Porco espiño
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2020.) |
Porco espiño[1][2] é o nome común que se aplica de forma xenérica a varias especies de mamíferos roedores da suborde dos histricomorfos. O termo provén das características pugas que cobren a súa pel e non ten ningún significado taxonómico, xa que inclúe xéneros pertencentes a dúas familias distintas, Erethizontidae e Hystricidae, que non están especialmente relacionadas. Malia o seu nome común, non teñen ningún parentesco cos porcos (orde Artiodactyla).
Cómpre ter en conta que en galego tamén se emprega o termo porco espiño para nos referir ao ourizo cacho, tamén dotados de espiñas, mais que pertence á orde erinaceomorpha.
Clases de porcos espiños
[editar | editar a fonte]As dúas familias ás que pertencen os porcos espiños correspóndense cos dous tipos xeográficos:
Porcos espiños do Vello Mundo
[editar | editar a fonte]Os porcos espiños do Vello Mundo (familia Hystricidae) son especies propias do sur de Europa, África, India, Arquipélago Malaio até Borneo. Coñécense catro xéneros (Atherurus, Hystrix, Thecurus e mais Trichys).
A especie máis sonada é Hystrix cristata que mide uns 60 cm de longo e 25 de altura e pode chegar a pesar uns 15 kg. Vive nas rexións cálidas de Asia e África e penetra deica Sicilia e o sur de Italia, sendo o único porco espiño europeo.
Porco espiños do Novo Mundo
[editar | editar a fonte]Os porcos espiños do Novo Mundo (familia Erethizontidae) son os porcos espiños propios das Américas. Coñécense cinco xéneros (Coendou, Sphiggurus, Erethizon, Echinoprocta e Chaetomys).
O porco espiño norteamericano (Erethizon dorsatum) mora nas forestas de Alasca, Canadá e o noroeste dos Estados Unidos. O porco espiño mexicano arborícola (Sphiggurus mexicanus) é propio de América Central. O porco espiño arborícola (Coendou prehensilis) habita nos bosques desde México até Uruguai. O porco espiño de cola curta (Echinoprocta rufescens), que habita en Colombia e Ecuador, é o máis raro de todos.
Pugas
[editar | editar a fonte]As características pugas que identifican aos porcos espiños toman varias formas, segundo as especies, mais en todas son pelos modificados cubertos de grosas placas de queratina, e están introducidas na musculatura da pel. Os porco espoños do Vello Mundo (Hystricidae) teñen pugas introducidas en acios, mentres que nos do Novo Mundo (Erethizontidae) as pugas individuais se intercalan con serdas e pelo.
As pugas pódense soltar por contacto con elas, ou saíren despedidas cando o porco espiño sacode o seu corpo, mais non poden «disparalas ou guindalas» contra posíbeis atacantes, ao contrario da crenza popular.
Cando o porco espiño se sente ameazado por algún depredador, reacciona enrodelándose sobre o bandullo e deixando as espiñas guichas. Ademais desta postura ameazante, move o corpo cuns tremores que fan bater as pugas entre si, de xeito que producen un son metálico moi característico que serve de advertencia aos posíbeis atacantes. En ocasións, as espiñas creban e saen despedidas, podendo crávarense no intruso, producindo dolorosas feridas que se infectan con moita facilidade.
Hábitat
[editar | editar a fonte]O porco espiño caracterízase por ser un animal de costumes nocturnos, de xeito que pasa o día no interior dun tobo que escava e ás noites sae na procura de alimento. Porén, non é un animal que ature as baixas temperaturas, por iso polo inverno fica tamén no seu acubillo incluso coa chegada da noite.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para porco.
- ↑ Definición de porco no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Porco espiño |