". Wildlife Society Bulletin 31 (2): 407.
- ↑ Allin, Charles C.; Husband, Thomas P. (September 2003). "Mute Swan (Cygnus olor) impact on submerged aquatic vegetation and macroinvertebrates in a Rhode Island coastal pond". Northeastern Naturalist 10 (3): 305–318. ISSN 1092-6194. doi:10.1656/1092-6194(2003)010[0305:MSCOIO]2.0.CO;2.
- ↑ Williams, Steve. "Finding of No Significant Impact and Final Environmental Assessment for the Management of Mute Swans in the Atlantic Flyway" (PDF). Federal Register 68 (152): 47085.
- ↑ 60,0 60,1 "Final List of Bird Species to Which the Migratory Bird Treaty Act Does Not Apply" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de xullo de 2011. Consultado o 21 de outubro de 2019.
- ↑ "Bird lovers, Conn. are at odds on swans". Boston Globe. 24 December 2007. Consultado o 7 April 2009.
- ↑ "Mute Swan Advocacy". Mute Swan Advocacy. Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2011. Consultado o 3 May 2012.
- ↑ "Protection status changes to Wildlife Act". www.doc.govt.nz (en inglés). Consultado o 2022-03-27.
- ↑ British Monarchy website regarding swan upping and the Crown's ownership of Mute Swans.
- ↑ "Swan Watch: The Bishop's Swans". Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2016. Consultado o 4 September 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cisne |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cisne |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeos, fotos, e sons de cisne mudo na Internet Bird Collection
- Vídeo sobre o ADNmt do cisne mudo traducido a música
- Galería de fotos de cisne mudo en VIREO (Universidade de Drexel)