Almirante de Castela
O almirantado de Castela foi unha dignidade castelá creada no século XIII e que perdurou ata o ano 1705.
Orixes do título
[editar | editar a fonte]O Almirantado de Castela foi creado polo rei Fernando III o Santo logo da conquista de Sevilla. Este título atopábase revestido de grande autoridade, poder e preminencias que aparecen especificadas por Afonso X o Sabio na segunda Partida das Leis. Nela dicíase que quen fose elixido, había de chegar ante o rei ataviado con valiosas vestiduras de seda, recibir un anel na man dereita, en sinal da honra que se lle facía, unha espada representando o poder delegado, e un estandarte coas armas reais por acabdillamiento outorgado en representación do monarca.
O Almirante residía ordinariamente en Sevilla, por estar alí o estaleiro e ser lugar onde se armaban e organizaban as frotas e radicar alí tamén o tribunal especial marítimo. Entre as múltiples atribucións e facultades do Almirante, figuraban ter voz e voto de calidade no Consello.
O primeiro Almirante (1254) foi Ruy López de Mendoza.[1]
Durante o reinado dos tres últimos Trástamara a institución do Almirantado transfórmase: "o Almirante pasa a ser un palaciano que intriga para acrecentar as súas preeminencias".[2]
Desde 1405 ata 1705, en que este cargo desaparece, constitúese en patrimonio dos Enríquez, descendentes do infante Fadrique de Castela, fillo natural do rei Afonso XI o Xusticeiro. Don Alonso Enríquez, por concesión de Henrique III, foi o primeiro desta familia que ostentou o Almirantado.
En 1726 logo dun curto intervalo, sen haberse feito novo nomeamento de tal dignidade, Filipe V acordou non provela, e en 1737 fundiu os almirantados españois na suprema xerarquía de Almirante Xeral da Armada, concedida ao infante Don Filipe.