Saltar ao contido

Ryal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ryal de Eduardo IV de Inglaterra (1461–1483)
ED WARD DI GRA REX ANGL S FRAN DNS I B; o rei de fronte, con espada e escudo, nunha nave; estandarte coa letra E na proa; rosa no costado. IhD AVT TRANSIenS Per MeDiVM ILLORV IB?T; cruz adornada con rosa e sol; leóns e coroas sobre os raios; todo dentro dun polilóbulo arqueado.
Ryal. (ca. 1467-1468). Ceca de Londres. AU. 35 mm. 7,56 g.[1]

Ryal é a denominación de diversas moedas escocesas e inglesas de prata e de ouro, cuñadas nos séculos XV e XVI.[2][3][4]

O ryal de ouro inglés

[editar | editar a fonte]

O ryal ou rose noble

[editar | editar a fonte]

O ryal (tamén coñecido como rose noble) foi introducido en 1465 durante o primeiro reinado de Eduardo IV de Inglaterra (1461-1470), en substitución do noble. O seu peso era de 120 grans (ca. 7,80 gramos) e o seu valor era equivalente ao de medio soberano ou, o que é o mesmo, 10 xilins.[3][4][5]

A tipoloxía do anverso é moi similar á do preexistente noble: o monarca amósase de fronte nun navío que navega, portando unha espada e un escudo coas armas de Inglaterra e de Francia; na proa hai un estandarte coa inicial E e no costado do barco unha rosa, que lle dá o nome de rose noble. A lenda do anverso é do tipo ED · · WARD’ · DI · GRA’ · REX · ANGL’ · S · FRAn · · C DNS’ · I · B’ ("Eduardo, pola graza de Deus, rei de Inglaterra e Francia, señor de Irlanda"[6]; os puntos intermedios teñen forma de trifolios).[7]

Pola súa banda, o reverso estaba caracterizado por unha rosa central da que emanan raios de sol, con coroas e leóns ao seu remate, todo isto dentro dun polilóbulo arqueado que, pola súa vez, está rodeado por unha lenda do tipo IhD’ · AVT’ · TRAnSIenS · PER · MeDIVm · ILLORVm : I · B?T ("Mais Xesús, pasando entre eles, seguiu o seu camiño").[7]

Ademais do ryal, Eduardo IV cuñou tamén as fraccións de medio e dun cuarto de ryal, con pesos e valores proporcionais.[8][9]

A cuñaxe do ryal foi retomada por outros soberanos da Casa de Tudor. Dos emitidos por Henrique VII (1486-1509) coñécense apenas tres exemplares.[10][11] Dos de Henrique VIII (1509-1547) só se ten constancia dun espécime, propiedade do Gabinete de Moedas e Medallas do Museo Británico.[10][12] Pola súa parte, o ryal de María I (1553-1558), cuñado unicamente na ceca londiniense en 1553, cun peso de 118,8 grans (ca. 3,63 gramos), é moi similar ao orixinario de Eduardo IV, con variacións lóxicas como o busto da raíña sobre o barco e a lenda alusiva a ela, e cun valor elevado aos 15 xilins (3/4 de libra escocesa).[13] Tamén a súa irmá, Isabel I (1558-1603) cuñou o ryal, cunha tipoloxía moi semellante.[14]

O ryal de Xacobe I de Inglaterra

[editar | editar a fonte]

Baixo Xacobe IV de Escocia e I de Inglaterra (1603-1625) emitíronse en Inglaterra dúas variantes do ryal de ouro, no marco da segunda serie de emisións (1604-1619) deste monarca: o spur ryal, que mantiña o valor de 15 xilins herdado da súa antecesora, e o rose ryal, co dobre do valor, é dicir 30 xilins ou unha libra e media, ambas cuñadas a partir de 1605 na Casa de Moeda de Londres.

Spur ryal

[editar | editar a fonte]

O spur ryal, de 15 xilins, é unha moeda de ouro de 995 milésimas de ca. 6, 25 gramos de peso e uns 32 milímetros de diámetro. O seu anverso está presidido por un gran león coroado que sostén o cetro coa súa gadoupa dereita e o escudo coas armas reais coa esquerda, flanqueado polos números romanos XV, a modo de indicación de valor. A lenda do anverso é IACOBVS D:G: MAG : BRIT : FRA : ET HI : REX · ("Xacobe, pola graza de Deus, rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda").[15]

No reverso represéntase un sol cunha rosa no centro, á fin de cuxos raios se alternan flores de lis e leóns coroados, todo rodeado pola lenda A DNO : FACTVM EST ISTVD ET EST MIRABI :[16] ("Esta é a obra do Señor e é marabillosa").[15]

A denominación de spur ryal débese á semellanza do conxunto da rosa e os raios de sol do centro do reverso coa roda dunha espora dun xinete (spur en inglés).[17][18]

Rose ryal de Xacobe I (1567-1625)

–1ª emisión–

IACOBVS · D · G · MAG · BRIT · FRAN · ET · HIBER · REX, o rei de fronte no trono, con orbe e cetro. A · DNO · FACTVM · EST · ISTVD · ET · EST · MIRAB · IN · OCVLIS · NRIS, armas reais dentro dunha rosa.
Rose ryal. (ca. 1605-1606). Ceca de Londres. AU. 13,68 g.[19]
Rose ryal de Xacobe I (1567-1625)

–2ª emisión–

IACOBVS · D · G · MAG · BRIT · FRAN · ET · HIBER · REX, o rei de fronte no trono, con orbe e cetro. A · DNO · FACTVM · EST · ISTVD · ET · EST · MIRAB · IN · OC · NRIS, armas reais baixo XXX.
Rose ryal. (ca. 1619-1625). Ceca de Londres. AU. 12,49 g.[20]

Rose ryal

[editar | editar a fonte]

Do rose ryal producíronse dúas emisións, a primeira dentro da segunda serie de emisións (1604-1619) de Xacobe I e a segunda no marco da súa terceira serie de emisións (1619-1625). En ambos os casos trátase dunha moeda de ouro de 995 milésimas, cun peso próximo aos 13 gramos e un valor do dobre do spur ryal, ou 30 xilins. Os anversos son moi semellantes nas dúas emisións, cun retrato do monarca de fronte no trono, sostendo un orbe e un cetro e coa lenda IACOBVS · D · G · MAG · BRIT · FRAN · ET · HIBER · REX ("Xacobe, pola graza de Deus, rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda").[19][20]

A lenda dos reversos é común en ambas as emisións: A · DNO · FACTVM · EST · ISTVD · ET · EST · MIRAB · IN · OCVLIS · NRIS ·[16] ("Esta é a obra do señor e é marabillosa para os nosos ollos"). No entanto, o motivo do reverso varía: mentres na primeira se amosaban as armas reais dentro dunha gran rosa da Casa de Tudor (que lle dá o nome de rose ryal), na segunda desaparece a rosa e o escudo se amosa nun tamaño superior, debaixo da marca XXX, representativa dos 30 xilins do seu valor.[19][20]

O rose ryal, sinaladamente o da primeira emisión, retomaba a tipoloxía e as lendas do soberano cuñado con anterioridade pola raíña Isabel I de Inglaterra (1558-1603), co que compartía o valor de 30 xilins, que amosaba no anverso a imaxe da raíña de corpo enteiro sedente no trono e cun enreixado baixo os pés, e no reverso unha grande rosa coas armas reais no seu interior.[21]

Imitacións noutros países

[editar | editar a fonte]

O ryal de ouro foi imitado nalgunhas ocasións na Europa continental.[22]

Un exemplo destas emisións é o ryal de imitación do de Eduardo IV e Inglaterra que foi cuñado en Gorinchem, nos Países Baixos, cara a 1585-1586, e tamén en case todas as cecas do norte durante a Guerra dos Trinta Anos.[22][23]

Do mesmo xeito, o ryal de ouro foi imitado por Cristina de Suecia (1632-1654) durante a ocupación sueca da cidade de Riga, cun peso de 13,96 gramos e un valor de catro ducados.[22][24]

O ryal escocés

[editar | editar a fonte]

Ryal de ouro

[editar | editar a fonte]
Ryal de María I de Escocia (1542-1567)
· MARIA · DEI · G · SCOTOR· REGINA ·; busto cara á esquerda. · IVSTVS · FIDE · VIVIT · 1555 ·; armas reais de Escocia.
Ryal (1555-1558). AU. 28 mm. 7,51 g.[25]

O ryal foi introducido no Reino de Escocia no reinado de María Estuardo (1542-1567) no marco da súa primeira serie de emisións (1542-1558), é dicir, o período anterior ao casamento co Delfín de Francia, posteriormente rei Francisco II (1559-1560), que se iniciou co ascenso de María ao trono aos nove meses de idade. Apareceron daquela, como novas moedas de ouro, o lion de 44 xilins, o medio lion e o ryal de 3 libras escocesas ou 60 xilins.[26][27][28][29]

O ryal de ouro escocés tiña un peso de 117,75 grans (ca. 7,63 gramos), cunha lei de 22 quilates, e cuñouse en 1555, 1557 e 1558, ano, este último, en que foi substituído polo ducado de ouro, co mesmo valor. No seu anverso represéntase o busto da raíña cara á esquerda rodeado pola lenda MARIA · DEI · G · SCOTOR· REGINA · ("María, pola graza de Deus, raíña dos escoceses"), en tanto que o seu reverso está ocupado polo escudo de armas de Escocia, co característico león rampante, coa lenda · IVSTVS · FIDE · VIVIT · [data] · ("O home xusto vive pola fe").[30][31]

Xunto co ryal tamén se cuñou o medio ryal, co valor de 30 xilins e compartindo a mesma tipoloxía e as mesmas lendas.[27][29][32]

Ryal de prata (dólar escocés)

[editar | editar a fonte]
Ryal de María I de Escocia (1542-1567)
· EXVRGAT · DEVS · & · DISSIPENT? . INIMICI · EI? ·, palma coroada e legenda DAT GLORIA VIRES nunha fita. · MARIA · & · HENRIC? · DEI · GRA · R · & · R · SCOTRV ·, armas reais de Escocia flanqueadas por cardos.
Ryal. 1566. AG. 45 mm. 30,21 g.[33]

Durante o reinado de María Estuardo deuse unha aproximación do sistema monetario escocés aos estándares continentais. Isto manifestouse especialmente coa introdución en 1565, no marco da cuarta serie de emisións (1565-1567) desta monarca, do ryal de prata, tamén chamado dólar escocés, cun peso de ca. 30,397 gramos e un valor de 30 xilins (unha libra e media), do que tamén se cuñaron as súas fraccións de dous terzos (20 xilins) e dun terzo (10 xilins).[28][34][35]

Trátase dunha moeda de gran módulo, que se emitiu en dúas ocasións, en 1565 e en 1567. A primeira delas presentaba no anverso os bustos enfrontados de María e o seu segundo esposo, Henrique Estuardo, Lord Darnley, rodeados pola lenda HENRICVS · & · MARIA · D : GRA · R · & · R · SCOTORVM ("Henrique e María, pola graza de Deus, reis dos escoceses"). O reverso estaba ocupado polas armas reais escocesas e a lenda · QVOS · DEVS · COIVNXIT · HOMO · NON · SEPARET · ("O que Deus uniu, non o separe o home")[36].[37]

A disposición dos bustos e a lenda desta moeda atoparon unha gran constestación popular, xa que tanto nun caso coma no outro aparecía Henrique en primeiro lugar, o que se consideraba como un símbolo de preeminencia deste sobre María. Por tal motivo, esta primeira emisión foi retirada axiña da circulación, en tanto non se determinaba unha nova tipoloxía para a moeda que fose mellor aceptada. Como resultado da retirada rápida, hoxe só se coñecen dous exemplares da moeda, ambos os dous en museos públicos:[37] un deles no Museo Nacional de Escocia, en Edimburgo, e outro no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, en Londres.[38][39]

Na segunda emisión do ryal de prata, en 1567, os bustos do anverso foron substituídos polas armas reais escocesas, coa lenda · MARIA · DEI · GRA · SCOTORVM · REGINA ·, que reafirmaba que era María a que exercía a autoridade do reinado, en tanto que o reverso pasaba a estar ocupado por unha palmeira coroada pola que gabea un sapoconcho, coas lendas DAT GLORIA VIRES ("A gloria dá forza")[40] e EXVRGAT · DEVS · & · DISSIPENT : INIMICI · EI ("Que Deus se erga e que os inimigos se dispersen")[41].[42]

Ryal de Xacobe VI (1567-1625)
IACOBVS • 6 • DEI • GRATIA• REX • SCOTORVM •; armas reais coroadas, con I-R coroadas aos lados. PRO • ME • SI • MEREOR • IN • ME. Espada vertical, con man cara á dereita e XXX.
Ryal. 1569 (1ª serie). Prata. 42 mm. 30,39 g. [43]

A emisión do ryal de prata foi continuada polo fillo de María Estuardo, Xacobe VI de Escocia (1567-1625). Cuñouse anualmente durante a súa primeira serie de emisións (1567-1571), xunto coas xa coñecidas fraccións de dous terzos e dun terzo. O ryal conservaba o mesmo peso que o que xa emitiran María e Henrique dous anos antes, é dicir ca. 30,397 gramos, así como o seu valor de 30 xilins. O seu anverso estaba caracterizado polo escudo coroado co característico león das armas escocesas e, aos lados, as letras I e R, coa lenda · IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX · SCOTORVM · ("Xacobe VI, pola graza de Deus, rei dos escoceses") arredor.[44] A lenda do reverso era PRO · ME · SI · MEREOR · IN · ME ("Por min, mais contra min se o merezo"), que rodeaba, como tipo principal, unha espada en posición vertical, xunto cunha man que indicaba cara á espada e a indicación do valor: XXX, XX ou X, segundo se tratase da unidade, de 2/3 ou de 1/3.[43][45]

A espada do reverso outórgalle a esta moeda a denominación alternativa de sword dollar.[46]

Na revalorización da moeda escocesa producida en 1578, o ryal pasou a adquirir o valor de 36 xilins e 6 peniques, o que se indicou coa sobreestampaxe dunha marca nos reversos das moedas que daquela estaban en circulación, consistente nun cardo coroado.[47]

  1. Ryal de Eduardo IV de Inglaterra. Numista.
  2. "Ryal". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 158.
  3. 3,0 3,1 "Ryal". En Frey, A. R. (1916). Páxina 206.
  4. 4,0 4,1 Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxinas 341, 435 e 441.
  5. Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 61.
  6. Lucas, 4, 30.
  7. 7,0 7,1 Ryal de Eduardo IV de Inglaterra. Numista.
  8. 1/2 ryal de Eduardo IV de Inglaterra. Herritage Auctions.
  9. 1/4 ryal de Eduardo IV de Inglaterra. Numista.
  10. 10,0 10,1 Grueber, H. (1899).
  11. Stewart, I. (1974). "Problems of the Early Coinage of Henry VII". En The Numismatic Chronicle. Vol. 14. Páxinas 125-147. Royal Numismatic Society.
  12. Kent, J. P. C. (1963). "Five Tudor Notes: The Ryal of Henry VIII". En British Numismatic Journal. Páxinas 161-162. British Numismatic Society.
  13. Ryal de María I de Inglaterra. Numista.
  14. "World Coin Profiles: Finest Known Gold Ship Ryal of Elizabeth I Arquivado 15 de agosto de 2020 en Wayback Machine.". En Coin Week. 7 de abril de 2020.
  15. 15,0 15,1 Spur ryal de Xacobe I. Numista.
  16. 16,0 16,1 Mateu, 21, 42: A Domino factum est istud et est mirabile in oculis nostris.
  17. Smith Homans, J. (1848). Banker's Magazine and State Financial Register. Vol II. Baltimore. J. W. Wood. Páxina 26.
  18. Hornall, T. (2020). "Rare 17th century gold coin of ‘unprecedented’ quality on sale for £162,750". En The Independent. 3 de agosto.
  19. 19,0 19,1 19,2 Rose ryal de Xacobe I de Inglaterra (1º modelo). Numista.
  20. 20,0 20,1 20,2 Rose ryal de Xacobe I de Inglaterra (2º modelo). Numista.
  21. Soberano de Isabel I de Inglaterra. Numista.
  22. 22,0 22,1 22,2 Thompson, A. (1945). "Continental imitations of the rose noble of Edward IV". En British Numismatic Journal. British Numismatic Society. Páxinas 183-208.
  23. Martinori, E. (1915). Páxina 435.
  24. Rose ryal de imitación de Cristina de Suecia. Numista.
  25. Ryal de María I de Escocia. Numista
  26. Clarke, J. (1979).
  27. 27,0 27,1 "Scottish Coins". Elks, K. Coinage of Great Britain. Celtic to Decimalisation. Part 12.
  28. 28,0 28,1 "Ryal". En Dictionary of the Scots Language. 2004. Scottish Language Dictionaries Ltd.
  29. 29,0 29,1 Stewart, I. (1955). Páxina 82.
  30. Ryal de María Estuardo. Numista.
  31. "Lots 121, 122, 123, 124. Gold Ryal". En The Dundee Collection of Scott Coins. 1976. Páxina 78.
  32. "Lot 125: Gold Half Ryal 1555". En The Dundee Collection of Scott Coins. 1976. Páxina 79.
  33. Ryal de María I de Escocia. Numista.
  34. "Scottish Coins". Elks, K. Coinage of Great Britain. Celtic to Decimalisation. Part 12.
  35. Burns, E. (1887). Páxina 336.
  36. Mateu 19, 6.
  37. 37,0 37,1 "1 ryal de prata de María Estuardo (1º tipo)". Numista.
  38. Exemplar do Museo Nacional de Escocia. National Museums Scotland.
  39. [https://media.britishmuseum.org/media/Repository/Documents/2014_11/8_0/1ba01e6c_f5ad_4c29_afbc_a3dd0000092d/mid_01339157_001. jpg Exemplar do Museo Británico][Ligazón morta]. The British Museum.
  40. Ovidio. Tristia, V,12. v. 37.
  41. Salmo LXVII de David.
  42. Stewart, I. (1955). Páxinas 80-90.
  43. 43,0 43,1 "Scotland. James VI. 1567-1625. AR Ryal". Classical Numismatic Group.
  44. Iniciais de IACOBUS REX ("Rei Xacobe").
  45. Ryal de Xacobe VI. Numista.
  46. Stewart, I. (1955).
  47. Ryal de Xacobe VI con contramarca. Numista.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]