Lois II o Mozo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 825 valor descoñecido |
Morte | 12 de agosto de 875 (49/50 anos) Brescia, Italia |
Causa da morte | doenza |
Lugar de sepultura | basílica de santo Ambrosio |
Rei dos francos | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Outro | |
Título | Emperador de occidente (855–875) Rei de Italia (844–875) |
Familia | Dinastía Carolinxia |
Cónxuxe | Engelberga (esposa de Luís II) |
Fillos | Ermengarda de Italia, Gisla |
Pais | Lotario I e Ermengarda de Tours |
Irmáns | Lotário II da Lotaríngia Carlos da Provença Carlomano Rotrude Iltruda Berta (Ermengarda) Gisla |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Allgemeine Deutsche Biographie Biblioteca dixital BEIC |
Lois II o Mozo,[1] nado en 825 e finado o 12 de agosto de 875 en Ghedi,[2] preto de Brescia, foi un nobre franco que foi rei de Italia desde o ano 839, emperador de Occidente desde 855, e rei da Provenza desde 863.
Foi chamado polos seus contemporáneos "emperador de Italia" (Imperator Italiae).[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Lois era o primoxénito do matrimonio do emperador Lotario I con Ermengarda de Tours,[4] e converteuse en rei de Italia o 15 de xuño de 844, cando foi coroado en Roma polo papa Serxio II.
Porén, non foi rei efectivo de Italia até que foi coroado en Roma polo papa León IV como emperador asociado xunto con seu pai Lotario, no ano 850. Gobernaba Italia de forma independente no ano 851, cando casou cunha nobre italiana, Engelberga, probabelmente da familia franca dos supónidas.
A súa autoridade como rei de Italia sobre os seus nobres (francos e lombardos), así como sobre bispos e abades, nunca foi moi forte. Ademais, o Ducado de Spoleto, a Marca de Toscana e a Marca do Friuli constituíranse como fortes poderes seculares, alleos ao papado. Se Lois II actuou nos asuntos de Roma ou do Ducado de Spoleto, non foi tanto como soberano, senón como aliado dos seus habitantes nas súas loitas contra o inimigo común, os musulmáns. En 846 o rei reuniu un exército para librar Roma do saqueo a que estaba sendo sometida por parte de piratas musulmáns, pero estes abandonaron a cidade cando tiveron noticia diso. Na primavera seguinte o rei puido contar coa axuda do seu pai, o emperador Lotario I, nunha nova campaña na que tampouco se alcanzaron resultados.
Coemperador
[editar | editar a fonte]O ano da súa coroación como coemperador (850), Lois marchou ao sur da península para arbitrar unha paz entre os duques lombardos Radalgiso e Siconulfo, que rivalizaban pola posesión do Principado de Benevento coa axuda de mercenarios musulmáns, que estaban arrasando as terras do sur de Italia. A mediación do coemperador Lois II forzou a división do territorio do Principado en dous: Radalgiso quedou coa parte norte, xunto coa súa capital Benevento, e Siconulfo foi instituído príncipe independente dos territorios do sur, con Salerno como capital, que formaron o novo Principado de Salerno. Os mercenarios árabes de Radalgiso, que xa non eran necesarios para el, foron traizoados polo seu empregador e masacrados polas tropas imperiais.
Pouco despois, de volta a Roma, Lois sufocou algunhas revoltas contra o papa León e convocou unha Dieta en Pavia. En decembro de 853, o emperador confirmou como príncipe de Salerno o rexente Pedro, usurpador da dinastía de Siconulfo que tres anos antes axudara a crear no sur de Italia.
Emperador único
[editar | editar a fonte]Á morte de seu pai, en setembro de 855, Lois II rexeu como emperador único, aínda que na repartición dos dominios de seu pai, realizada en outubro de 856 polos tres irmáns —Lois, Lotario e Carlos– en Orbe (palacio-fortaleza ao sur do Xura e a uns 20 km ao norte de Lausana, na actual Suíza), non puido obter ningún territorio fóra de Italia, só o título imperial que xa tiña. Iso despertou o seu descontento, polo que en 857 se aliou co seu tío, o rei de Francia Orientalis Lois o Xermánico, contra o seu propio irmán Lotario II (herdeiro dos territorios centroeuropeos de seu pai, de Frisia aos montes do Xura, co título de rei da Lotarinxia) e contra o seu outro tío, Carlos o Calvo, rei da Francia Occidentalis.
Pero despois de que Lois II se asegurase da elección como papa de Nicolao I en 858, fixo as paces co seu irmán Lotario II. En 859, Lois recibiu algúns territorios do seu irmán, ao sur das montañas do Xura (os dependentes dos bispados de Lausana, Xenebra e Sion, todos eles na Suíza actual), en agradecemento pola asistencia que prestou a Lotario nos seus esforzos por divorciarse da súa esposa, Teutberga, ante o papa.
En 863, ao falecer seu irmán Carlos, sucedeuno no trono de Provenza. En 864 entrou en colisión co papa Nicolao I debido aos seus esforzos por facilitar o divorcio do seu irmán Lotario: os arcebispos que, por declararen ese matrimonio inválido, foron depostos polo papa, que impulsaba a indisolubilidade do matrimonio católico, obtiveron o apoio do emperador, que chegou a Roma cun exército en febreiro de 864; porén, ao ser atacado por unhas febres, Lois fixo as paces co papa e deixou a cidade.
Os últimos dez anos
[editar | editar a fonte]Nos seus esforzos por restaurar a orde en Italia, Lois tivo un notábel éxito, tanto fronte aos turbulentos príncipes italianos (a maioría de orixe franca ou lombarda) como fronte aos árabes, que estaban devastando o sur da península practicamente desde o inicio do seu reinado. En 866 estivo perseguindo bandas de mouros con base en Sicilia, Calabria ou Bari, pero non puido enfrontarse a eles debido a que carecía dunha frota que os contivese mentres fuxían cara ás súas bases no Emirato de Sicilia. Así que en 869 Lois II aliouse co emperador bizantino Basilio I, que lle enviou barcos para axudalo na toma Bari, capital dun emirato islámico local, que sucumbiu en 871.
O seu irmán Lotario morreu en 869 sen herdeiros legais, mentres Lois estaba ocupado no sur de Italia, o que lle impediu loitar contra a partición do seu reino de Lotarinxia entre os seus tíos Lois o Xermánico e Carlos o Calvo, tal como a acordaran entre eles no tratado de Mersen (870). Diferenzas entre os dous emperadores oriental e occidental pouco antes da toma de Bari, que incluían o incumprimento da promesa de matrimonio entre a herdeira de Lois II, a súa filla Ermengarda, e o herdeiro de Basilio I, o seu fillo Constantino, acabaron coa alianza de Lois e o imperio Bizantino.
Lois retirárase a Benevento para preparar unha campaña posterior no sur de Italia cando foi atacado a traizón por Adalgiso, príncipe de Benevento. En agosto de 871 secuestrou e puxo en prisión o emperador, que acantoara tropas imperiais nas principais fortalezas do Principado de Benevento. Cando, un mes máis tarde, bandas de árabes invadiron o principado, Adalgiso liberou a Lois, non sen antes facerlle xurar que non tomaría vinganza nin invadiría co seu exército o territorio do Principado de Benevento. De volta a Roma, fixo que o papa Hadrián II o liberara do forzado xuramento e, tendo noticia de que os seus tíos, Lois o Xermánico, rei da Francia Orientalis, e Carlos o Calvo, rei da Francia Occidentalis, estaban planeando invadir o norte de Italia pensando que Lois II seguía preso en Benevento, fíxose coroar por segunda vez emperador o 18 de maio de 872. Esta medida política de afirmar o seu título de emperador tivo o éxito esperado, pois a invasión non se produciu.
A partir de entón, Lois II o Mozo dedicouse a guerrear contra os árabes no sur de Italia, onde logrou expulsalos de Capua. Porén, os seus intentos de castigar a traizón de Adalgiso de Benevento non tiveron moito éxito. De volta dunha das súas campañas no sur, Lois II sentiuse enfermo e morreu o 12 de agosto de 875 cerca de Ghedi (ao norte de Italia), tras nomear sucesor en Italia o seu sobriño Carlomán, fillo de Lois o Xermánico. Foi enterrado na igrexa de Santo Ambrosio de Milán.[2]
As súas disposicións testamentarias non se cumpriron inmediatamente, pois o seu tío Carlos o Calvo, apoiado polo papa Xoán VIII, viaxou rapidamente á Península Itálica e foi coroado rei de Italia en Pavia e emperador en Roma o 29 de decembro de 875. Só á súa morte, o 6 de outubro de 877, puido Carlomán conseguir a coroa de Italia.
Matrimonio e descendencia
[editar | editar a fonte]Lois II o Mozo casou contra o ano 852 con Engelberga, nobre italiana de orixe descoñecida, aínda que algunhas fontes secundarias fana filla do supónida Adalgiso I, conde de Parma e duque de Spoleto. Lois concedeulle o señorío do Mosteiro de San Salvador de Brescia no ano 868. Despois da morte do seu marido foi encarcerada e desterrada de Italia a un convento en Alamaña polo emperador Carlos III o Gordo, debido ao apoio prestado ao seu xenro, Bosón da Provenza rei da Baixa Borgoña, na súa loita contra o emperador. Posteriormente foi perdoada e volveu a Italia en outubro de 882 e no ano de 896 era abadesa do Mosteiro de San Sixto, en Piacenza (Emilia-Romaña), construído ao redor dun templo mandado edificar por ela mesma en 874.
Lois II e Engelberga tiveron dúas fillas:
- Xisela (entre 852/855-† antes do 28 de abril de 868). Abadesa do Mosteiro de San Salvador de Brescia a partir do ano 861.
- Ermengarda da Provenza (entre 852/855-† antes do 2 de xuño de 896). No ano 876 foi a segunda esposa de Bosón da Provenza, conde de Vienne, duque e rexente do emperador Carlos o Calvo na Provenza e, máis tarde (outubro de 879), coroado rei da Baixa Borgoña. O fillo deste matrimonio, Lois III o Cego, neto por tanto de Lois II, alcanzou tamén a dignidade imperial.
Predecesor: Lotario I |
Rei de Italia 839 - 875 |
Sucesor: Carlos o Calvo |
Predecesor: Lotario I |
Emperador carolinxio 855 - 875 |
Sucesor: Carlos o Calvo |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-12-09.
- ↑ 2,0 2,1 Louis "le Jeune" Arquivado 14 de novembro de 2016 en Wayback Machine. en Medieval Lands (en inglés). Consultada o 14 de novembro de 2016.
- ↑ Annales Bertiniani, anno 856, p. 90.
- ↑ Monumenta Germaniae Historica, tomus I: Reginonis Chronicon Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., p. 568.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lois II o Mozo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Annales Bertiniani e Chronica S. Benedicti Casinensis, ambos nos Monumenta Germaniae Historica. Scriptores, Bände i. e iii. (Hanover e Berlín, 1826 fol.)
- Dummler, E. (1887—1888): Geschichte des ostfrankischen Reiches. Leipzig.
- Halphen, Louis (1992): Carlomagno t el Imperio Carolingio. Madrid.
- Isla Frez, A. (1993): La Europa de los Carolingios. Madrid: Editorial Síntesis.
- Muhlbacher, E. (1881): Die Regesten des Kaiserreichs unter den Karolingern. Innsbruck.
- Oman, Charles (1914): The Dark Ages 476-918. Londres.
- Sickel, T. (1867-1868): Acta regum et imperatorum Karolinorum, digesta et enarrata. Vienna.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Imperio Carolinxio
- Sacro Imperio Romano Xermánico
- Lotario I
- Carlos o Calvo
- Lista de monarcas de Francia
Ligazóns extrernas
[editar | editar a fonte]- Louis "le Jeune" en Medieval Lands (en inglés). Consultada o 14 de novembro de 2016.
- King Louis II of Italy (844-875) Arquivado 16 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine.. En Xenealoxía dos carolinxios, en genealogy.euweb.cz (en inglés). Consultada o 14 de novembro de 2016.