Velasquita Ramírez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 963 |
Morte | c. 1035 (71/72 anos) |
Raíña consorte Reino de León | |
Raíña consorte Reino de Galicia | |
Outro | |
Título | Raíña consorte |
Familia | Dinastía ástur-leonesa |
Cónxuxe | Vermudo II |
Fillos | Cristina Vermúdez |
Velasquita Ramírez, nada cara ao 963 é falecida cara ao 1035, foi a raíña consorte do reino de Galiza como primeira esposa do rei Vermudo II e nai da infanta Cristina Vermúdez, esposa de Ordoño Ramírez.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]As orixes familiares de Velasquita son incertas. A inscrición nunha pedra da igrexa de Deva (Igrexa de San Salvador, Asturias), simplemente chámaa filia Ranimiri ("filla de Ramiro").[1][2]
«En nome do Señor Xesucristo, por amor do cal a raíña Velasquita, filla de Ramiro, edificou o templo do Señor Salvador. Aquí se gardan as reliquias, para que ela reciba premio digno no seno dos santos, viva aquí feliz e consagrada e consigan o reino de Deus. Amén. Co cal consagrouse este templo»[Notas 1][3]
Manuel Risco, un historiador español do século XVIII, cría que Velasquita era filla do rei Ramiro II,[1] pero Velasquita nunca aparece nas cartas medievais como filia Ranimiri regis,[2] que sería o costume daquela época. Os historiadores modernos rexeitan esta filiación e cren que podería ter nacido de Ramiro Menendiz, fillo do conde Hermenexildo González e Muniadona Díaz, e da súa muller Adosinda Guterrez,[1] filla do conde Gutier Menendiz.[1] Isto harmonizaría cun documento do 5 de xaneiro de 999 no que Vermudo se refire a Gonzalo Betotiz, pai do conde Hermenexildo, coma o seu bisavó.[1][Notas 2]
Casou con Vermudo II entre o 980 e o 11 de outubro de 981 cando ambos aparecen xuntos por primeira vez,[1] un ano antes do reinado de Vermudo, nunha doazón feita polo conde galego Menendo Menéndez ao Mosteiro de San Xulián de Samos na que Vermudo confirma como Veremudus, prolix Ordonius rex e Velasquita como uxor ipsius.[2]
Aparecen xuntos por última vez a finais de 988 e probablemente foi repudiada un ano despois en 989.[1] En 991, o rei Vermudo e a súa segunda esposa, Elvira García, confirman xuntos unha carta por primeira vez.[1] Velasquita abandonou a corte e instalouse en Oviedo coa súa filla Cristina, e fíxose monxa no Mosteiro de San Paio,[1] cuxa abadesa daquela era a raíña viúva Tareixa Ansúrez. A medievalista Margarita Torres cre que Velasquita e Tareixa planificaron e fomentaron o matrimonio de Cristina, a filla de Velasquita, co neto de Tareixa, Ordoño Ramírez, unindo así ámbalas liñaxes reais.[4] Velasquita aparece o 14 de marzo de 996 no Mosteiro de San Paio confirmando unha doazón realizada polo seu antigo marido, o rei Vermudo e a súa segunda esposa Elvira.[2] En 1024 tamén estivo presente e confirmou a carta pola que a súa filla Cristina, xa viúva, funda o Mosteiro de San Salvador (Cornellana) onde acabaría por retirarse.[2]
Matrimonio e descendencia
[editar | editar a fonte]Polo rei Vermudo Velasquita tivo unha filla coñecida, Cristina Vermúdez, que casou co infante Ordoño Ramírez, fillo do rival do seu pai Ramiro III e Sancha Gómez.[Notas 3]
Velasquita foi avoa de Afonso Ordóñez, Ildoncia Ordóñez (morta despois de 1056), Ordoño Ordóñez (importante magnate e alférez de Fernando I) e Paia Ordóñez, coñecida como "Dona Paia".
Morte e enterro
[editar | editar a fonte]Non se coñece a data exacta da morte de Velasquita, pero probablemente foi entre 1028 e 1035.[1] Segundo a tradición, foi enterrada no Mosteiro de San Salvador de Deva en Asturias,[2] que ela fundara antes de 1006 e doara o 29 de agosto dese mesmo ano á Catedral de Oviedo xunto con outros bens coma os mosteiros de Santa Cruz, San Xoán de Abonio e a igrexa de San Martín de Salas.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "HINC NOMINE DOMINI IHESUCRISTI PRO CUIUS AMORE VELASQUITAE REGINAE PROLIS RAMIRI EDIFICABIT TEMPLUM DOMINI SANCTI SALVATORIS ET RELIQUIE QUI HIC SUN RECONDITE UT IN SINU SANCTE RECIPIAT PREMIA DIGNA ET IC FELICITER VIVAT ET REGNUM DEI POSSIDEANT AMEN, QUO CONSECRATUM EST TEMPLUM HOC"
- ↑ A imposibilidade de explicar esta relación a partir dos matrimonios coñecidos da familia real deu lugar as especulacións entre os historiadores de que o rei Vermudo puido ser ilexítimo, nado do rei Ordoño III a través dunha sobriña de Hermenexildo González. Non obstante, sería coherente co costume da época que Vermudo se referise aos devanceiros da súa muller como propios.
- ↑ No Chronicon regum Legionensium do século XII, o bispo Paio de Oviedo dividiría a Velasquita en dous personaxes distintos, unha muller casada lexitimamente e unha amante da que Vermudo tivo unha filla ilexítima Cristina. Aínda que isto pode reflectir o estado de Cristina despois do repudio do matrimonio dos seus pais, tamén forma parte dun patrón máis amplo no que o bispo retrata a Vermudo desfavorablemente. O feito de que a raíña Velasquita confirmase a carta onde Cristina fundou o mosteiro e tamén de que o "préstamo" concedido pola Catedral de Oviedo á raíña Velasquita da "corte de Santa Cruz de Aquilone" pasase a Cristina e despois á súa filla Aldonza, indicaría que Cristina era case con toda seguridade a filla da raíña e non dunha campesiña asturiana, como insinuou o bispo.
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 García Álvarez, Manuel Rubén (1960). "¿La Reina Velasquita, nieta de Muniadomna Díaz?". Revista de Guimarães (70): 197–230. ISSN 0871-0759.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Sánchez Candeira, Alfonso (1950). "La reina Velasquita de León y su descendencia". Hispania (40): 449–505. ISSN 0018-2141.
- ↑ "La lápida fundacional del monasterio de San Salvador de Deva". condadodecastilla.es. Consultado o 2023.
- ↑ Torres Sevilla-Quiñones de León, Margarita C. (1999). Linajes nobiliarios de León y Castilla: Siglos IX-XIII. Junta de Castilla y León, Consejería de educación y cultura. ISBN 84-7846-781-5.