Saltar ao contido

Vimianzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaVimianzo
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°06′36″N 9°02′04″O / 43.11, -9.0344444444444
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor en Wikidata
Capital de
CapitalVimianzo Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación6.840 (2023) Editar o valor en Wikidata (36,36 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie188,13 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Altitude450 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Santo padrónVicenzo de Huesca Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor en WikidataMónica Rodríguez Ordóñez Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Vimianzo Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15129/15127 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE15092 Editar o valor en Wikidata

Sitio webvimianzo.gal Editar o valor en Wikidata
Facebook: concellovimianzo Twitter: De_Vimianzo Instagram: concellovimianzo Editar o valor en Wikidata

Vimianzo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Soneira e integrado no partido xudicial de Corcubión. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vimiancés». É un dos concellos máis extensos da provincia (187,4 km²) que, segundo o IGE, tiña 7.138 habitantes en 2018 (7.565 no 2015, 8.128 no 2010, 8.402 no 2006, 8.466 no 2005, 8.517 no 2004, 8.653 en 2003), cunha baixa densidade de poboación (38,09 hab./km²). Sitúase practicamente equidistante das cidades da Coruña e Santiago de Compostela; pese a ter apenas uns metros de liña costeira está considerado tamén un dos concellos que forman parte da Costa da Morte.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Situación

[editar | editar a fonte]

Limita cos concellos de Zas, Dumbría, Muxía, Camariñas e Laxe. Pola parte sueste limita co Encoro da Fervenza, que o separa do concello de Mazaricos. Conta cun total de 187,4 quilómetros cadrados distribuídos en 14 parroquias.

Orografía

[editar | editar a fonte]

O seu punto máis alto atópase nos montes do Cabral, na parroquia de Baíñas, lindando co concello de Dumbría, cuns 515 metros sobre o nivel do mar.[1]

Hidrografía

[editar | editar a fonte]

O seu principal curso fluvial é o río Grande.

O clima de Vimianzo é suave e xeralmente morno e moderado. Os meses de inverno son moito máis chuviosos cós do verán. A temperatura media de Vimianzo é de 13.9 °C. 118 mm é a diferenza de precipitación entre o mes máis seco e o mes máis chuvioso. 9.4 °C é a variación das temperaturas medias durante o ano. A pluviometría anual é duns 1058 mm.

A continuación amósanse os datos mensuais dos valores medios de temperaturas e precipitacións[2]:

Temperaturas e precipitacións mensuais
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura media (°C) 9,7 9,7 11,3 12,6 14,1 16,6 18,3 19,1 17,6 15,3 12,4 10,3
13,9
Temperatura mínima (°C) 7,2 6,9 8,3 9,2 10,8 13,2 14,9 15,6 14,4 12,2 9,7 7,7
10,9
Temperatura máxima (°C) 12,3 12,5 14,4 16,0 17,4 20,0 21,7 22,6 20,9 18,5 15,1 13,0
18
Precipitacións (mm) 122 92 108 72 76 47 29 45 72 103 147 145
1058
Fonte: Climate-Data.org

Demografía

[editar | editar a fonte]
Censo total 2014 7.710 habitantes
Menores de 15 anos 713 (9.25 %)
Entre 15 e 64 anos 4.687 (60.79 %)
Maiores de 65 anos 2.310 (29.96 %)
Fonte: Instituto Nacional de Estadística, INE, 1857-2011
Evolución da poboación de Vimianzo   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
8.637 9.222 10.678 9.646 8.517 8.204 8.039 7.977 7.849 7.710 7.565 7.378
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O topónimo procedo do latín uimen, “vimbio”, co sufixoantio, presente noutros topónimos como Camanzo ou Arganzo.[3]

Prehistoria

[editar | editar a fonte]

Non se teñen atopado en Vimianzo restos anteriores ao Neolítico e, como en moitos outros lugares de Galicia, tampouco se teñen achado restos orgánicos por mor da acidez do solo; porén, si abundan os depósitos megalíticos, moitos deles en bo estado de conservación[4].

Por outra banda, se ben até 1986 só había dous castros identificados (o castro do Sino e o castro das Barreiras)[5], na actualidade coñécese a existencia de -polo menos- dez deles, identificados na obra O poboamento castrexo na rexión occidental da provincia da Coruña de Xerardo Agrafoxo. Ademais, ao igual que en moitos outros lugares, Vimianzo tamén herdou topónimos referentes a antigos asentamentos como Castrobuxán, Castrelo, Castro ou Castromil[6].

Época romana

[editar | editar a fonte]

Crese que en Brandomil (moi próximo a Vimianzo) estaba a sede da mansión Grandimirum da vía 20 do Itinerario IV de Antonino, de onde partiría un ramal cara ao norte pasando por Tines, importante enclave histórico tendo en conta os camiños que o percorreron (de Zas cara a Vimianzo, e de Baio cara a Baíñas) e polos restos arqueolóxicos atopados en 1951 por Manuel Chamoso Lamas no adro da igrexa e terreos lindeiros[7]:

  • Unha necrópole suevo-romana con enterros que datan desde o século I ao VIII d.C.
  • Unha vila romana con catro salas.
  • A Estela Funeraria de Victorinus (exposta no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón), probablemente un dos primeiros testemuños epigráficos cristiáns.
  • Tres sarcófagos de pedra no adro (consérvase un semellante na contorna da igrexa de Salto). Aparentemente a maior parte dos enterramentos son da época sueva. Dada a abundancia de sarcófagos e lápidas, Chamoso Lamas cualificou esta descuberta como a máis importante de restos da cultura bárbara en Galicia.

Amais, nos Penedos de Pasarela e Traba algúns autores teñen situado os altares romanos para sacrificios rituais coñecidos como "Aras Sextianas".

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Dominio da casa de Traba

[editar | editar a fonte]

Soneira xa consta documentalmente como territorio diferenciado como mínimo desde mediados do século IX, como recollen as investigacións ao respecto de Xosé María Lema Suárez en A Arte relixiosa na Terra de Soneira. Porén, non se dispón de moitos datos relacionados coa historia destas terras, agás referencias illadas como a que aparece na Historia Compostelá, onde se dá conta da devastación por parte de piratas almorábides en 1115, comandados polo almirante Alí-ben-Memón. Segundo as crónicas, naquela época os labregos das zonas achegadas á costa, dende mediados de abril, deixaban desertas as terras para se retiraren cara ao interior e refuxiárense en covas. Nos portos galegos só se construían barcos para a navegación de cabotaxe e o almirante galego Rodrigo Froilaz, irmán do conde de Traba, non era capaz de rexeitar as acometidas piratas[8]. Esta zona soportou ao longo da historia máis ataques, como as incursións normandas.[9][10]

Durante a Idade Media a historia rural da comarca dependeu, primeiramente, do nacente influxo compostelán mais, por outra banda, da función directiva eclesiástica exercida polo mosteiro de San Xulián de Moraime, fortemente ligado á casa de Traba[8].

Aténdose ás características dos muros do castelo de Vimianzo, calcúlase que esta construción ten a súa orixe nos últimos anos do século XII ou comezos do XIII[8]. Esta fortaleza será a partir de entón protagonista da disputa polo poder e organización da comarca até a chegada da Idade Contemporánea.

Século XIV. Ocaso da liñaxe dos Traba

[editar | editar a fonte]

O poder político dos Traba esmoreceu despois do século XIII, a familia extinguiuse e os seus bens pasaron á casa de Andrade e aos arcebispos composteláns. En 1348 o rei Afonso XI de Castela confiscou o castelo de Vimianzo a Rui Soga Mariño de Lobeira para venderllo ao arcebispo compostelán Juan García Manrique. Pasou posteriormente a mans do duque de Arjona, Fadrique Enríquez[8].

Cronoloxía do século XV. Comeza o dominio da casa dos Moscoso de Altamira

[editar | editar a fonte]

Calcúlase que entre 1425 e 1429 o castelo de Vimianzo pasou por primeira vez a pertencer aos Moscoso de Altamira.[8] En 1464 figuraba como señor da fortaleza Bernal Yáñez (ou Sánchez) de Moscoso, quen en 1465 lle quitara a vila de Noia a Alonso II de Fonseca, facéndoo prisioneiro e encerrándoo no castelo soneirán entre ese mesmo ano e o seguinte. Dous anos despois o castelo foi tomado polos Irmandiños; após a derrota dos rebeldes apoderouse del o arcebispo Fonseca, que ordenou a súa reconstrución en 1472 con traballos forzoso para os vencidos da revolta. Asemade, designou como alcaide a Joán Mariño de Lobeira con corenta homes para o defender.

En 1472 Lope Sánchez de Moscoso (proclamado uns anos antes primeiro conde de Altamira e quen xa mandara construír as torres de Mens para defender os seus territorios na Costa da Morte) tomou de novo o castelo para a súa familia até que esta abandonou Galiza.

Idade Moderna. A xurisdición do Castelo de Vimianzo

[editar | editar a fonte]

Desde finais da Idade Media e até o século XIX xestionouse desde o castelo dos Moscoso de Altamira a xurisdición de Vimianzo (concellos de Vimianzo, Zas, Camariñas, Laxe, Cabana e parte de Muxía), que dominaba a maior parte da vella Somnaria ou Sonaria medieval (do Pico de Meda ao cabo Vilán e a ría de Camariñas; do último tramo do río Anllóns e da Ría de Corme e Laxe ao tramo medio do río Xallas)[11], concentrando na súa contorna unha gran parte da nobreza da zona[8].

Os condes de Altamira deixaron de residir en Galiza -para facelo na Corte- desde comezos do século XVI, e así tiveron en Vimianzo os seus apoderados ou meiriños. Porén, os señores víronse forzados a volver en determinadas ocasións para organizar partidas populares obrigadas a defender (ante o desamparo do Estado) a Costa da Morte dos frecuentes ataques corsarios ou de navíos de guerra das armadas inglesa, francesa ou neerlandesa, con graves consecuencias para as igrexas das parroquias costeiras. Non sería até a segunda metade do século XVIII, cando o Goberno español considerou por fin a necesidade de dotar a comarca dunha infraestrutura de defensa axeitada. Así, os enxeñeiros militares da corte dos Borbóns, seguindo instrucións do Marqués de la Ensenada, iniciaron a construción entre 1740 e 1767 de varias baterías de defensa das pequenas vilas da Costa da Morte[11].

Época Contemporánea

[editar | editar a fonte]

Século XIX

[editar | editar a fonte]

A ocupación francesa fíxose sentir en Vimianzo, en 1809, cando as tropas napoleónicas prenderon lume á igrexa de Baíñas[12]. Posteriormente, coa extinción do Antigo Réxime desapareceu tamén a provincia de Santiago de Compostela -á cal pertencía Vimianzo- pasando daquela a se integrar na actual provincia da Coruña, formada en 1833. O concello de Vimianzo creouse en 1836[13].

No económico esta época caracterizouse pola conquista da terra por parte dos labregos. Imperaba o réxime foral, polo que o propietario da terra (normalmente o clero ou a alta nobreza) lle cedía a outro o dominio útil reservándose, ademais doutros dereitos, a percepción dunha renda anual. A súa duración era a vida de tres reis e 29 anos, o que supoñía duns 50 a 75 anos de vixencia. Entre os aforados e os propietarios estaba a fidalguía, aliada dos campesiños no momento en que o clero quixo substituír os foros por contratos de arrendamento, provocando unha resolución de Carlos III en 1763 que impedía aos xulgados aceptaren causas de despoxo por voces fenecidas, convertendo deste xeito os foros en perpetuos[13].

En 1873, unha lei promulgada durante a Primeira República Española, permitiu aos labregos a redención do foro mediante o pago dun canon, mais esta foi abolida após a caída deste réxime. Porén, grazas á intensa emigración cara a América desde mediados do século XIX, foron chegando a Vimianzo os cartos precisos para redimir estes foros. Proliferou o minifundismo, do que xa se ten referencia desde o XVIII, e a economía agraria de subsistencia[13].

Século XX

[editar | editar a fonte]

En 1907 o Consello de Ministros de España aprobou un proxecto para unir Coruña, Carballo e Corcubión mediante un camiño de ferro que habería de atravesar -entre outros- o concello de Vimianzo, propiciando así a chegada do tren á vila. Porén, a pesar de ter este proxecto unha dotación económica non se chegou materializar.[14][15]

Por outra banda, o movemento agrarista fixou na supresión dos foros o seu principal obxectivo na comarca, feito que se conseguiría durante a ditadura de Primo de Rivera. Logo, a guerra civil española coa represión dos falanxistas provocou a fuxida de moitos veciños, entre eles o alcalde republicano, sendo outros -como o secretario municipal- encarcerados e/ou fusilados[13].

Durante a primeira metade do século XX continuaría tamén a emigración cara a América, mais a partir da década de 1970 esta desviouse cara a Europa, principalmente a Suíza. No eido produtivo cómpre igualmente salientar o impulso dado neste concello á concentración parcelaria; tendo lugar en 1958, na parroquia de Salto, a segunda levada a cabo en Galiza[13].

Manuel Antelo Varela sería durante moitos anos o alcalde do réxime franquista, deixando como herdanza a creación Soneira Sociedade Deportiva, co seu campo de fútbol municipal tamén; así como unha nova Casa do Concello en propiedade, xa que até entón as dependencias municipais estaban en réxime de arrendamento.

Século XXI

[editar | editar a fonte]

En 2011 rematou definitivamente o período de estabilidade política municipal, iniciado na década de 1980 polos sucesivos equipos de goberno que liderou Alejandro Rodríguez Lema: a expulsión do propio Rodríguez Lema do PSdeG-PSOE, ao que seguiron moitos dos membros da súa corporación, propiciou a vitoria e acceso á alcaldía de Manuel Antelo Pazos, candidato do Bloque Nacionalista Galego. Porén, o goberno de Manuel Antelo sustentábase no feble apoio dun anovado grupo socialista que acabou outra vez fraccionado, o que desembocou nunha moción de censura, desbotada finalmente por irregularidades na súa tramitación[16]. Nas eleccións municipais de 2015 Antelo saíu reelixido con maioría absoluta, mais con todo, o grupo local do BNG tampouco era alleo ás divisións xurdidas no partido a nivel nacional e así todo o grupo de goberno nacionalista acabou por abandonar a fronte en abril de 2016[17].

Economía

[editar | editar a fonte]

Sector Primario

[editar | editar a fonte]

A actividade pesqueira non é apreciábel neste municipio. Gozan de importancia os terreos forestais e os dedicados a pasto. En 2011 existían 744 explotacións de vacún, 177 de ovino, 2 granxas de porcino, 3 piscifactorías, unha granxa de polos e outra de avestruces[18].

O terreo forestal, que ocupa uns dous terzos do territorio, produce principalmente madeira de eucalipto e piñeiro, sendo a explicación do asentamento de 7 serradoiros, os máis deles concentrados no lugar de Pasarela[18].

En canto á minaría, é de salientar a explotación de caolín en Castrelo, exercida pola empresa CAVISA[18].

Sector Secundario

[editar | editar a fonte]

A produción de enerxía eléctrica concéntrase nas augas do río Grande (centrais do Foxo, Gaioso e Carantoña). Hai instalada, asemade, unha central de enerxía termoeléctrica e un parque de xeradores eólicos inaugurado en 2002, xunto con dous xeradores de titularidade municipal[18].

Outro subsector aínda destacábel é o da industria téxtil, que malia sufrir un notábel descenso nos últimos anos (de 18 talleres en 2003 pasouse aos 8 actuais) segue a proporcionar un importante número de empregos. Tamén existe unha fábrica de artigos de pel dedicada á exportación[18].

A artesanía do encaixe está fortemente arraigada no municipio, calculándose que unhas 500 mulleres dedicadas a tempo completo ou parcial a esta actividade. Porén, non xera o suficiente valor engadido como para sacala da economía somerxida. É importante o papel que desenvolven unha comercializadora e o asociacionismo apoiado na Mostra de Artesanía do Castelo de Vimianzo[18].

En setembro de 2008 quedaron rematadas as obras do parque empresarial de Vimianzo[19], instalado moi próximo ao núcleo urbano principal, ao norte do mesmo e con acceso desde a AC-552, porén a implantación de empresas no mesmo ten sido mínima até o de agora[20].

Sector Terciario

[editar | editar a fonte]

O sector servizos concentra a súa oferta na capital municipal, existindo un foco secundario como é o núcleo de Baíñas, que conta con dúas oficinas bancarias, dous supermercados, tanatorio e varios comercios retallistas e locais de hostalaría. No lugar da Piroga tamén se poden atopar algúns establecementos comerciais e de lecer así como supermercados, alén da súa popular feira, ficando as súas demandas servidas pola proximidade da vila de Baio, que conta cunha actividade relevante dentro da comarca neste sector.

Infraestruturas

[editar | editar a fonte]

Vimianzo non conta con ningunha estrada dependente dos entes estatais polo que as principais vías de comunicación son competencia da Xunta de Galicia.

Rede primaria básica

[editar | editar a fonte]

Autoestradas

[editar | editar a fonte]

O 29 de xullo de 2016 quedou inaugurada a prolongación da AG-55 que une a cidade da Coruña con Baio. Esta autoestrada remata como Vía de Alta Capacidade xa no termo municipal vimiancés, no chamado enlace de Santa Irena, a poucos metros da vila zaense. O mesmo día da inauguración o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a contratación do proxecto construtivo que permitirá prolongar a autoestrada até a capital municipal de Vimianzo[21]. En realidade trátase de retomar o proxecto inicial, xa comezado e avanzado[22] de que a AG-55 chegase até o cruzamento de Berdoias e de aí continuara como Vía de Alta Capacidade até Cee, O Sardiñeiro e o porto de Brens.

A principal vía do concello é a estrada AC-552, que une a cidade da Coruña con Cee e atravesa os núcleos da Piroga, Vimianzo e Berdoias. Dela parten as máis das estradas secundarias que serven o concello con outras capitais municipais.

Rede primaria complementaria

[editar | editar a fonte]

Rede secundaria

[editar | editar a fonte]

Rede provincial e estradas locais

[editar | editar a fonte]
  • DP-1603: Cereixo - Ponte do Porto
  • DP-9201: Tras do Ceán - Carantoña - AC-432
  • DP-9202: Berdoias - Ponte do Porto
  • DP-9203: Baíñas - Caxadas. Evita o paso por Berdoias entre Vimianzo e Baíñas.
  • Estrada de Baio a Baíñas, onde continúa tralo cruzamento coa AC-441 cara ao concello de Dumbría e A Picota, Mazaricos.
  • Estrada de Calo - Pasarela. Permite atallar entre a AC-432 e a AC-433 para ir de Vimianzo a Laxe.

Equipamentos

[editar | editar a fonte]

Vimianzo conta na súa capital municipal cun posto da Garda Civil, Casa da Cultura (inaugurada en 2007 e posta en marcha en 2008[23], con auditorio e biblioteca), residencia de anciáns privada con concerto de prazas coa Xunta, centro de atención primaria, polígono industrial (onde está prevista a implantación dun "punto limpo" de recollida de lixo[24]), campo municipal de fútbol (anovado e reinaugurado en 2007[25]). Tamén se construíu un centro sociocultural en Baíñas, sen apenas uso.

Patrimonio histórico e artístico

[editar | editar a fonte]

Restos e sitios arqueolóxicos romanos e prerromanos

[editar | editar a fonte]

Antas, dolmens e mámoas

[editar | editar a fonte]
Dolmen de Pedra Cuberta

Vimianzo conta cunha grande abundancia de restos megalíticos entre os que cómpre destacar os catalogados como BIC: dolmens de Pedra Cuberta e Pedra Moura de Monte Carneo en Treos, a Casota de Freáns de Berdoias, Pedra da Lebre (tamén coñecido como Anta de Serramo) e a Pedra da Arca máis a Arca da Piosa en Baíñas, compartidas cos concellos de Dumbría e Zas respectivamente[26]. Todos estes monumentos forman parte do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, que tamén inclúe neste concello a Arca do Rabós, a Mina de Recesindes e a Arquiña de Vilaseco.

A un escaso quilómetro do principal núcleo urbano está a Anta de Prado Garrido, en moi mal estado de conservación[27].

No lugar da Casa do Prado, na parroquia de San Vicente de Vimianzo, esta a Mámoa da Mina de Folías, que forma parte dunha necrópole de tres túmulos. Dúas delas (esta e outra escavada, na que se ve a anta) están na mesma leira e a outra, cruzando a pista. Están situadas entre os 200 e 205 metros de altitude. Presenta cono de violación e nel pódense apreciar restos dolménicos. Non houbo ningunha actuación arqueolóxica nela. A necrópole megalítica tamén é coñecida como «mámoas de Mourelo»[28].

Outro xacemento semellante a destacar é a Necrópole dos Rabós en Baíñas. Trátase dun extenso número de campos de mámoas repartidas pola parroquia, como a Necrópole do Chan do Cabral, Brañas do Porco ou as da Gándara (preto do encoro da Fervenza). Nesta do Rabós existen dúas mámoas divididas por unha pista. Sitúanse entre os 305 e os 310 metros de altitude. A mámoa número 2 fai división entre dúas leiras, pasando o valado de separación por riba. Presenta cono de violación e non se aprecian a simple vista restos dolménicos. Non así a mámoa veciña, que acolle a Arca do Rabós.[29]

En Carantoña, ademais da Mina de Recesindes, atópase a Mina de Aquela Banda, probablemente un deses poucos exemplos de cista megalítica coñecidos en Galiza. Non existen estudos sobre o xacemento, mais pola tipoloxía pódese encadrar no tipo de construcións funerarias do II milenio a.C. A súa cámara ten forma rectangular, de pequenas dimensións. Conserva tres laxes graníticas verticais, unha delas deitada cara ao interior. Ao parecer a tampa aínda se pode ver nos arredores. O enterramento conserva bastante ben o túmulo, unha mámoa profanada no seu centro, grazas ao cal podemos ver a estrutura megalítica[30].

En serio perigo de desaparición encóntrase a Arca ou mámoa de Caxadas 1, tamén coñecida como Arca de Ogas. Este dolmen forma parte dunha necrópole megalítica de catro mámoas. O túmulo da Arca de Caxadas 1 foi profanado e leváronse moitas das súas pedras. Presenta cámara poligonal e corredor. A necrópole ten seis pezas visibles, tres da cámara e outras tres do corredor. Está catalogada e inventariada desde 1992 e se localiza a carón do Camiño da Brea, que une Ogas e Vilaseco, onde se atopa a Arquiña de Vilaseco.

En agosto de 2016 fíxose público o achado dun novo dolmen sen inventariar en Cambeda, entre Caxadas e Sanfíns.[31]

Petróglifos

[editar | editar a fonte]

Na parroquia de Berdoias descubríronse varios petróglifos:

  • O petróglifo de Boallo foi descuberto en 1997 de forma casual por Manuel Soto cando repousaba sobre unha rocha durante unha xornada de caza. Responde claramente á tipoloxía de combinacións circulares, o grupo máis característico dos gravados galegos. Trátase dun petróglifo composto de varios motivos circulares cadanseu cunha cazoleta e un só círculo. Os máis grandes do conxunto, concretamente dous, son moi parecidos na forma e tamaño, estando composto por catro círculos, unha cazoleta central e un radio que comunica esta co círculo externo ou derradeiro. Os gravados dispóñense sobre unha superficie erosionada e sinuosa de rocha granítica emerxente do chan, e que se empraza ao pé doutras dúas pedras superpostas que lle serven de abrigo pola parte do oeste. A rocha ten unha suave pendente e con orientación a poñente do sol. A súa cronoloxía é descoñecida.
  • O conxunto de Petróglifos do Pedrouzo foi descuberto en 2003. Datan da Idade de Bronce e os motivos das laxes deste lugar son xeométricos (hai espirais, círculos concéntricos, coviñas, cruces, ... ). Chama a atención un dos debuxos que se asemella misteriosamente a un corazón humano. Gozan da declaración de Ben de Interese Cultural.

Na parroquia de Tines atopouse nos anos 50 a Estela de Vitorinus (Museo Arqueolóxico da Coruña) e distintos restos de enterramentos romano-suevos.

No lugar de Ogas, moi preto da capital municipal e ao pé da AC-552, pódese visitar o Castro das Barreiras e na parroquia de Castrelo, no lugar da Lavandeira, atópase o Castro do Sino. En Cereixo, o Castro do Croado domina a paisaxe da parroquia[32]. Na mesma parroquia de San Vicente de Vimianzo atópanse o Castro da Pena, desde o que se pode albiscar o océano Atlántico e o Castro de Sansobre ou Trasouteiro, en Sansobre[33].

No lugar do Castro de Salto aínda son conscientes do lugar que habitan. As casas que hai na actualidade baixan polas ladeiras do outeiro onde se situaba a aldea vella, da Idade de Ferro. Situado a 215 metros de altitude, este castro domina o fondo do extenso Val de Salto que se estende até o río Grande. Aínda que está sen escavar e sen limpar, aprécianse perfectamente as súas defensas. A muralla principal aproveita a orografía do outeiro. Un camiño bordea a fortaleza polo antigo foxo no seu lado oeste. A pendente máis pronunciada vai cara ao leste e a menos cara ao sur. Aínda se conserva a posible entrada. Non houbo ningunha escavación nin achados arqueolóxicos neste castro[34].

A parroquia de Calo tamén conta cun castro que dá nome ao lugar: Castrobuxán. Érguese a 120 metros de altitude sobre un outeiro que domina o río Grande. A forte pendente desde o río pola súa parte oeste fai moi difícil o acceso e a muralla que o rodea é ben apreciábel. Atópase cheo de maleza e eucaliptos, co conseguinte perigo de conservación e non se realizaron escavacións arqueolóxicas nel[35].

Arquitectura relixiosa

[editar | editar a fonte]

Igrexas parroquiais

[editar | editar a fonte]
Detalle da igrexa parroquial de Cereixo

Igrexas parroquiais de San Cristovo de Carnés, San Martiño de Carantoña, San Martiño de Castrelo, San Miguel de Treos, San Pedro de Berdoias, San Sebastián de Bamiro, San Vicenzo de Vimianzo, San Xoán de Cambeda, San Xoán Apóstolo de Calo, Santa Baia de Tines, Santa María de Salto, Santiago de Cereixo, Santo Amedio de Bamiro e Santo Antoíño de Baíñas.

Capelas, ermidas e santuarios

[editar | editar a fonte]

No lugar da Lagoa está a capela da Nosa Señora da Peregrina, de orixe descoñecida, formada por muros de cantería que conforman unha pequena nave cadrada de seis metros de lado con cuberta de madeira e tella do país. Ten a capela maior na cabeceira que a separa da nave por un arco de medio punto, máis estreita, de planta rectangular, de catro metros de longo por cinco de largo, toda ela pavimentada con boas lousas de pedra e os muros coa pedra á vista e encintada. Ten un van de luz rectangular no presbiterio do muro lateral dereito e a entrada pola súa fachada sen decoración algunha. Unha pequena e sinxela espadana dun oco en arco de medio punto onde ía a campá e que está coroada por unha cruz de pedra[36]. Da época baixomedieval é a ermida de Santa Cristiña da parroquia de Berdoias, tras da cal se atopa o único curro que se conserva da vella xurisdición de Vimianzo.

Á beira das augas do río Grande sitúase ermida de Santa Helena, de camiño a Señoráns. O lugar da súa construción non é casual: está situado nun lugar de mala pasaxe que xunta tres elementos de perigo: unha encrucillada de camiños, unha ponte e un río perigoso nas épocas de enchenta. De feito, en 1987 o Grande tirou coa vella ponte de pedra e tívose que construír unha nova de formigón. Trátase dun templo bastante sinxelo, dunha soa nave con presbiterio rectangular. Cóbrese a dúas augas cun único tellado e sobre cada trabe cumieira hai unha cruz de pedra. Os muros son de cachotería irregular de granito, agás a fachada que é de cantería. Na parte central da fachada orientada ao oeste ábrese a porta do templo, rematada nun arco de medio punto moi rebaixado. Non se sabe cando foi a súa construción, pero polas súas características e semellanzas con outras da parroquia, estímase que foi levantada no século XVIII. A primeira referencia documental atopámola no 1741 nunha visita pastoral. Hoxe só se realizan misas no seu interior o día da patroa e nin sequera está dentro a súa imaxe[37].

Ermida de Montetorán

O santuario da Nosa Señora de Montetorán, en Bamiro, é un bo exemplo dos tantos que hai por toda Galiza no alto do cume dun monte ou dun outeiro. Por seren considerados un lugar satánico e maldito, normalmente se sacralizaron coa construción dunha pequena ermida. Esta data do século XVIII, coas características propias deste estilo: un presbiterio cuadrangular, con teito cara ao centro e unha pequena nave rectangular de menor altura có presbiterio. Esta última é a parte máis antiga da capela, datable na primeira metade do XVIII. Vai cuberta por unha sinxela bóveda de cruzaría nervada, sobre mensuliñas. A nave vai cuberta cunha bóveda de canón, reforzada por dous arcos faixóns volteados sobre ménsulas. A capela maior comunícase coa nave a través dun arco triunfal de medio punto volteado sobre pilastras apegadas. No exterior, o presbiterio cóbrese cun tellado a catro augas e a nave a dúas vertentes (a do lado sur alóngase para cubrir o pórtico lateral dese lado). As paredes están formadas de bloques graníticos de corte moi irregular. As xuntas encintáronse e caleáronse. A fachada é de cantería con pezas de corte irregular pero dispostas simetricamente ao redor dun eixe central vertical imaxinario. Neste eixe superpóñense a porta de entrada, un fornelo rematada en medio punto que acolle unha imaxe da Piedade sobre unha vieira, e a espadana, dun só corpo de dous machóns onde se sitúa unha campá protexida por unha reixa de ferro. O lugar presuntamente máxico onde se encrava esta ermida, rodeada por unha carballeira e por grandes laxes graníticas, fai que sexa un lugar de peregrinación e rituais de cura de doenzas[38]. A poucos metros ergueuse no século XIX o oratorio de Montetorán, para poder celebrar a misa os días de feira na Piroga.

Na parroquia de Salto, no cumio do Monte de San Bartolomeu (407 metros), érguese a pequena ermida de San Bartolomeu dedicada ao santo. A capelanía da mesma foi fundada por dous labregos en 1681. Desde o alto do monte albíscase o Val de Vimianzo, o Val de Salto e de toda a zona central da Terra de Soneira. As teorías sobre o motivo da súa construción son varias[39]:

  • O cumio do San Bartolo está cheo de impresionantes penedos de granito de caprichosas formas, que fan pensar a algúns nun culto megalítico.
  • A cristianización dun lugar sagrado pagán é a teoría que sempre se formulou para explicar a situación da capela, como noutros tantos lugares.
  • Existe a posibilidade de relacionalo cunha antiga fortaleza. O profesor e divulgador Manuel Gago Mariño aventura que neste punto estratéxico existiu unha fortificación de catro hectáreas con dúas liñas de murallas.

Moito máis moderna é a ermida de Sanfíns de Cambeda. A fábrica actual deste santuario data de 1931, cando o crego-canteiro Saturnino Guinarte decide derrubar a obra anterior (datada no século XVII) e erguer un novo predio, moi sinxelo, de cantería con espadana. A súa xustificación: o anterior presbiterio de bóveda de cantería era moi baixo "e un afogaba alí"[40]. Malia isto, a orixe desta ermida é bastante remota. O documento máis antigo consérvase do 1607, cando a visita o cardeal J.del Hoyo. En anos posteriores a ermida foi completamente abandonada, servindo incluso de abrigo para o gando. No seu interior garda unha imaxe de San Fins de estilo manierista de finais do XVI, da época da fundación da capela. A carón da cabeza da capela atópase a curiosidade do lugar: Un carballo centenario e milagreiro de ampla copa e longas pólas. A cultura popular atribúelle poderes curativos, sobre todo para os rapaces. A cerimonia consiste en dar unhas voltas co ofrecido ó redor do carballo. Logo, esgázase unha póla e a persoa enferma debe pasar por debaixo dela. Esta póla métese en barro envolto nun trapo. Se prende, o doente sanda; se non prende, mala sorte. Posiblemente esta sexa a orixe deste santuario, construído nun lugar deshabitado nun comezo, e vinculado ao culto dendolátrico ou culto as árbores[41].

Tamén en Cambeda se localiza a ermida de Santa Mariña de Paizás, fundada nos primeiros anos do século XVII polos labregos afidalgados Alonso de Castiñeira e Mariña de Gondomil, donos da casa de Castiñeira, unha aldea a pouca distancia de Paizás. Trátase, pois, dunha capela de pazo fundada por fidalgos con pretensións. Malia isto, o seu aspecto actual difire moito do orixinal. De novo o cura-canteiro Saturnino Guinarte fixo en 1932 unha serie de reformas que transformaron a planta da capela case por completo, seica por ser moi pequena e ameazar ruína. Por iso se lle deu máis alto, construíuselle unha nova sancristía e unha nova dependencia, a meridional, para prestar acubillo ós romeiros ós que lles daba medo ós estoupidos dos foguetes cos que era costume festexar a Santa Mariña no día da súa romaxe. Da época fundacional só se conserva ben a vella espadana e máis o seu patrimonio móbel no interior: un rudo retablo barroco de pedra do século XVIII con imaxes tamén de pedra. O lugar no que está emprazada, o chamado Campo de Paizás, tamén conta cunha interesante historia. O 12 de abril de 1809 estableceuse alí un cuartel xeral por orde do comandante das forzas comarcais opostas ós franceses, o cura Pedro Lapido, párroco de Morquintián. Finalmente será derrotado ó día seguinte na batalla de Ponte Olveira, en Dumbría. Tamén cómpre destacar o monumental cruceiro do século XVII situado na súa parte frontal, con seis chanzos octogonais.

Cruceiros

[editar | editar a fonte]

Na parroquia de Bamiro pódese atopar o Cruceiro de Cheis ou Cruceiro dos Santos, un dos cruceiros máis antigos de Galiza. Pódese datar a finais do século XV ou comezos do XVI. Atópase nunha encrucillada, no antigo camiño que ía de Ponte Olveira a Baio, e que aínda se conserva por treitos (desde aquí, até a aldea de Pazos pódese percorrer este camiño real). Non se pode saber con exactitude cando se fixo o cruceiro (hai quen di que no séc. XIV). O varal é posterior e colocouno alí D. Juan de Pazos a fins do s.XVII. O nome de Cruceiro dos Santos venlle pola cantidade de figuras que hai na cruz, algo moi raro nos cruceiros soneiráns, que adoitan ser bastante sinxelos[42]:

  • O do lado oeste: Represéntase unha rara Trindade antropozoomórfica, algo inédito nos cruceiros galegos. Ademais chama a atención que a cruz intente imitar ó tronco dun carballo. De arriba a abaixo: a pomba-Espírito Santo, o Pai, o Fillo Xesús no colo, e unha figura con gorro, bastón e libro. Pode ser un peregrino.
  • O do lado leste: Cristo crucificado con tres cravos nunha cruz nodosa, cunha figura axenlloada ó seus pés, que semella ser un frade franciscano. De arriba a abaixo: un anxo descendendo cunha coroa nas mans, o Cristo cos tres cravos, o frade franciscano e unha flor e falso capitel.
  • Finalmente a cada lado están as figuras de San Xoán e Santa María.

A poucos quilómetros atópase o cruceiro de Treos (séculos XVI - XVIII). Cruceiro de tipo crucifixo con plataforma e pedestal cuadrangular rematado con chafráns e varal octogonal, comezando en cadrado. O capitel é troncopiramidal invertido con astrágalo circular e liso, ábaco de lados rectos. A cruz, cuadrangular, posúe brazos achafranados e remates florenzados con botón central. Polo anverso da cruz está o Cristo crucificado con tres cravos e mans pechadas. Inclina un pouco a cabeza cara á dereita con coroa de espiñas e un cartel coas siglas INRI. Ten a San Francisco en posición Orante e a Virxe pregando aos pés. Polo reverso está a Virxe en actitude orante e os dedos das mans entrelazadas, cuns anxos coroándoa. O cruceiro é todo de granito, moi erosionado polo tempo[43].

En Cambeda atópase o Cruceiro de Paizás, un monumental cruceiro situado fronte a ermida de Santa Mariña de Paizás. Ergueito sobre seis chanzos octogonais sitúase a base cuadrangular do cruceiro, cunha caveira en cada esquina como símbolo do pecado e da morte e con tibias e salamántigas. Sobre esta érguese un piar con inscricións nos que apenas se le o nome do fundador “ARCEDIANO” e “DE TRASTAMARA” e o fuste ou varal decorado ó xeito das espiñas dun peixe. O capitel, decorado e con varios anxos, soporta a cruz con puntas arredondadas. Nela represéntase a virxe en actitude de orar por unha cara e pola outra está Xesucristo crucificado con tres cravos e a cabeza cara a adiante. Este cruceiro mandouno construír Don Sancho de Lema, arcediago de Trastámara no século XVII[44].

Obras hidráulicas e pontes

[editar | editar a fonte]

Aceas e muíños

[editar | editar a fonte]
Batáns do Mosquetín

En Mosquetín (Salto), moi preto de Baio, hai un conxunto coñecido como os Batáns de Mosquetín. Está formado por sete muíños e tres batáns recollidos en dous predios de planta rectangular situados entre o río Grande e as canles, dispostos paralelamente a ambos. O predio máis afastado do río, consta de tres estancias que albergan os batáns, os “Muíños de Arriba” e o “Muíño do Relón”. O segundo, o dos “Muíños Albeiros”, tamén se divide en tres estancias, que neste caso só acubillan muíños. Os batáns eran empregados para mazar o liño e a la, mentres os muíños son todos eles de tipo fariñeiro do modelo máis clásico e frecuente en Galiza. Dende a finais do ano 1997, o conxunto veu sufrindo todo un proceso de rehabilitación. Todas as intervencións levadas a cabo así como as que se teñen previstas están encamiñadas á musealización dos batáns, cunha área de lecer no seu contorno.[45]

En Cereixo atópase o muíño de mareas das Torres ou das Arceas, entre o pequeno río de Cereixo e o río Grande do Porto, a pouco da desembocadura deste na ría de Camariñas. Tivo a súa orixe nun foro outorgado en 1647 polo señor das Torres de Cereixo, Juan Taboada, aos irmáns Espasante, para que puidesen construír no lugar dous ou tres muíños polo tempo de vida de “tres señores reyes de España”. Por ese foro, terían de renda seis ferrados de trigo e dúas galiñas cada ano. A súa planta é rectangular, con cuberta a dúas augas na que se abren tres elementos abufardados. A entrada realízase polos lados curtos do volume, que queda unido á terra por dúas pasarelas. O muíño orixinal sufriu moitos cambios, antigamente só tiña un andar, hoxe hai dous. Incluso foi adaptado para vivenda. Na cal primeiramente estaban os veciños que traballaban no muíño e ultimamente rematou sendo mercado polo famoso coreógrafo galego Rei de Viana[46].

O Concello rehabilitou en 2014 o muíño da Agra. Trátase dun muíño hidráulico que utiliza as augas do río que atravesa a capital municipal. Non se coñece a data exacta da súa construción, mais xa aparece referenciado no Catastro do Marqués da Ensenada do ano 1752:

"Otro de dos ruedas bajo un techo llamado de Agra, propio de don Juan de Castro el uno y el otro de don Jorge Caamaño, vecino de Santa Eulalia de ?, de los que muelen por cubo todo el año a la maquila con agua del río Cambeda, cuya utilidad regulan en quinientos veinte reales y a cado uno por su rueda doscientos y sesenta ….”.

O predio é de cachotería de granito presentando cuberta a dúas augas, cun dos lados moi pouco pronunciado. Unha canle de pedra envía a auga cara ao muíño facendo xirar os dous rodicios. Na fachada presenta dous estreitos vans que dan luz ao interior e dúas aberturas por onde sae a auga. Atópase no centro urbano e ao seu arredor creouse unha área de lecer.[47]

Non moi lonxe, no lugar da Gándara, o Concello rehabilitou tamén outro muíño máis pequeno có anteriormente citado, que recolle as augas do Rego de Ogas. Está feito de cachotería de granito e presenta cuberta a unha auga, cunha pequena baixada polo lado da canle. Ten un só rodicio, os sistemas de canalización ficaron perfectamente visíbeis[48]. Sen rehabilitar quedaron o muíño das Pasantes, moi próximo tamén aos anteriores[49] e o muíño do Castelo, aos pés da icónica construción aínda que orixinariamente de distinta propiedade[50].

No lugar da Urroa a veciñanza restaurou en 2014 o Muíño do Sariño, que traballaba coas augas do río Pequeno ou Vimianzo, antes de que desemboque no río Grande. Pertence aos veciños de Urroa e Bribes que sempre fixeron quendas para poder moer aí o gran. Dentro aínda conserva todas as pezas en perfecto estado. Trátase pois dun perfecto exemplo do muíño tradicional, que se pode visitar sen problema[51].

Na parroquia de Calo érguese a fonte de Castrobuxán, de estilo barroco do século XVIII. Consta dun panel pentagonal rematado nunha cruz pétrea resarceada e en dous acroterios a cada esquina. Na súa parte central presenta un fornelo rematado nun arco de medio punto que antes acollía unha imaxe pétrea de María, hoxe desaparecida. Nos seus dous lados decoran a fonte catro interesantes volutas en disposicións contrapostas.[52]

Na praza da igrexa de San Vicente, na vila de Vimianzo, atópase unha fonte de 1889, feita de pezas de cantería con vasos e base octogonais. Do centro do vaso eríxese un pedestal cuadrangular de varias seccións e molduras e rematado nun pináculo cilíndrico moi moldurado. Máis ou menos a metade da altura de dito pedestal saen dous canos que verten as súas augas no interior do vaso. Debaixo de cada cano hai dúas barras de ferro que van dende o vaso ata o pedestal e que serven de apoio para os distintos recipientes de recoller a auga. Nunha das caras da fonte hai un cartel de bronce que di: "Fonte da Praza / feita no ano 1889 / restaurada no ano 1994 / sendo Alcalde / D. Alejandro Rodríguez Lema"[53]

Ponte de Torelo en Salto, unha obra de enxeñaría civil decimonónica que se levantou para salvar as augas do pequeno río Castro. Nunha inscrición pódese ler a data da súa construción: 1868 “reinando Isabel II”. Está feita de bloques de cantería de granito. Por ela transcorre a AC-552, presenta tres arcos escarzanos suxeitos por dous peitorís alongados e rematados redondeados.[54] Da mesma época e no mesmo lugar é a pontella que salva as augas do río Grande, ten 8 peitorís moi baixos que fan que se eleve moi pouco da superficie do río. Polo seu lado leste os peitorís son redondos e no oeste rematan en forma rectangular.[55] 

Pazos, fortalezas e casas señoriais

[editar | editar a fonte]
Castelo dos Moscoso ou de Vimianzo

O castelo de Vimianzo (ou Torres de Martelo) mostra un excelente estado de conservación e pode ser visitado. A moi poucos metros atópase o señorial pazo de Trasariz, de titularidade privade aínda que en réxime de arrendamento para vodas e eventos[56]. O pazo de Trasouteiro, que se ergue no lugar homónimo, tamén está na mesma parroquia e moi próximo á vila e aínda que o seu estado de conservación é peor có dos dous anteriores, conta cunha capela que é empregada con relativa frecuencia pola veciñanza[57].

Pazo de Trasariz
Unha das torres do pazo de Cereixo, declarado BIC.

Outra fortaleza defensiva, esta do século XVI, que merece ser destacada son as Torres de Cereixo situadas ao carón dunha igrexa románica que posúe a primeira representación da traslación do corpo do apóstolo Santiago o Maior. No mesmo lugar tamén se pode atopar Vila Purificación, unha Casa Grande de estilo barroco de finais do século XVIII. A súa planta presenta forma de “L”, como o veciño pazo das Torres. Ten dous andares e no seu alzado posterior destaca unha escaleira de pedra que comunica directamente co piso superior. Os balaústres, de estilo compostelán, son de boa labra de pedra. Está feita de pedra en forma de perpiaños nos esquinais e nos vans, e de cachotes nos panos. Esta era a casa onde se cobraban os foros dos arredores. De aí que nos seus terreos exista un enorme cabazo (hórreo) de dezanove pares de pés, converténdoo no terceiro máis grande de Galicia. Os seus lindes son o regato de Cereixo ó oeste e o río do Porto ao norte. Tamén conta cun pombal de planta circular, que se ve dende o paseo fluvial que pasa ó seu carón, polo río de Cereixo.

Na parroquia de Berdoias atópase a Casa de Alonso II, fundada en 1607 polo fidalgo Alonso II de Lema. A ese lugar decidira trasladar tamén a igrexa parroquial sita anteriormente na Grixoa. Na lumieira da portada aínda se pode ver o ano da construción mailo seu nome. É de planta rectangular con dous corpos diferenciados. Destaca o arco de entrada dunha das portas. Os muros están compostos na maior parte de bloques de cadeirado de granito e cachotaría noutros lenzos da parede. Ten cuberta a dúas augas, e o tellado está practicamente derruído.[58]

Na parroquia de Serramo fican os restos do Pazo das Torres do Comareiro, construído no século XVI. Na actualidade non conserva o seu elemento máis característico: as súas torres. O abandono deixouno nunha completa ruína e así hoxe é un edificio de planta rectangular alongada dividido entre distintos propietarios que o reconstruíron cadansúa parte con distintos criterios[59].

Na parroquia de Salto atópase a Torre de Señoráns, unha casa fidalga da que xa existían referencias a comezos do século XVII.[60] No lugar de Castromil, dentro da mesma parroquia, atópase outro pazo ou casa grande de liñas austeras, xa da época moderna, coñecido como pazo de Castromil, que conta tamén cunha capela.[61]

Outras construcións

[editar | editar a fonte]

Na parroquia de Berdoias atópase o curro de Santa Cristiña, o único curro que se conserva da vella xurisdición de Vimianzo. Este mailo de Camelle, xa desaparecido, eran os lugares onde os vasalos dos Condes de Altamira debían levar o gando que pastaba nos montes. Consiste nun recinto ovalado fechado por un muro de cachotería de pedra de granito con portas feitas con táboas de madeira rudimentarias. No seu interior hai un hórreo de sete pares de pés máis unha construción cunha eira.[62]

Na parroquia de Salto existe, no alto do Monte de San Bartolomeu, unha fortificación aínda sen datar. Trátase dunha fortificación que comprende unha área de catro hectáreas na zona superior deste monte de 400 metros de altura. Comprende dúas liñas de murallas que tenden lenzos entre os numerosos batolitos do alto, especialmente naquelas zonas máis desprotexidas. A liña exterior ten un perímetro de 775 metros e, na zona sur, desenvolve un socalco que contén un manancial de auga coñecido como “a fonte do santo”. A liña interior é un recinto tendente a cuadrangular con esquinas redondeadas.[63]

Hórreo da reitoral de Cambeda

En Cambeda érguese o cabazo ou hórreo da reitoral de Cambeda, incluído na lista da ducia dos máis longos de Galicia. Ten 22,34 metros de lonxitude e 16 pares de pés. Tipoloxicamente pode clasificarse como hórreo tipo fisterrán: de granito, con pezas de cantaría superpostas con espazos para permitir a ventilación. A cuberta é de tella a dúas augas. Ten unha cruz nun dos pinches e para acceder a el ten dúas portas laterais e unha frontal. O seu gran tamaño débese a que nel se gardaban os décimos, unha porcentaxe das colleitas dos campesiños da parroquia que lle debían pagar á Igrexa[64].

Na mesma parroquia o Cabazo de Basilio de Castiñeira (datado entre os séculos XVI e XVIII), outro hórreo de tipo fisterrán situado na casa fidalga de Basilio en Castiñeira, mais conta coa particularidade que reside na vontade artística coa que se construíu: presenta uns finos pés esculpidos con molduras ó estilo de columnas clásicas; os remates do pinchón e da cruz tamén teñen formas decorativas especiais[65].

No Campo da Piroga celebrábase ata non hai moitos anos a feira máis antiga da comarca da Terra de Soneira. Era coñecida como a feira de Baio, aínda que nunca se celebrou nesa vila, ata a década de 1990. O nome vénlle en realidade pola proximidade que hai entre Baio e A Piroga (que pertencen a dous concellos distintos; Zas e Vimianzo) aos que só os separa unha ponte sobre as augas do río Grande. A referencia documental máis antiga sobre esta feira data do 1741, no arquivo parroquial de Santo Amedio de Bamiro. Ademais, tamén aparece referenciada no Catastro de Ensenada de 1753. Contaba con dúas celebracións mensuais: a principal era o terceiro domingo de cada mes e a secundaria (o feirón) era os primeiros martes. A máis antiga é a primeira, da que temos constancia no século XVIII; a segunda viría motivada polo éxito da outra e instauraríase no XIX. A feira de Baio foi durante moito tempo o gran motor económico da comarca, nela comerciábase de todo o que se podía: gando, sementes, froita, teas, louza… Ata olería de Buño. Os feirantes distribuíanse ao longo desta ladeira do Monte Torán en filas. Había postos fixos (cubertos de pedra e madeira) ou con tarimas móbiles, mais tamén se colocaban ao longo do campo sen nada, cada un no seu oco. Hoxe o que podemos atopar no Campo da Feira da Piroga son os restos de varios cubertos de pedra onde se instalaban os vendedores. Deles só quedan uns cantos na parte central do campo e algún máis moderno de cemento espallado polo lugar. Os motivos polos que se abandonou o Campo da Feira da Piroga foron a especulación urbanística propiciada polos gobernos locais, que deixaron que se construíran vivendas e outras construcións ilegais en terreos que só estaban destinados a uso feiral. Os feirantes foron abandonando o lugar e invadindo a estrada comarcal, interrompendo así o tráfico rodado[66].

En Carnés pódese atopar un dos recintos históricos máis singulares da comarca: a Cerca da Faguía. Foi construída especificamente para a festa gastronómica da Faguía de Carnés en 1832, a petición da Confraría de San Cristovo, para evitar que xente que non era confrade se aproveitase e participara na comida. Trátase dun recinto rectangular pechado por un alto muro que posúe dous espazos diferenciados: o lugar onde se celebra a Faguía á a casa de pedra de cachotería onde se fai a comida. A xente come nuns muros de pedra a modo de mesa que fan case un rectángulo. É un lugar de especial significación relixiosa e simbólica, remarcada esta polo ritual de virar a tella. Esta celebración foi declarada Festa de Interese Turístico no 2010[67].

No casco urbano da capital municipal existe aínda a vella Casa Consistoral, que serviu como tal até 1972, situada entre a rúa Trasariz e o vello Camiño Real. Arquitectonicamente é unha clásica casa vilega soneirá, de planta rectangular, de dous andares , tellado a dúas augas e varios balcóns con peitorís de ferro. As paredes están feitas de bloques de granito regulares na súa parte frontal, pero a traseira con cachotería irregular. O Concello tiña que pagar arrendamento pola casa, até que o alcalde Manuel Antelo Varela decide mudar a sede municipal a un predio de nova planta construído con esa función presidindo unha nova praza. Como curiosidade, este mesmo rexedor compraría a antiga casa consistorial no 1979 por cariño. O interior foi reformado profundamente e só se conservaron a lareira, o forno e o vertedoiro. No exterior, case non houbo cambios, soamente a parte traseira. Puliuse o patio e levouse o muro até o linde[68].

Patrimonio natural e paisaxístico

[editar | editar a fonte]

Aula da Natureza do Val de Baíñas

[editar | editar a fonte]

A finais de xullo de 2016, o alcalde Manuel Antelo anunciou a construción da Aula da Natureza do Val de Baíñas como un centro de estudos e actividades ambientais, que dotará de recursos didácticos e incluso lúdicos sobre todo aos mozos do municipio e a comarca[69][70].

Paseos fluviais

[editar | editar a fonte]

A comezos de 2015 recuperáronse parte das ribeiras do río de Vimianzo, deterioradas pola presión urbanística, ao seu paso pola capital do concello[71]. Tamén existe un pequeno paseo peonil en Cereixo de recente creación ás beiras da desembocadura do río Grande e unha área recreativa aos pés do mesmo a altura de Pasarela.

Penedos de Monte Torán

[editar | editar a fonte]

Trátase dunha pequena formación lítica situada a carón da ermida da Nosa Señora de Monte Torán. Ao igual que tantas outras formacións líticas e construcións megalíticas ao longo de toda Galiza, das pedras de Monte Torán contase que as trouxo unha moura na cabeza mentres fiaba nunha roca. A versión cristianizada da lenda conta que foi a Virxe quen trouxo esas pedras polo ar.[72]

Penedos de Pasarela e Traba

[editar | editar a fonte]

Na parroquia de Calo, lindando coa de Traba, atópanse os Penedos de Pasarela e Traba, declarados pola Xunta de Galicia en 2008 Paisaxe Protexida. Pertencen a unha afloración granítica que se estende desde Traba até o Cabo Vilán: a Serra da Pena Forcada. O granito rosado de toda esta zona (chamado tamén tipo Traba) chega até a costa creando formas de obxectos ou animais[73].

Símbolos

[editar | editar a fonte]

O escudo de Vimianzo foi aprobado polo Decreto 299/1994 de 30 de setembro, da Consellaría de Xustiza e Interior e Relacións Laborais: “de azur, e sobre ondas de azur e prata, un castelo de prata acompañado de cabeza de lobo da súa cor, linguada e sangrada de goles. Ao timbre coroa real”. Esta disposición baseouse na importancia do castelo na abundancia de cursos de auga que, a través do río Grande, chegan ao mar e na historia vinculada aos Condes de Altamira.[74]

Educación, cultura e deporte

[editar | editar a fonte]

Educación

[editar | editar a fonte]

O concello de Vimianzo conta cos seguintes centros públicos[75]:

  • Tres centros de ensinanza primaria: os CEIP de Baíñas, Castromil e San Vicenzo.
  • Un instituto de ensinanza secundaria, o IES Terra de Soneira, fundado en 1983.[76]

Na actualidade a Asociación Xuvenil Cherinkas desenvolve máis de vinte actividades culturais e deportivas cada ano, como o SondeRock, o Roland Esgarros ou a Cherinkopa. Agrupa arredor de 200 socios e socias.

En setembro de 2014 o xornalista e escritor Manuel Rivas e a súa muller Isabel López, doaron preto dun milleiro de libros á Biblioteca Municipal, algún deles de gran valor pola súa calidade e rareza. Fixérono nun acto público conxunto co alcalde Manuel Antelo e os cativos da zona, no que se anunciou a intención de incrementar a cantidade de volumes nun futuro[77].

Para os días 2, 3 e 4 de setembro de 2016 está prevista a celebración do II Simposio "O megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico" na Casa da Cultura[78].

O Soneira SD é o principal equipo de fútbol, que disputa os seus encontros como local no campo municipal, a carón do polígono industrial.

Feiras, festas e celebracións

[editar | editar a fonte]

Feiras e mercados

[editar | editar a fonte]

Todos os xoves ten lugar un mercado ambulante polas principais rúas da vila de Vimianzo (Antonio Vázquez Mouzo, Candil, Vilar, Rodríguez Castelao e a praza do Concello). Os produtos que se ofrecen son variados como calzado, roupa, embutido, froita, apeiros de labranza, …

A que é probablemente a feira máis vella da comarca ten lugar no lugar da Piroga. Celébrase todos os martes agás o martes seguinte ao terceiro domingo de cada mes, cando se traslada ao domingo. Pódense atopar postos de calzado, roupa, froita, vexetais, embutidos,...[79] e parte da feira desenvólvese na veciña vila de Baio.

Festas patronais

[editar | editar a fonte]
Parroquia Festa Data
Baíñas San Brais 3 de febreiro
Santo Antoíño 2 e 3 de setembro
Bamiro Nosa Señora de Montetorán Maio (martes antes da Ascensión)
Nosa Señora do Carme 17 e 18 de agosto
Berdoias San Pedro 29 de xuño
Santa Cristiña 24 de xullo
Calo San Xoán 27 de decembro
Santa Bárbara 23 e 24 de xullo
Santa Lucía 13 de decembro
Nosa Señora de Castrobuxán Luns de Pascua
Cambeda San Xoán 24 de xuño
Virxe de Fátima 13 de maio e setembro
Carantoña Nosa Señora do Carme
Virxe da Xunqueira 1ª fin de semana de agosto
San Martiño 13 de novembro
Carnés Santo Antonio 13 de xuño
San Cristovo (Festa da Faguía) 9 de xuño
Castrelo Sacramento xullo
Nosa Señora do Carme 10 de agosto
San Martiño 11 de novembro
Cereixo Santiago Apóstolo 24 a 28 de xullo
Salto Santo Eleuterio 7 semanas despois de Semana Santa
San Ramón en Castromil 31 de agosto
Santa Irena 3 de maio
Virxe da Peregrina na Lagoa 16 de agosto
Serramo San Sebastián 20 e 21 de xaneiro
Santa Cruz 3 de maio
Tines Nosa Señora da Ermida Vella 8 de setembro
Santa Baia 10 e 11 de setembro
Treos San Miguel 29 e 30 de setembro
San Xosé en Xora 19 de marzo
Vimianzo San Vicenzo 22 de xaneiro

Festas populares

[editar | editar a fonte]

Na capital municipal celébrase a Festa do Asalto ao Castelo todos os anos a primeira fin de semana de xullo e as Festas do Verán de Vimianzo durante a primeira quincena de agosto.

O 19 e 20 de xullo de 2016 tivo lugar a XVI edición da Rapa das Bestas de Vimianzo no curro da Areosa, no Monte Faro, que se ben goza de tradición e popularidade non se ten celebrado de xeito regular todos os anos[80].

Romarías

[editar | editar a fonte]

En Trasouteiro celébrase na terceira fin de semana de marzo, a máis próxima ao día do beato frei Diego de Cádiz (24 de marzo), unha verbena arredor da capela do Beato. Ademais o sábado se realiza a baixada de carrilanas, que consiste en descender desde o alto do monte de Trasouterio até as proximidades da capela en vehículos artesanais sen motor, feitos principalmente de madeira (as rodas e os eixes deben ser obrigatoriamente de madeira). Na competición fanse tres baixadas:

  • Primeira: contra o reloxo, onde cada carrilana baixa soa e se cronometra o seu tempo.
  • Segunda carreira: conxunta, todas as carrilanas baixan ao mesmo tempo.
  • Terceira: baixada de carrilanas de exhibición, onde se premia a orixinalidade, complexidade e beleza da artesanía dos vehículos.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes de Vimianzo.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Vimianzo

Baíñas (Santo Antoíño) | Bamiro (San Amedio) | Berdoias (San Pedro) | Calo (San Xoán) | Cambeda (San Xoán) | Carantoña (San Martiño) | Carnés (San Cristovo) | Castrelo (San Martiño) | Cereixo (Santiago) | Salto (Santa María) | Serramo (San Sebastián) | Tines (Santa Baia) | Treos (San Miguel) | Vimianzo (San Vicenzo)

Lugares de Vimianzo

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Vimianzo vexa: Lugares de Vimianzo.

  1. "VisorSigPac". sixpac.xunta.es. Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2017. Consultado o 2016-08-01. 
  2. "Clima: Vimianzo - Gráfico climático, Gráfico de temperatura, Tabela climática - Climate-Data.org". pt.climate-data.org. Consultado o 2016-08-07. 
  3. Martínez Lema, Paulo (2010). A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV) (PDF). Universidade de Santiago de Compostela. Consultado o 24-6-2017. 
  4. "Historia. Prehistoria. Neolítico". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-30. 
  5. "Patrimonio investiga la destrucción de una parte de un castro de Vimianzo". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 22/08/2016. Consultado o 2016-08-15. 
  6. "Historia. Cultura castrexa". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. 
  7. "Historia. Romanización". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-30. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 "Historia. Época Medieval". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-30. 
  9. Montero, Xesús Alonso; Alvarez, Rosario (1999-01-01). Cinguidos por unha arela común: homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero (en castelán). Univ Santiago de Compostela. ISBN 9788481218077. 
  10. "Sobre Camariñas". encajegalicia.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2016. Consultado o 2016-08-15. 
  11. 11,0 11,1 "Historia. Idade Moderna". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-30. 
  12. "IGREXA DE SANTO ANTOÍÑO DE BAÍÑAS". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2016. Consultado o 2016-08-15. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 "Historia. Época Contemporánea". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-30. 
  14. "Un siglo detrás del tren de las «3 C»". La Voz de Galicia. 2013-10-13. Consultado o 2016-08-15. 
  15. "Un siglo esperando el paso del tren". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 29/08/2016. Consultado o 2016-08-15. 
  16. "La moción de censura de Vimianzo se frustra por no cumplir todos los trámites legales". Faro de Vigo. Consultado o 2016-08-15. 
  17. "O alcalde de Vimianzo abandona o BNG e aposta pola confluencia - Praza Pública". Praza Pública. Consultado o 2016-08-15. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 "Economía". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-30. 
  19. "La constructora entregó a Suelo Empresarial del Atlántico el polígono industrial de Vimianzo". La Voz de Galicia. Consultado o 2016-07-30. 
  20. "La SEA rebaja el precio en dos de los polígonos del «Prestige»". La Voz de Galicia. 2014-11-15. Consultado o 2016-07-30. 
  21. Galicia, Xunta de (2016-07-29). "Feijóo avanza a contratación este mesmo ano do proxecto construtivo que permitirá prolongar a Autovía da Costa da Morte ata o concello de Vimianzo". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-31. 
  22. El País, Ediciones (2014-10-21). "La Xunta solo ahorrará un 17% por renunciar al 35% de la vía a Fisterra". elpais.com (en castelán). Consultado o 2016-07-31. 
  23. "La Casa da Cultura de Vimianzo se pone al fin en marcha con los actos navideños". La Voz de Galicia. Consultado o 2016-08-01. 
  24. "El Aula da Natureza que el Concello hará en Baíñas, lista para la licitación" (en castelán). 2016-07-29. Consultado o 2016-08-01. 
  25. "O Concello de Vimianzo conta cun novo campo de fútbol de herba artificial". www.dicoruna.es. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2016. Consultado o 2016-08-01. 
  26. Xunta de Galicia (13 de decembro de 2016). "Bens de Interese Cultural (BIC)". abert@s. Arquivado dende o orixinal (csv) o 26 de marzo de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 
  27. "Anta de Prado Garrido". Consultado o 2016-07-29. 
  28. "Mámoa da Mina de Folías 2". Consultado o 2016-07-29. 
  29. "Mámoa da Necrópole do Rabós 2". Consultado o 2016-07-29. 
  30. "Mina de Aquela Banda". Consultado o 2016-07-29. 
  31. Redacción, QPC, (2016-08-25). "Descobren un novo dolmen en Vimianzo sen inventariar". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2016. Consultado o 2016-08-27. 
  32. "Castro do Croado". Consultado o 2016-08-03. 
  33. "Castro de Sansobre". Consultado o 2016-07-29. 
  34. "Castro de Salto". Consultado o 2016-07-29. 
  35. "Castro Buxán". Consultado o 2016-08-03. 
  36. "Capela da Nosa Señora da Peregrina". Consultado o 2016-07-29. 
  37. "Ermida de Santa Helena". Consultado o 2016-07-29. 
  38. "Ermida de Montetorán". Consultado o 2016-07-29. 
  39. "San Bartolomeu de Salto". Consultado o 2016-08-03. 
  40. “Y uno se ahogaba allí”
  41. "Sanfíns de Cambeda". Consultado o 2016-08-03. 
  42. "Cruceiro de Cheis". Consultado o 2016-08-03. 
  43. "Cruceiro de Treos". Consultado o 2016-07-29. 
  44. "Cruceiro de Paizás". Consultado o 2016-08-03. 
  45. "Os batáns de Mosquetín". Consultado o 2016-07-22. 
  46. "Muíño de mareas de Cereixo". Consultado o 2016-07-30. 
  47. "Concello de Vimianzo. Patrimonio. Roteiro Turístico". vimianzo.es. Consultado o 2016-07-21. 
  48. "Muíño da Gándara". Consultado o 2016-07-22. 
  49. "Muíño das Pasantes". Consultado o 2016-07-29. 
  50. "Muíño do Castelo". Consultado o 2016-07-29. 
  51. "Muíño do Sariño". Consultado o 2016-08-03. 
  52. "Fonte de Castrobuxán". Consultado o 2016-07-22. 
  53. "Fonte da Praza da Igrexa". Consultado o 2016-07-30. 
  54. "Ponte de Torelo". Consultado o 2016-07-22. 
  55. "Pontella de Torelo". Consultado o 2016-07-22. 
  56. S.L, TRASARIZ DESARROLLO INMOBILIARIO. "Bodas y eventos en el pazo de Trasariz". www.trasarizinmobiliaria.com. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-21. 
  57. "Pazo e capela de Trasouteiro". Consultado o 2016-08-03. 
  58. "Casa de Alonso II de Lema". Consultado o 2016-07-29. 
  59. "Torres do Comareiro". Consultado o 2016-08-03. 
  60. "Torre de Señoráns". Consultado o 2016-07-22. 
  61. "Pazo de Castromil". Consultado o 2016-07-22. 
  62. "Curro de Santa Cristiña". Consultado o 2016-07-22. 
  63. "Fortificación do monte de San Bartolomeu". Consultado o 2016-07-29. 
  64. "Cabazo da reitoral de Cambeda". Consultado o 2016-07-29. 
  65. "Cabazo de Basilio de Castiñeira". Consultado o 2016-08-03. 
  66. "Campo da feira da Piroga". Consultado o 2016-07-29. 
  67. "A Cerca da Faguía". Consultado o 2016-07-29. 
  68. "Antiga casa consistorial de Vimianzo". Consultado o 2016-07-29. 
  69. Canosa, , Lorena Martínez (2016-07-29). "Vimianzo inviste máis de 500.000 euros en distintas obras de mellora". Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2017. Consultado o 2016-07-31. 
  70. "El Aula da Natureza que el Concello hará en Baíñas, lista para la licitación" (en castelán). 2016-07-29. Consultado o 2016-07-31. 
  71. Cerqueiro, Redacción QPC, Ubaldo (2015-03-25). "Vimianzo solicita unha senda peonil por Tufións-Cereixo". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-31. 
  72. "Penedos de Monte Torám". Consultado o 2016-08-03. 
  73. "Penedos de Pasarela e Traba". Consultado o 2016-07-30. 
  74. "Escudo do Concello". Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. Consultado o 2016-08-03. 
  75. "Colegios privados, concertados, públicos, institutos – Colegios Vimianzo". www.paxinasgalegas.es. Consultado o 2016-07-30. 
  76. Historia
  77. Cerqueiro, Redacción QPC, Ubaldo (2014-09-04). "Manuel Rivas doou o seu primeiro millar de libros á Biblioteca de Vimianzo". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-30. 
  78. "Programa do II Simposio "O MEGALITISMO DA COSTA DA MORTE NO SEU CONTEXTO ATLÁNTICO"" (PDF). Concello de Vimianzo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de agosto de 2016. Consultado o 2016-07-30. 
  79. Turismo, Turgalicia/Axencia Galega de (2011-07-22). "GALICIA - "FEIRON" STREET MARKET FEIRA DE BAIO IN ZAS A CORUÑA". Turgalicia (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2016. Consultado o 2016-08-03. 
  80. "XVI Rapa das Bestas de Vimianzo". finisterrae.com "Información turística na Costa da Morte". Consultado o 2016-08-03. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]