Saltar ao contido

Mastodon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mastodon
OrixeAtlanta, Xeorxia, Estados Unidos de América Estados Unidos
Período1999 - presente
Xénero(s)sludge metal, metal progresivo
Selo(s) discográfico(s)Warner Bros., Reprise, Relapse
MembrosTroy Sanders
Brent Hinds
Bill Kelliher
Brann Dailor
Antigos membrosEric Saner
Artistas relacionadosNeurosis, Lethargy, Today Is the Day, Feist, Killer Be Killed, Giraffe Tongue Orchestra, Gone Is Gone
Na rede
mastodonrocks.com
IMDB: nm2438166 Facebook: Mastodon Twitter: mastodonmusic Instagram: mastodonrocks VK: mastodonmusic MySpace: mastodon Youtube: UCR7Ls5FuT6UKTcsMkcwgCUA Souncloud: mastodonrocks Spotify: 1Dvfqq39HxvCJ3GvfeIFuT iTunes: 65922937 Last fm: Mastodon Musicbrainz: bc5e2ad6-0a4a-4d90-b911-e9a7e6861727 Songkick: 91029 Discogs: 252161 Allmusic: mn0000382565 Deezer: 9267 Genius: Mastodon Editar o valor en Wikidata

Mastodon é unha banda estadounidense de metal procedente de Atlanta (Xeorxia, formada en 1999. O grupo está composto polo baixista e vocalista Troy Sanders, o guitarrista e vocalista Brent Hinds, o guitarrista Bill Kelliher e o batería Brann Dailor. Leva editados catro álbums de estudio ata a data, expandindo as súas fronteiras musicais dende un inicial sludge metal cru ata os últimos temas máis psicodélicos, aínda que mantendo o seu estilo progresivo con tempos infrecuentes.

Formación e primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Mastodon formouse a finais de 1999 cando o batería Brann Dailor e o guitarrista Bill Kelliher mudáronse a Atlanta dende Victor, Nova York e coñeceron ao baixista e vocalista Troy Sanders e ao guitarrista e vocalista Brent Hinds nun concerto de High on Fire. Descubriron que a todos lles gustaban as bandas de sludge metal Melvins e Neurosis e tamén Thin Lizzy, e pouco despois formaron Mastodon. Nunha entrevista no 2009, Kelliher revelou que a primeira vez que Hinds foi a un ensaio da banda, "estaba tan perdido que non puido tocar".

Bill Kelliher

Gravaron unha demo no ano 2000, que contaba co primeiro vocalista do grupo, Eric Saner. Saner deixou Mastodon por motivos persoais despois duns meses. Tras gravar unha demo de catro temas nun disco de 7 polgadas, editado a través de Reptilian Records, Mastodon conseguiu un contrato discográfico con Relapse Records no 2001. Editaron un EP, Lifesblood, nese ano e o seu primeiro álbum, Remission, foi publicado no ano 2002, cos sinxelos "March of the Fire Ants" e "Crusher/Destroyer".

Leviathan

[editar | editar a fonte]

O seu segundo álbum, Leviathan, foi publicado no ano 2004. Trátase dun álbum conceptual baseado vagamente na novela de Herman Melville Moby Dick. A banda foi aclamada por este traballo, que foi elixido álbum do ano polas revistas Kerrang! e Terrorizer. "Blood and Thunder" foi escollida como unha das gravacións máis importantes da década pola National Public Radio en novembro do 2009. Leviathan tamén foi o segundo mellor álbum do ano 2004 para a publicación Metal Hammer[1].

A banda saíu de xira para promocionar o disco, tocando por Norteamérica e Europa na xira The Unholy Alliance, xunto con Slayer e Slipknot.

"Blood and Thunder" aparece nos videoxogos Need for Speed: Most Wanted, Need for Speed: Hot Pursuit, Project Gotham Racing 3 e Saints Row. O tema tamén foi engadido como canción xogable no Guitar Hero: Metallica e aparece no xogos musicais xaponeses Drummania V2 e Guitarfreaks V2. Ademais foi lanzado como contido descargable para Rock Band 3 e está dispoñible para Pro Guitar.

A Leviathan seguiulle a edición no 2006 de Call of the Mastodon, unha colección re-masterizada das nove primeiras cancións da banda, e un DVD con entrevistas e imaxes de concertos chamado The Workhorse Chronicles, e que inclu material dos primeiros días do grupo como quinteto. Estes dous lanzamentos foron os últimos de Mastodon con Relapse Records, e posteriormente asinarían un contrato con Warner Bros. Mastodon tamén gravou unha versión da canción de Metallica "Orion" para un álbum tributo de Kerrang! celebrando os 20 anos do disco Master of Puppets.

Blood Mountain

[editar | editar a fonte]

O seu terceiro álbum de estudio, Blood Mountain, foi editado o 12 de setembro de 2006, seguido por unha xira de promoción ao lado de Tool por Europa e de Slayer en Australia e Nova Zelandia. O líder de The Mars Volta Cedric Bixler-Zavala prestou a súa voz para o tema "Siberian Divide", e o de Queens of the Stone Age Josh Homme gravou voces en "Colony of Birchmen".

Brent Hinds

A banda interpretou a canción "Colony of Birchmen" no programa Late Night with Conan O'Brien o 1 de novembro, na súa primeira aparición nunha canle de televisión, e foi vista por 2,4 millóns de persoas. Este tema tamén apareceu nos videoxogos Saints Row 2 e Rock Band 2.

O sinxelo "Capillarian Crest" foi elixida a 27 mellor canción do ano pola revista Rolling Stone, na súa lista das 100 mellores cancións do 2006. O propio álbum foi elixido o noveno mellor dese ano pola mesma revista. A británica Metal Hammer considerouno o mellor álbum do 2006 na súa enquisa de críticos de final de ano. Pola súa banda para Kerrang! tratouse do quinto mellor disco do ano, e para PopMatters foi o sexto mellor álbum e o primeiro de metal.

A banda realizou numerosos concertos nesa época. Mastodon uniuse a Against Me! e Cursive para unha xira por Norteamérica, con Planes Mistaken for Stars como abreconcertos para unha parte da mesma e These Arms Are Snakes para a outra. O grupo tocaría no festival noruegués Hove Festival, e no escenario principal do Download Festival e o Pitchfork Music Festival. Durante este tempo Mastodon tamén foi abreconcertos de Metallica na xira Sick of the Studio. Ademais tocou no Dubai Desert Rock do 2007, o Bonnaroo Music de 2008 e no primeiro Mayhem Festival. Despois Mastodon xiraría con Slayer, Trivium, Lamb of God e varias bandas máis de metal na xira The Unholy Alliance 2008.

"Sleeping Giant" estivo dispoñible como descarga para o xogo Guitar Hero III: Legends of Rock, "Colony of Birchmen" foi incluída en Rock Band 2, e "Divinations" apareceu en Madden NFL 10. Mastodon realizou unha versión do tema de Harry Nilsson "One" para a promoción do videoxogo Army of Two. O membros do grupo son seareiros da serie Aqua Teen Hunger Force e, no 2007, Mastodon interpretou a canción de apertura de Aqua Teen Hunger Force Colon Movie Film for Theaters, "Cut You Up with a Linoleum Knife".

Crack the Skye

[editar | editar a fonte]

Crack the Skye foi publicado o 24 de marzo do 2009 en versión estándar e versión de luxo (con todos os temas en versión instrumental ademais das versións normais), e chegou ao número 11 da lista Billboard 200 unha semana despois. O álbum foi producido por Brendan O'Brien e Scott Kelly de Neurosis tocou como músico convidado na canción que lle dá título ao traballo.

Troy Sanders

Nunha entrevista concedida á páxina MusicRadar, o guitarrista Bill Kelliher confirmou que o álbum trata sobre unha "experiencia extracorpórea", e repasa os conceptos de viaxe astral, de burato de verme, as teorías de Stephen Hawking e o reino espiritual. O álbum segue a un tetrapléxico que descobre a proxección astral. Na súa viaxe voa demasiado preto do Sol, queimando o seu cordón umbilical que o conecta co seu corpo, e voa cara ao esquecemento. Ao mesmo tempo, na Rusia tsarista, Rasputín e o seu culto invocan espíritos que levan ao tetrapléxico á súa época. Este explica a súa situación e predí o asasinato de Rasputín. Inevitablemente Rasputín é asasinado e acaba devolvéndoo ao seu corpo.

A banda estreou tres novas cancións no Bonnaroo Music Festival, pero non realizou moitos máis concertos antes da edición do álbum, por medo a que se distribuísen por Internet e por que querían tocar os temas ante o público axeitado. Mastodon sería cabeza de cartel no Scion Rock Fest o 28 de febreiro do 2009, interpretando tres temas que aparecerían en Crack the Skye O 15 de maio Mastodon interpretou unha versión acurtada de "Oblivion" no programa The Late Show With David Letterman.

Coa intención de promocionar o seu novo traballo, Mastodon xirou con Metallica na última datas da parte europea da súa xira World Magnetic Tour. En outono iniciaron coa banda virtual Dethklok a xira Adult Swim Presents, xunto a Converge e High on Fire. O 17 de outubro gravaron un DVD documentando o concerto celebrado no Aragon Ballroom de Chicago. Mastodon tocou no festival de música alternativa Big Day Out en xaneiro do 2010 e xirou por Australia e Nova Zelandia ao lado de bandas como Muse, Lily Allen, Rise Against, Karnivool, Peaches, The Mars Volta, Eskimo Joe ou Powderfinger.

O 29 de outubro do 2009 a banda interpretou "Divinations" no programa Late Night with Jimmy Fallon, e o 4 de novembro Mastodon editou o seu segundo EP, titulado Oblivion.

Ao lado das bandas Deftones e Alice in Chains, o grupo comezou unha xira polos Estados Unidos e o Canadá en setembro do 2010. Esta foi chamada Blackdiamondskye, unha mestura dos nomes dos últimos discos das tres bandas (Black Gives Way to Blue, Diamond Eyes e Crack the Skye).

O director de cine Jimmy Hayward contactara con Mastodon durante a súa xira do 2009 por Europa e expresoulles como escoitar Blood Mountain o axudara no seu proceso creativo mentres remataba un guión, e ofreceulles a oportunidade de facer a música para a película na que estaba traballando, Jonah Hex. Mastodon usou escenas do filme como inspiración no proceso de composición e gravación, e a banda sonora instrumental, Jonah Hex: Revenge Gets Ugly EP, foi publicada o 29 de xuño do 2010 a través de Reprise Records.

Live at the Aragon e The Hunter

[editar | editar a fonte]

O 15 de marzo do 2011 Mastodon lanzou o seu primeiro DVD/CD ao vivo, titulado Live at the Aragon, a través de Reprise. Na gravación pódese ver e escoitar a interpretación de todos os temas de Crack the Skye, xunto con algunhas cancións dos seus anteriores traballos.

The Hunter, o quinto álbum de estudio de Mastodon, gravouse nos Doppler Studios en Atlanta, ao lado do produtor Mike Elizondo. As primeiras pistas sobre o novo traballo escribíunas a banda a través da súa páxina de Facebook en xaneiro do 2011. Mentres tanto o grupo actuou e varios grandes festivais de verán, e o 28 de xuño lanzou a través de adultswim.com unha canción das sesións de Crack the Skye, chamada "Deathbound".

O primeiro contacto con The Hunter foi no mes de xullo, cando Mastodon publicou en Youtube a canción "Black Tongue", cun vídeo no que se amosa como o artista AJ Fosik creou a escultura usada para a portada do álbum. O 12 de agosto a banda revelou a lista de cancións do novo traballo e estreou "Curl Of The Burl", o seu primeiro sinxelo oficial. Anunciouse tamén unha edición de luxo, que contaría con dous temas extra, "The Ruiner" e "Deathbound" , e unha portada diferente. O 6 de setembro Mastodon publicou a terdeira canción do disco, "Spectrelight", coa intervención de Scott Kelly de Neurosis.

The Hunter foi lanzado finalmente o día 26 de setembro e foi ben recibido polos seguidores da banda e os medios de comunicación. Acadou o posto 10 na lista Billboard 200, sendo esta a mellor posición da banda ata a data. A banda anunciaría unha xira de promoción do traballo a través de Norteamérica e o 12 de outubro daríase a coñecer que tamén tocarían no Reino Unido durante o mes de febreiro do 2012.

Discografía

[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Remission 2002 Relapse Records
Leviathan 2004 Relapse Records
Blood Mountain 2006 Warner Bros. Records, Reprise Records
Crack the Skye 2009 Reprise Records
The Hunter 2011 Roadrunner Records
Once More 'Round the Sun 2014 Reprise Records
Emperor of Sand 2017 Reprise Records
Hushed and Grim 2021 Reprise Records

Álbums ao vivo

[editar | editar a fonte]

Recompilatorios

[editar | editar a fonte]
  1. "Álbums do ano para Metal Hammer". Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2006. Consultado o 03 de marzo de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]