Hepatocito
Os hepatocitos son as células que forman o tecido principal do fígado, o parénquima hepático. Supoñen do 70 ao 80% da masa citoplasmática total do fígado. Son células moi activas metabolicamente. As funcións nas que están implicadas son:
- Síntese de proteínas.
- Almacenamento de proteínas.
- Transformación dos carbohidratos.
- Síntese de colesterol, sales biliares e fosfolípidos.
- Detoxificación, modificación e excreción de substancias exóxenas e endóxenas.
O hepatocito tamén inicia a formación e secreción de bile.
Histoloxía
[editar | editar a fonte]Os hepatocitos son células poliédricas con seis ou máis caras. Presentan un citoplasma eosinófilo, debido ás súas numerosas mitocondrias, punteado con zonas basófilas debidas á grande extensión do seu retículo endoplasmático rugoso con moitos ribosomas e aos numerosos ribosomas libres. O retículo endoplasmático liso é tamén amplo e con frecuencia nel poden observarse glóbulos das lipoproteínas VLDL, que se forman alí[1]. Tamén se observan gránulos de lipofuscina e áreas citoplasmáticas non tinguidas, as cales corresponden a zonas onde estaban situados gránulos de glicóxeno e acumulacións de lípidos que foron eliminados durante a elaboración da preparación histolóxica. En certas técnicas de preparación poden conservarse o glicóxeno e a graxa, que son abundantes. Nas micrografías electrónicas os gránulos de glicóxeno aparecen como agregados densos ou rosetas de ata 0,1 microns de diámetro (partículas alfa), formadas por outras máis pequenas de 20-30 nm (partículas beta), e xeralmente están asociadas co retículo endoplasmático liso. A graxa aparece en forma de gotiñas non rodeadas de membrana. Contén numerosas mitocondrias, lisosomas e peroxisomas[1].
O núcleo do hepatocito é redondo e contén cromatina dispersa e nucléolos prominentes. É común a variación en tamaño do núcleo, que a miúdo reflicte casos de tetraploidía e outros graos de poliploidía, fenómeno que se presenta no 30-40% dos hepatocitos do fígado humano adulto.[2] Tamén son comúns os hepatocitos binucleados.
A vida media dun hepatocito é duns 5 meses. Poden rexenerar o tecido hepático.
Os hepatocitos están organizados en placas separadas por canles vasculares (os sinusoides hepáticos), dispostos sobre un armazón reticular proteíco de reticulina (coláxeno tipo III). As placas de hepatocitos teñen só unha célula de grosor nos mamíferos e dúas células de grosor nos polos. Os sinusoides están revestidos internamente por un endotelio descontinuo e fenestrado. As células endoteliais non teñen membrana basal e están separadas dos hepatocitos polo espazo de Disse, polo cal se drena a linfa nos vasos linfáticos portais.
Hai células de Kupffer distribuídas espalladamente entre as células endoteliais, as cales forman parte do sistema reticuloendotelial e fagocitan os eritrocitos vellos. As células perisinusoidais (ou células hepáticas estreladas) almacenan vitamina A e producen matriz extracelular e coláxeno; están tamén distribuídas entre as células endoteliais pero son difíciles de localizar co microscopio óptico.
Metabolismo das proteínas
[editar | editar a fonte]O hepatocito ten unha activa síntese proteica. Ademais de sintetizar as súas propias proteínas estruturais e encimáticas, é a célula que fabrica a albumina sérica, o fibrinóxeno, e a maioría dos factores de coagulación do grupo da protrombina. É o principal sitio de síntese de lipoproteínas, ceruloplasmina, transferrina, membros do sistema do complemento, e glicoproteínas.
Os hepatocitos tamén sintetizan apoproteínas coas cales forman lipoproteínas para a exportación, como as VLDL.
A síntese destas proteínas realízase no seu amplo retículo endoplasmático rugoso, e libéranse do orgánulo en forma de vesículas e son secretadas fóra da célula.
O retículo endoplasmático rugoso está implicado tamén na conxugación de proteínas con lípidos e carbohidratos sintetizados ou modificados no hepatocito.
Ademais de sintetizaren proteínas, os hepatocitos captan e eliminan (pola bile) moitas proteínas do sangue, como inmunoglobulinas, albumina, transferrina, insulina, alfa-macroglobulina, factor de crecemento epidérmico etc. A maior parte das IgA formadas polas células plasmáticas (linfocitos B activados) do intestino chegan por vía linfática ao fígado e volven ao intestino vía bile, despois de seren expulsadas polos hepatocitos, onde se sintetiza a súa peza secretora [1].
Os grupos amino dos aminoácidos das proteínas, que orixinan amoníaco tóxico, son incorporados á urea no fígado no ciclo da urea dos hepatocitos.
Metabolismo dos carbohidratos
[editar | editar a fonte]A partir fundamentalmente de carbohidratos o fígado fabrica ácidos graxos, cos que sintetiza triglicéridos.
O fígado é tamén a parte do corpo principal onde ten lugar a gliconeoxénese, vía metabólica na que se forman carbohidratos a partir de precursores como a alanina, glicerol, e oxalacetato.
As células do fígado controlan tamén a cantidade de azucre sanguíneo, captando a glicosa sanguínea e converténdoa en glicóxeno do hepatocito (glicoxenoxénese), ou, cando é necesario, degradando o glicóxeno para liberar glicosa (glicoxenólise). A maior parte dos encimas implicados son citosólicos.
Metabolismo lipídico
[editar | editar a fonte]O fígado recibe moitos lípidos procedentes da circulación sanguínea e metaboliza os quilomicrons absorbidos no intestino. No fígado orixínanse as lipoproteínas sanguíneas VLDL, que se liberan nos espazos de Disse. Os triglicéridos fabrícanse no retículo endoplasmático liso.
Sintetiza tamén colesterol a partir de acetato (concretamente de acetil-CoA) e posteriormente sintetiza os sales biliares. O fígado é o único lugar onde se forman os sales biliares.
Detoxificación
[editar | editar a fonte]Os hepatocitos teñen a capacidade de metabolizar, detoxificar, e inactivar compostos exóxenos como fármacos ou insecticidas, e compostos endóxenos como os esteroides.
O sangue venoso intestinal é primeiro drenado no fígado (vía vea porta) antes de distribuírse por todo o corpo, para que alí sexa eficientemente detoxificado das diversas substancias absorbidas no intestino para manter a homeostase e protexer o corpo das toxinas inxeridas.
Unha das funcións detoxificantes dos hepatocitos é transformar o amoníaco en urea (ciclo da urea) para a súa excreción.
Nos peroxisomas dos hepatocitos detoxifícase o alcohol etílico.
Uso en experimentación
[editar | editar a fonte]Os hepatocitos son un importante sistema experimental in vitro para a avaliación dos efectos biolóxicos e metabólicos de xenobióticos como os fármacos. Os hepatocitos poden separarse do tecido hepático por dixestión co encima colaxenase, que é un proceso en dúas fases. Primeiramente, o fígado introdúcese nunha solución isotónica, na cal se elimina o calcio para desorganizar as unións hermáticas entre as células utilizando un axente quelante do calcio. Despois, engádese unha solución que contén colaxenase para separar os hepatocitos do tecido. Este proceso orixina unha suspensión de hepatocitos, que poden ser cultivados en placas de cultivo para o seu uso inmediato, ou poden ser criopreservados por conxelación.[3] Non proliferan en cultivo e son moi sensibles aos danos durante a criopreservación (conxelado e desconxelado), mesmo utilizando os crioprotectores clásicos.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 696-712. ISBN 84-7605-361-4
- ↑ Séverine Celton-Morizur; Grégory Merlen, Dominique Couton, Chantal Desdouets (February 2010). "Polyploidy and liver proliferation". Cell Cycle 9 (3): pp. 460-466. http://www.kelly-landes.org/journals/cc/14-Celton-MorizurCC9-3.pdf Arquivado 25 de abril de 2012 en Wayback Machine.. Consultado o 21-12-2011.
- ↑ Li, Albert P.; "Screening for human ADME/Tox drug properties in Drug Discovery": Drug Discovery Today, Vol. 6, No. 7, April 2001, pp. 357-366
- ↑ Hamel et al.; "Wheat Extracts as an Efficient Cryoprotective Agent for Primary Cultures of Rat Hepatocytes": published online 21 Aug 2006 in Wiley Interscience www.interscience.wiley.com. Department des sciences bogiques, Montreal University.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- BUHistology - 22101ooa [1] - "Ultrastructure of the Cell: hepatocytes and sinusoids"
- Hepatic Histology: Hepatocytes (Colorado State University Arquivado 29 de maio de 2023 en Wayback Machine.