Dogma 95
O Dogma 95 (dinamarqués: Dogme 95) foi un movemento cinematográfico de vangarda iniciado en 1995 polos directores dinamarqueses Lars von Trier e Thomas Vinterberg, que crearon o "Manifesto Dogma 95" e o "voto de castidade" (dinamarqués: kyskhedsløfter). No intento de recoller a "pureza" do cinema, lonxe de artificios ou complexidades técnicas. Estas eran regras para crear unha cinematografía baseada nos valores tradicionais de guión, actuación e tema, excluíndo o uso de efectos especiais elaborados ou tecnoloxía, coa esperanza de que a industria dese de novo o poder ao artista como oposición ao estudio.[1] Tras von Trier e Vinterberg uníronse outros directores como Kristian Levring e Søren Kragh-Jacobsen, que formaron o Colectivo Dogma 95 ou Dogme Brethren.
Historia
[editar | editar a fonte]Lars von Trier e Thomas Vinterberg escribiron e asinaron o manifesto e os seus votos. Vinterberg dixo que os escribiron en 45 minutos.[2] O movemento presentado en París o 13 de marzo de 1995 na conferencia Le cinéma vers son deuxième siècle. O mundo do cinema reunírase para celebrar o centenario desa arte e contemplar o futuro do cinema comercial. Chamado a falar sobre este tema, Lars von Trier lanzou a un público perplexo, panfletos vermellos anunciando o "Dogma 95".
O primeiro filme do movemento (Dogme #1) foi Festen, de Vinterberg, en 1998, que recibiu grandes críticas e gañou o premio do xurado no Festival de Cannes. O actor e director franco-estadounidense Jean-Marc Barr foi o primeiro estranxeiro en dirixir un filme Dogma, Lovers (1999) (Dogme #5). O director galego Juan Pinzás filmou a triloxía Era outra vez (2000), Días de voda (2002) e O desenlace (2005).
A finais da década do 2000 a chegada da tecnoloxía de vídeo en cámaras fotográficas contribuíu ao aumento de filmes e curtametraxes seguindo en maior ou menor medida as regras do manifesto. Porén, debido aos avances tecnolóxicos e á calidade a estética destas producións está moi afastada dos filmes rodados en cinta.
Obxectivos e regras
[editar | editar a fonte]O obxectivo do movemento é purificar a arte cinematográfica, rexeitando os efectos especiais e as modificacións na posprodución. As dez regras que debía cumprir un filme para ser considerado Dogma segundo o "Voto de Castidade," son:[1]
- A rodaxe debe facerse en localizacións. Non se deben levar a escenarios. (Se é preciso un accesorio especial para a historia, debe escollerse unha localización na que se poida localizar).
- O son non debe ser producido á parte das imaxes e viceversa. (Non se debe empregar música a menos que exista onde se grava a escena.)
- Debe levarse a cámara en man. Permítese calquera movemento ou inmobilidade proporcionado pola man.
- O filme debe de ser en cor. A iluminación especial non é aceptable. (Se a iluminación é demasiado feble para a rodaxe debe cortarse a escena ou conectar unha soa lámpada á cámara).
- Están prohibidos os traballos ópticos e os filtros.
- O filme non debe conter acción superficial. (Non deben ocorrer asasinatos, armas etc.)
- Está prohibida a alienación temporal e xeográfica. (É dicir, o filme ten lugar aquí e agora).
- Non se aceptan xéneros cinematográficos.
- O formato do filme debe ser 35 mm.
- O director non debe aparecer nos títulos de crédito.
Usos e abusos
[editar | editar a fonte]As regras foron rotas desde o primeiro filme Dogma producido. Por exemplo, Vinterberg “confesou” que durante unha escena de Festen cubriu unha xanela, o que deu á escena unha iluminación especial. Von Trier usou a música de Le Cygne de Camille Saint-Saëns no filme Idioterne.
Desde o trixésimo primeiro filme Dogma (2002) un cineasta xa non necesita que a súa obra sexa verificada e identificada como dentro do movemento. Os fundadores orixinais comezaron a traballar en novos proxectos experimentais e o movemento rompeuse en 2005.[3]
Filmes e directores
[editar | editar a fonte]Os principais filmes do movemento foron:
- Dogme #1: Festen
- Dogme #2: Idioterne
- Dogme #3: Mifunes sidste sang
- Dogme #4: The King Is Alive
- Dogme #5: Lovers
- Dogme #12: Italiensk for begyndere
- Dogme #28: Elsker dig for evigt
Algúns dos directores adheridos ao grupo foron Thomas Vinterberg, Lars von Trier, Søren Kragh-Jacobsen, Kristian Levring, Jean-Marc Barr, Anthony Dod Mantle, Paprika Steen, Harmony Korine, Susanne Bier e Richard Martini.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Utterson, Andrew (2005). Routledge, ed. Technology and Culture, the Film Reader. ISBN 978-0-415-31985-0.
- ↑ Krause, Stefanie (2007). Verlag, ed. The Implementing of the 'Vow of Chastity' in Jan Dunn's "Gypo". ISBN 978-3-638-76811-5.
- ↑ Entrevista a Kristian Levring
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Cine |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web de Dogme95
- "Interview: Mogens Rukov"
- Páxina oficial de Nimbus Film
- "Lars From 1-10", filme de dez minutos con reflexións de von Trier sobre o movemento
- Dogme 95 por John Roberts