Slint
Orixe | Louisville, Kentucky, |
---|---|
Período | 1986 - 1991 2005 2007 2013 - 2014 |
Xénero(s) | post-rock, math rock, sadcore, post-hardcore |
Selo(s) discográfico(s) | Touch and Go |
Membros | Brian McMahan David Pajo Britt Walford |
Antigos membros | Ethan Buckler Todd Brashear |
Artistas relacionados | Tortoise, Papa M, Solution Unknown, Squirrel Bait, The For Carnation, Maurice, Bush League, Dead Child, Palace Brothers, Bastro, Zwan, Evergreen, King Kong, Crain, The Glasspack, Shipping News, Parlour, Watter |
Na rede | |
http://www.slintmusic.com/ | |
Slint foi unha banda estadounidense de post-rock composta por Brian McMahan (guitarra e voces), David Pajo (guitarra), Britt Walford (batería), Todd Brashear (baixo en Spiderland) e Ethan Buckler (baixo en Tweez). O grupo formouse en Louisville, Kentucky no ano 1986 e separouse despois da gravación do seu último álbum, Spiderland, en 1991. O seu primeiro traballo, Tweez, foi gravado polo enxeñeiro Steve Albini en 1987 e lanzado polo selo Jennifer Hartman Records en 1989. Dous anos despois aparecería o aclamado Spiderland, publicado a través de Touch and Go Records.
Slint reformouse para realizar un feixe de actuacións nos anos 2005 e 2007, aínda que non publicaron ningún material novo. En 2013 e 2014 a banda volvería a reunirse.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Pre-Slint
[editar | editar a fonte]Walford e McMahan coñecéronse antes da adolescencia e ámbolos dous asistiron ao Brown School, un colexio público de Louisville fundado sobre unha pedagoxía de aprendizaxe autodirixida.[2] Os dous comezaron a facer música xuntos a unha idade moi nova, formando The Languid and Flaccid con Ned Oldham cando aínda estaban no colexio.[3] Na adolescencia Walford e McMahan tocaron xuntos na banda de punk rock seminal de Louisville Squirrel Bait. Walford deixou o grupo tras a súa primeira sesión de gravación, mentres que McMahan saíu de xira e gravou nos dous álbums de Squirrel Bait antes da súa disolución en 1987.[4]
Tamén antes de Slint, Pajo e Walford (e, brevemente, McMahan) estiveron a banda de punk/metal progresivo Maurice con futuros membros de Kinghorse. Dspois de influenciarse pola música de Minutemen, a dirección musical de Pajo e Walford fíxose demasido obtusa para o resto dos compoñentes de Maurice, que acabaron marchando. O último material de Maurice formaría as bases dalgunhas das primeiras composicións de Slint.
A Walford e Pajo uníuselles Buckler, que tiña 18 anos, para un concerto para unha congregación de Unitarismo universalista en 1985. Actuando baixo o nome de Small Tight Dirty Tufts of Hair, a meirande parte da congregación marchou durante as dúas primeiras cancións do concerto.[5] Ao pouco tempo xuntouse McMahan e puxéronse o nome de Slint por un dos peixes que Walford tiña de mascota.
Tweez
[editar | editar a fonte]O primeiro álbum de Slint, Tweez, foi gravado en 1987 por Steve Albini, elixido pola banda porque eran seareiros do desaparecido pouco antes grupo deste Big Black. Aínda que os membros de Slint compuxeran a música para o disco durante os ensaios no soto da casa dos pais de Walford, a meirande parte das letras foron escritas no estudio, e incluían efectos de son entre cancións e conversas improvisadas con Albini. Sen títulos de cancións formais, oito temas do álbum foron bautizadas cos nomes dos pais dos membros da banda e o noveno co nome do can de Walford, Rhoda. Unha vez rematado, Buckler non estivo contento coas gravacións e deixou Slint para formar a banda King Kong, inicialmente formada con todos os membros de Slint tocando diferentes instrumentos. Todos os membros orixinais de Slint gravaron o sinxelo "Movie Star" como King Kong no estudio de Steve Albini mentres este estaba de viaxe no ano 1989.[6]
Buckler foi substituído ao pouco tempo polo baixista Todd Brashear. Slint agardaba que Touch and Go Records publicase Tweez, pero a banda non tivo resposta do selo. Unha amiga do grupo, Jennifer Hartman, pagou o lanzamento dunha pequena tirada do disco a través do seu selo Jennifer Hartman Records en 1989. Nese momento Slint regresara ao estudio con Albini para gravar dous temas instrumentais. As copias orixinais de Tweez incluían un anuncio dun sinxelo de 12" con esas cancións que sería publicadas por Jennifer Hartman. Slint finalmente tivo éxito intentando conseguir a atención do fundador de Touch and Go Records Corey Rusk que accedeu a editar o seu seguinte traballo. Os masters do proposto 12" foron arquivados, sendo Tweez o único lanzamento feito polo selo Jennifer Hartman.
Spiderland
[editar | editar a fonte]Cando Tweez foi publicado a meirande parte da banda marchara á universidade e regresaba a Louisville durante os descansos para compoñer e ensaiar material novo. No soto de Walfords o grupo pasaba horas repetindo o mesmo riff de guitarra e entón engadindo capas de matices sobre el.[7] Despois dos ensaios, McMahan levaba as cintas gravadas a casa e traballaba nas voces co uso dunha gravadora de 4 pistas. Despois de desenvolver esas cancións novas os membros de Slint querían un son máis limpo que o do seu primeiro disco, e contactaron co produtor de Minneapolis Brain Paulson que gravara dous discos co grupo Bastro, dos antigos compañeiros de McMahan. Nunha viaxe para visitar a Bastro e a Paulson durante as gravacións do seu derradeiro traballo, Sing the Troubled Beast, McMahan tivo un grave accidente de coche. Este feito fixo que se deprimise, unha condición que afectaría á gravación do seguinte álbum de Slint.[7]
Paulson e Slint reuníronse durante unha fin de semana para gravar Spiderland en Chicago. Toda a música foi grava ao vivo, incluíndose posteriormente as voces en non máis de dúas tomas e con pouco e ningún ensaio por parte de McMahan.[7] O grupo usou dous micrófonos distintos para gravar voces: un para voces faladas máis suaves, e outro para voces cantadas máis altas. Durante a mestura Paulson e a banda probaron distintos efectos, pero todos eles foron rexeitados, facendo que o disco teña un son moi pouco producido. O día seguinte a rematar as gravacións McMahan ingresou por vontade propia nun hospital psiquiátrico onde lle diagnosticaron depresión e deixou a banda.[7]
O amigo do grupo Will Oldham realizou numerosas fotos dos membros como potenciais portadas. Algunhas delas foron sacadas nunha canteira próxima e unha coas cabezas dos catro compoñentes saíndo da auga foi escollida.[8] Touch and Go publicou Spiderland en 1991.[9][10] O disco era distinto a todo o que o selo publicara anteriormente. Slint ía realizar unha xira por Europa tras o lanzamento, pero acabou por separarse. A pesar diso, a reputación de Spiderland medrou e continuou vendendo milleiros de copias nos anos seguintes á súa publicación. un feito destacable para un disc independente dun grupo desaparecido.
Spiderland é considerado un traballo seminal,[11] caracterizado por escuros ritmos sincopados, liñas de guitarra dispersas e temáticas inquietantes. O impacto do dico foi tal que moitos seguidores e críticos suxeriron que se trata do primeiro verdadeiro álbum de post-rock,[8] axudando a marcar o comedo dunha nova serie de bandas que buscaban afastarse da agresión desenfrenada do hardcore punk pero non a súa ética.
Post-Slint
[editar | editar a fonte]Touch and Go Records reeditou Tweez en 1993, e en 1994 un EP de 10" sen título cos dous temas das cintas gardadas que gravaron entre os dous álbums, unha reinterpretación de "Rhoda" e a outra un tema chamado "Glenn".
Os membros de Slint apareceron dende entón en varias bandas. En 2009 o guitarrista David Pajo actuou con Yeah Yeah Yeahs como músico de xira. Tamén tocou brevemente en Stereolab, encargouse do baixo en Interpol, e actuou co alcume de PAJO e ocasionalmente co seu grupo Papa M, tamén coñecido como Ariel M ou sinxelamente M.[12] Pajo tamén foi membro de Dead Child, Tortoise, Palace, The For Carnation e a banda de curta vida liderada por Billy Corgan Zwan. O guitarrista Brian McMahan formou The For Carnation en 1994 e tamén tocou con Will Oldham en Palace. Britt Walford tocou a batería en Evergreen e en The Breeders baixo o seudónimo de Shannon Doughton no álbum Pod, e como Mike Hunt no EP Safari. Ethan Buckler publicou varios álbums co seu grupo King Kong, presentando unha formación cambiante que nalgunhas ocasións tamén contou con David Pajo.
Reunións
[editar | editar a fonte]Case quince anos despois de separarse tres membros de Slint, Brian McMahan, David Pajo e Britt Walford, reuníronse para comisariar o festival All Tomorrow's Parties (ATP) de 2005 en Camber Sands, Inglaterra. Tamén nese ano a banda realizou varios concertos nos Estados Unidos e Europa.[13] Aínda que insistiron en que a reunión era por pouco tempo, a banda volveu a xuntarse en 2007 para tocar enteiramente Spiderland en Barcelona no Primavera Sound Festival, en Londres na serie de concertos de ATP Don't Look Back, e tamén nun feixe da datas máis en Europa, nos Estados Unidos e no Canadá. Ademais de tocar o álbum e o EP sen título editado en 1994, o grupo tamén estreou unha nova composición chamada "King's Approach".[14]
En setembro de 2012, nunha entrevista realizada pola publicación musical norteirlandesa AU Magazine, David Pajo insinuou que habería máis actividade da banda nos seguintes meses: "Aínda nos comunicamos regularmente e temos algunhas sorpresas para o próximo ano polas que os seareiros estarán entusiasmados". A banda reuniuse novamente en decembro de 2013 para tocar como un dos cabezas de cartel do derradeiro All Tomorrow's Parties en Camber Sands.[15]
Nunha entrevista en agosto de 2013 con Vish Khanna, o produtor Steve Albini revelou que Slint estaba traballando na remasterización de Spiderland co produtor Bob Weston.[16] Unha edición deluxe do álbum foi anunciada en xaneiro de 2014.[17] Ese ano Touch and Go publicou varios temas ao vivo, demos e ensaios do grupo gravados entre 1989 e 1990. Estas cancións aparecen como cancións extra da reedición, ademais de estar nas edicións en caixa xunto co DVD Breadcrumb Trail: The Story of Slint, un documental de 90 minutos feito por Lance Bangs. Ese ano tamén tocaron no Primavera Sound de Barcelona e Porto e no Green Man Festival de Gales.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Tweez | 1989 | Jennifer Hartman Records |
Spiderland | 1991 | Touch and Go Records |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Clash (ed.). "Slint To Reform!". Consultado o 29 de decembro de 2017.
- ↑ Brown School (ed.). "About Brown School". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2018. Consultado o 31 de decembro de 2017.
- ↑ Vice (ed.). "Something like an Anomoanon – Is Something Like Will Oldham". Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2012. Consultado o 31 de decembro de 2017.
- ↑ Louisville Hardcore (ed.). "Maurice". Consultado o 31 de decembro de 2017.
- ↑ MOG (ed.). "Invisible Histories: Slint (Part 2)". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2012. Consultado o 31 de decembro de 2017.
- ↑ Drag City (ed.). "King Kong "Me Hungry"". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 The Guardian (ed.). "Spiderland by Slint: the album that reinvented rock". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ 8,0 8,1 Dangerous Minds (ed.). "Slint and Will Oldham discuss that famous 'Spiderland' album cover". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ Pitchfork (ed.). "Top 100 Albums of the 1990s". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ Indy Week (ed.). "Brian Paulson: Studio aesthetics". Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2018. Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ Drowned in Sound (ed.). "Slowcore Week: Slint and Codeine – a shared musical language?". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2012. Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ The New York Times (ed.). "Body Language, Translated and Remixe". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ Descendo (ed.). "Reunion 2005". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ Touch and Go Records (ed.). "Slint Update". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ All Tomorrow's Parties (ed.). "End Of An Era Part 2 curated by ATP & Loop - All Tomorrow's Parties". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ vishkhanna.com (ed.). "Ep. #24: Steve Albini. Kreative Kontrol". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.
- ↑ Pitchfork (ed.). "Slint's Spiderland Gets Deluxe Box Set Reissue". Consultado o 1 de xaneiro de 2018.