Paio, mártir
Nome orixinal | (es) San Pelayo (gl) San Paio |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 912 Albeos, España |
Morte | 926 (13/14 anos) Córdoba, España |
Causa da morte | decapitación |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 26 de xuño |
Familia | |
Parentes | Hermoxio de Tui, tío |
San Paio Mártir, nado en Albeos (Crecente, daquela parte do condado de Turonia, no Reino de Galicia) no ano 911 e finado en Córdoba o 26 de xuño de 925, foi un rapaz cristián galego martirizado durante o califato de Abd al-Rahman III e canonizado posteriormente pola Igrexa católica, como exemplo de virtude da castidade xuvenil fronte á homosexualidade.
O seu día no santoral católico é o 26 de xuño.
Martirio e morte
[editar | editar a fonte]Foi educado en Tui polo seu tío Hermixio, bispo de Tui. O seu martirio, descrito truculentamente no santoral, foi por despedazamento ou desmembramento mediante tenazas de ferro. Trala batalla de Valdejunquera (920), moitos habitantes cristiáns do Reino de León foron levados prisioneiros a Córdoba. Entre eles estaban Paio e seu tío Hermixio. Este foi liberado co fin de que xuntase un rescate, mentres que Paio quedaba en calidade de refén.
Segundo a tradición dise que o califa Abd al-Rahman III, prendado da súa beleza, requiriulle contactos sexuais, ós que se negou, provocando a súa tortura e morte.
A súa haxiografía relata que durante os catro anos que pasou en Córdoba en calidade de refén sen que o rescate fose pagado polo seu tío bispo, o mozo destacou pola súa intelixencia e a súa fe, facendo proselitismo de Cristo, insistindo en que foi esta actividade a que provocou que fose tentado por Abd al-Rahman III para que se convertese ao islam, cousa que rexeitou con vehemencia: Si, o rei, son cristián. Funo e sereino pola graza de Deus. Tódalas túas riquezas non valen nada. Non penses que por cousas tan pasaxeiras vou renegar de Cristo, que é o meu Señor e o teu aínda que non o queiras."[1]
Veneración
[editar | editar a fonte]O martirio na defensa da súa fe xustificou a súa pronta canonización. Deseguida pasou a recibir culto. A partir do século XI, no que os reinos cristiáns intervirían na política interior dos reinos musulmáns de taifas, moitos santos cristiáns foron trasladados ó norte, e o mesmo ocorreu cos seus restos: primeiro á cidade de León, e logo ó mosteiro beneditino de San Pelayo en Oviedo, que leva o seu nome (e que non debe confundirse con Paio de Asturias, primeiro rei de Asturias).
O seu nome ten ampla difusión en topónimos da Galiza toda. San Paio Mártir é santo patrón do Seminario Menor de Tui e de moitas parroquias galegas.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Paio, mártir |