Trypanosoma
Trypanosoma | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Trypanosoma sp. entre células sanguíneas | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
|
O Trypanosoma (tripanosoma) é un xénero de protistas cinetoplástidos (clase Kinetoplastida), un grupo monofilético[1] de protozoos unicelulares parasitos flaxelados. O nome deriva do grego trypano (broca) e soma (corpo) porque se moven cun movemento en espiral como un sacarrollas. Todos os tripanosomas requiren máis dun hóspede obrigatorio para completar o seu ciclo de vida e transmítense por medio dun animal vector. A maioría das especies son transmitidas por invertebrados hematófagos, pero utilizando diferentes mecanismos segundo as especies. No hóspede invertebrado atópanse xeralmente no intestino, e no hóspede vertebrado aparecen normalmente no sangue ou dentro das células.
Os tripanosomas infectan unha variedade de hóspedes e causan varias doenzas, entre as cales hai doenzas humanas importantes como a enfermidade do sono (ou tripanosomíase africana), causada polo Trypanosoma brucei, e a enfermidade de Chagas, causada polo Trypanosoma cruzi.
O xenoma mitocondrial do Trypanosoma, e a doutros cinetoplástidos, coñecido como cinetoplasto, está feito dunha serie complexa de círculos concatenados e minicírculos e require un conxunto de proteínas para a súa organización durante a división celular.
Historia
[editar | editar a fonte]A primeira especie do xénero Trypanosoma que froi identificada foi atopada na troita por Gabriel Valentin en 1841. Non foron identificadas nos mamíferos ata 25-30 anos máis tarde.
Principais especies
[editar | editar a fonte]As dúas especies máis importantes por ser parasitos humanos relevantes son Trypanosoma brucei (enfermidade do sono) e Trypanosoma cruzi (enfermidade de Chagas), pero hai outras especies que parasitan a moitos vertebrados. As especies máis importantes de Trypanosoma son as seguintes:
- T. ambystomae. en anfibios
- T. antiquus, extinto (fósil atopado en ámbar do Eoceno)
- T. avium, que causa tripanosomíase en aves
- T. boissoni, en peixes elasmobranquios
- T. brucei, que causa a enfermidade do sono ou tripanosomíase africana nos humanos e a nagana no gando vacún (doenza parecida á enfermidade do sono humana)
- T. cruzi, que causa a enfermidade de Chagas nos humanos
- T. congolense, que causa o nagana no gando ruminante, e en cabalos e moitos outros animais silvestres
- T. equinum, en cabalos do América do Sur, transmitídos por insectos tabánidos
- T. equiperdum, que causa unha enfermidade de transmisión sexual nos cabalos e outros équidos, que se pode contaxiar por vía sexual sen utilizar un vector
- T. evansi, que causa unha das formas da enfermidade chamada surra en certos animais (só se informou dun caso de infección en humanos en 2005 na India[2] que foi tratado exitosamente con suramina[3])
- T. everetti, en aves
- T. hosei, en anfibios
- T. irwini, en coalas
- T. lewisi, en ratas
- T. melophagium, en ovellas, transmitidos polo insecto díptero Melophagus ovinus
- T. paddae, en aves
- T. parroti, en anfibios
- T. percae, no peixe Perca fluviatilis
- T. rangeli, que se cre non é patóxeno para os humanos
- T. rotatorium, en anfibios
- T. rugosae, en anfibios
- T. sergenti, en anfibios
- T. simiae, que causa a nagana en porcos. Os seus principais reservorios son o xabarín verrugoso e porcos silvestres
- T. sinipercae, en peixes
- T. suis, que causa unha forma diferente de surra
- T. theileri, un gran tripanosoma que infecta aos ruminantes
- T. triglae, en peixes teleósteos mariños
- T. vivax, que causa a enfermidade nagana, principalmente en África Occidental, aínda que tamén se estendeu a América do Sur [4]
Ciclos vitais e morfoloxías
[editar | editar a fonte]Existen dous tipos de tripanosomas diferentes, con ciclos de vida difrerentes, as especies salivarias e as estercorarias.
Os tripanosomas estercorarios infectan insectos, xeralmente o Triatoma, desenvólvese na parte posterior do seu aparato dixestivo e os protozoos infectivos son liberados nas feces, que son depositadas na pel do hóspede. O organismo entón penetra e pode diseminarse polo corpo. Os insectos volven a infectarse cando se alimentan de sangue do hóspede. Destaca o T. cruzi.
Os tripanosomas salivarios desenvólvense na parte anterior do aparato dixestivo do insecto (probóscide, hipofarinxe), e o vector máis importante é a mosca tse-tse. Os organismos infectivos son inoculados no hóspede cando pica e segrega saliva antes de alimentarse. Destaca T. brucei.
A medida que os tripanosomas progresan no seu ciclo vital van sufrindo unha serie de cambios morfolóxicos como ocorre en todos os tripanosomátidos. O ciclo vital xeralmente presenta unha forma tripomastigota no hóspede vertebrado e unha forma tripomastigota ou promastigota no aparato dixestivo do hóspede invertebrado. Na fase intracelular do ciclo de vida o protozoo está normalmente na forma amastigota. Nos tripanosomátidos a morfoloxía tripomastigota é exclusiva das especies do xénero Trypanosoma, na que o flaxelo percorre toda a célula formando unha membrana ondulada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hamilton PB, Stevens JR, Gaunt MW, Gidley J, Gibson WC (2004). "Trypanosomes are monophyletic: evidence from genes for glyceraldehyde phosphate dehydrogenase and small subunit ribosomal RNA". Int. J. Parasitol. 34 (12): 1393–404. PMID 15542100. doi:10.1016/j.ijpara.2004.08.011.
- ↑ World Health, Organization (2005). "A new form of human trypanosomiasis in India. Description of the first human case in the world caused by Trypanosoma evansi". Wkly. Epidemiol. Rec. 80 (7): 62–3. PMID 15771199.
- ↑ Joshi PP, Chaudhari A, Shegokar VR; et al. (2006). "Treatment and follow-up of the first case of human trypanosomiasis caused by Trypanosoma evansi in India". Trans. R. Soc. Trop. Med. Hyg. 100 (10): 989–91. PMID 16455122. doi:10.1016/j.trstmh.2005.11.003.
- ↑ Batista JS, Rodrigues CM, García HA, Bezerra FS, Olinda RG, Teixeira MM, Soto-Blanco B. (2011). "Association of Trypanosoma vivax in extracellular sites with central nervous system lesions and changes in cerebrospinal fluid in experimentally infected goats". Veterinary Research 42 (63): 1–7. PMC 3105954. PMID 21569364. doi:10.1186/1297-9716-42-63.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Tree of Life: Trypanosoma Arquivado 08 de novembro de 2016 en Wayback Machine.