Saltar ao contido

Cousas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Retrato de Castelao.

Cousas foi o termo empregado por Castelao para designar diferentes conceptos. Por unha banda, designa un xénero literario a base de pequenos relatos, que el mesmo desenvolveu e publicou con periodicidade variable na prensa da súa época, ilustrándoos cun debuxo creado especificamente para cada texto, complementándose o un ó outro. Por outra banda, é o título de dous libros que publicou, en 1926 e 1929, nos que recollía eses relatos xornalísticos. Finalmente, a denominación de Cousas da vida designa un innúmero de debuxos cun breve texto a rodapé, que publicou a partir de 1924 nas portadas de Galicia e Faro de Vigo; unha escolma destes debuxos reuniuse posteriormente en seis libros publicados baixo o mesmo título.

Unha nova técnica literaria

[editar | editar a fonte]

Cousas é unha transcendente interpretación de Galicia, unha exploración da súa problemática socioeconómica mediante o desfile de diversos personaxes arquetípicos, que en moitos casos representan os sectores máis marxinados: anciás abandonadas, xentes sumidas na miseria, cegos, vellos, mariñeiros etc. Cada cousa está composta por un texto e unha ilustración complementaria -prima o texto sobre o debuxo- que acadan o fondo dramático dos sucesos desenvolvidos. O texto achega brevemente asuntos, polo xeral de ambiente labrego ou mariñeiro, de temática variada, sintéticos, comprimidos mediante unha técnica narrativa semellante á que Castelao emprega nos seus debuxos: trazos firmes e limpos que denotan o obxecto que se achega en primeiro plano, mentres que o resto da información é pura connotación, suxestión.

A fórmula empregada por Castelao nesta súa obra é moi orixinal, un novo xénero que supera o linde do exclusivamente literario para, coa axuda da imaxe, narrar acontecementos en que se ven inseridos diferentes personaxes cun coidado especialísimo da frase e da palabra, a cal acada por veces un inusitado lirismo. A cousa é a manifestación máis completa do estilo de Castelao, é en si mesma un estilema, pois está presente en toda a súa narrativa, ata o punto de podermos explicar a estrutura de Retrincos e, en menor grao, Un ollo de vidro ou Os dous de sempre, como unha compilación de cousas. Nestes dous últimos títulos existe un fío condutor que relaciona os elementos sucesivos da narración mentres que en Cousas ou Retrincos os distintos capítulos son unidades narrativas totalmente independentes.

Entre 1919 e 1927, Castelao publicou en diferentes medios periódicos un total de 58 textos que podemos clasificar baixo o estilo común de cousas. Estes textos adoitaban ir sen título pero baixo as referencias "Contos de Castelao" ou "Cousas de Castelao" (ou, simplemente, "Cousas"). En 1926 publicou, na Editorial Lar, un primeiro libro, baixo o título de Cousas que comprendía 18 daqueles textos máis algún novo e unha introdución, "A carón da natureza". En 1929 publicou, na editorial Nós, un segundo libro de Cousas, con 33 textos novos. En 1934, tamén na editorial Nós, publicou unha recompilación dos dous libros anteriores, incluíndo en total 44 textos e a introdución xa citada; esta edición conxunta foi a que se reeditou posteriormente e a que coñecemos, polo que será a que se segue na relación que se ofrece a continuación.

Case todas aquelas cousas publicadas na prensa pasaron a formar parte destes libros citados, xunto con outras de nova creación (non publicadas anteriormente). Tres cousas reserváronse para Retrincos e outras tres, estas con notables modificacións, convertéronse en cadanseu capítulo de Os dous de sempre. Oito máis non se publicaron en libro.

Comparando as redaccións das cousas primeiro na prensa e logo no libro recompilatorio, compróbase que Castelao foi introducindo diferentes modificacións ó longo do tempo, desde a súa publicación na prensa ata a publicación en libro, modificacións que tanto foron simplemente ortográficas ou menores, do tipo de substitución dunha palabra por outra, como tamén modificacións máis profundas, engadindo ou suprimindo parte do texto. Moitas das ilustracións que acompañaban a cada texto tamén sufriron algunha modificación á hora de pasar ós libros. Outro aspecto que cambiou dun ó outro formato foron os títulos dos textos: nas primeiras versións, en prensa, adoitaban ir sen título ou designábanse polas primeiras palabras do texto. Estes títulos respectáronse cando se converteron en libro, nuns casos, ou cambiaron completamente por outros novos.

Relación de Cousas

[editar | editar a fonte]

Na seguinte relación séguese edición de Monteagudo: Obras, publicada no 2000 con ocasión do Ano de Castelao, indicando en cada caso o medio no que se publicou anteriormente, así como algunhas observacións que poden ser de interese.

Ruínas da "Aldea maldita" de Abuín.
  1. "A carón da natureza"
    • A modo de introdución, este texto serve ao autor para manifestar que empregou a literatura como canle de expresión debido á necesidade de comunicar mensaxes que a pintura non pode expresar. Castelao empregábao a modo de presentación nas conferencias ditadas co gallo das súas exposicións. Parte do texto formaba parte da conferencia Arte e galeguismo, publicada en 1919.
  2. "A Marquesiña"
    • Non publicada anteriormente.
  3. "A aldea esquecida"
    • Publicada, baixo o título de "Foi que nunha noite", en Nós, 30.12.1920.
    • Recolle a lenda da desaparición do lugar de Abuín, no seu Rianxo natal. Castelao cita outra vez esta lenda escoitada á súa avoa cando escribe sobre as orixes dos cruceiros na obra As cruces de pedra na Galiza.
  4. "Os cruceiros"
    • Publicada, baixo o título de "Reparáchedes nos nosos cruceiros?", en Nós, 1.03.1923.
  5. "O Rifante"
  6. "A procesión"
    • Publicada, baixo o título de "Lembranzas" n'A Nosa Terra, 5.08.1919.
  7. "A ponte vella"
    • Non publicada anteriormente.
  8. "Martiño"
    • Non publicada anteriormente.
  9. "Un casamento"
    • Publicada, baixo o título "Cousas da vida: o meu casamento", n'A Nosa Terra, 5.09.1919, e en Galicia (Vigo), 17.08.1924. Ainda que a narración estea redactada en primeira persoa, non é autobiográfica.
  10. "A dona encantada"
    • Publicada en Galicia (Vigo), 28.09.1924.
  11. "Novela"
    • Publicada en Nós, 31.01.1922, e en Galicia (Vigo), 14.09.1924. Na edición de Cousas 1926 apareceu baixo o título "Ramón Carballo. Novela".
    • A orixe desta cousa está na visita que Castelao fixo o ano anterior, durante a súa estancia en París, á casa dun "osteologist", un home que vendía ósos humanos e peles tatuadas (Diario 1921; 15 de marzo de 1921).
  12. "O alquilador"
    • Publicada en Galicia (Vigo), 2.11.1924, e Céltiga, 30.12.1924.
  13. "Na vellez"
    • Non publicada anteriormente.
  14. "A siña Sinforosa"
    • Publicada en Galicia (Vigo), 26.10.1924, e n' A Nosa Terra, 1.11.1924.
  15. "O profundador"
    • Publicada en Céltiga, 28.02.1925.
    • O protagonista, un barbeiro de Rianxo que gustaba de profundar, xa fora citado no diario que Catelao escribiu da viaxe por Europa: "E xa que me puxen a profundar –como decía un barbeiro de Rianxo..." (Diario 1921, 30 de setembro de 1921).
  16. "A tola do monte"
    • Publicada en Nós, 30.11.1920.
  17. "O aparello dos apóstoles"
    • Publicada n' A Nosa Terra, 25.09.1919, e en Céltiga, 30.01.1925.
  18. "O ichaviño"
    • Publicada en Galicia (Vigo), 8.02.1925.
  19. "Os nenos"
    • Non publicada anteriormente.

A partir deste título, os títulos corresponden ós textos publicados no segundo libro de Cousas:

  1. "Si eu fose autor"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 10.04.1927.
    • Castelao xa presentara unhas ideas para crear un Teatro da Arte, das que xa formaba parte o desenvolvemento desta cousa. A orixe pódese atopar nunha anécdota que recollera en París na súa viaxe en 1921: "Hoxe contoume un francés o disgusto dunha señora fidalga de París por morrérselle... un canciño. ... Eu lembreime de camiño dos contos que se contan en galego de quen se lle morre unha vaca ... Amostrar istes dous sentimentos dá motivo pra un conto" (Diario 1921; 27 de maio de 1921). Xa en 1922 utilizara esta mesma idea para unha das súas Cousas da vida publicada en Galicia (Vigo) co seguinte pé: "¡Probiña! Morreulle un canciño que lle chamaban Fifí...".
  2. "Esa fiestra non é un ollo da casa"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 21.11.1926.
  3. "Foi por segui-los mandados"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 17.04.1927, e en Céltiga, 25.06.1927.
  4. "Chegou das Américas"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 5.06.1927.
  5. "No mar había un afogado"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 23.01.1927, e en Céltiga, 23.07.1927.
  6. "A vella non para de gaba-la súa felicidade"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 20.02.1927, e en Céltiga, 10.06.1927.
  7. "Manter un animal"
    • Publicada, baixo o título "Matar un animal", en El Pueblo Gallego, 14.11.1926, e en Céltiga, 10.05.1927.
  8. "Xa van alá moitos anos"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 29.05.1927, e en Céltiga, 25.09.1927.
    • Segundo a biografía que lle fixo Paz Andrade, este foi un sucedido real que lle pasara ó farmacéutico pontevedrés Perfecto Feijoo, de quen o toma Castelao.
    • En 1931, o cineasta José Signo baseouse neste texto para realiza-la primeira longametraxe galega de ficción, aínda muda e con subtítulos en castelán, titulada La tragedia de Xirobio, que non chegou a estrearse ata o 2003. A película foi restaurada polo Centro Galego de Artes da Imaxe a partir de sete rolos atopados casualmente en 1995 polo Cine Club Universitario de León, completados con material procedente da Filmoteca Nacional [1].
  9. "O vello “Saramaguiño”"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 19.12.1926.
  10. "Semellante a un frade"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 6.03.1927.
  11. "O burro non bulía nin chisco"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 28.11.1926.
  12. "O pai de Migueliño"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 17.10.1926.
    • Baseándose neste argumento, Miguel Castelo (Ramirás, 1946) realizou unha curtametraxe de 13 minutos, co mesmo título, en 1977 [2]
  13. "Romualdo"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 22.05.1927.
  14. "Nunha eirexa da montaña"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 9.01.1927.
  15. "O fillo de Rosendo"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 26.12.1926.
  16. "Era un meniño de manteiga"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 16.01.1927.
  17. "Don Froitoso"
    • Publicada, baixo o título de "Don Fructuoso", en El Pueblo Gallego, 27.02.1927, e Céltiga, 10.09.1927.
  18. "Amigo meu"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 13.03.1927.
  19. "Esta morea de pedras e tellas"
    • Publicada, baixo o título de "A vella Fanchuca", en Nós, 25.07.1926.
  20. "Doña Florinda casouse"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 24.10.1926.
  21. "Dende a fiestra da torre"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 12.12.1926.
  22. "Ese rapaz saído das miñas lembranzas"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 7.12.1926.
  23. "O señor Antón"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 10.07.1927, e en Céltiga, 10.11.1927.
  24. "O bruxo da montaña"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 31.10.1926.
  25. "Nunha rúa dun porto lonxano"
    • Publicada, baixo o título de "Nunha rúa dun porto de Amberes", en El Pueblo Gallego, 8.05.1927.
  26. "Vou contarvos un conto triste"
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 5.12.1926.

Outras "cousas"

[editar | editar a fonte]

Como xa se dixo, Castelao escribiu outros textos que, aínda tendo unha mesma estrutura cós anteriores, non se publicaron nos libros de Cousas.

Por unha banda temos tres que formaron parte do libro Retrincos (1934):

  1. O segredo
  2. Peito de lobo
    • Publicado n'A Nosa Terra, o 25.06.1919; en Galicia (Vigo), 24.08.1924; en Nós, 25.07.1927; e en Alma Gallega, novembro de 1927. Esta foi a primeira "cousa" que publicara Castelao e está datada en Praceres (Pontevedra), 1918.
  3. O retrato
    • Publicado en Nós, o 25.07.1927, e en Alma Gallega, novembro de 1927. O texto está datado en Pontevedra, 1922.

En Retrincos, a estas tres narracións uníronse outras dúas non publicadas anteriormente: "O inglés" (datado en Rianxo, 1914) e "Sabela" (Pontevedra, 1934).

De por parte, outras tres cousas serviron de base para cadanseu capítulo da novela Os dous de sempre (1934):

  1. Na lonxanía batida polo sol
    • Publicado en El Pueblo Gallego, 30.01.1927. Véxase o cap. XXVIII de Os dous ...
  2. Casouse Farruco
    • Publicado en El Pueblo Gallego, 20.03.1927. Véxase o cap. II de Os dous ...
  3. O gran camanduleiro
    • Publicado en El Pueblo Gallego, 24.04.1927. Véxase o cap. VII de Os dous ...

Finalmente, Castelao escribiu outros 8 textos co mesmo estilo que só viron o lume na prensa:

  1. O probe ceguiño
    • Publicada en Alborada (Pontevedra), o 25.07.1922.
  2. ¿Que fan ises rapaciños?
    • Publicada en Nós, 25.08.1922.
  3. O gaiteiro de Soutelo
    • Publicada en Galicia (Vigo) 10.08.1924.
  4. Cando reparei na escea
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 10.10.1926.
  5. Unha vez chegou de fóra un maxistrado
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 6.02.1927.
  6. Xulián, o estudante
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 1.05.1927.
  7. Quen vexa esas mans engurradiñas
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 26.06.1927
  8. O señor Andrés
    • Publicada en El Pueblo Gallego, 3.07.1927.

Alonso Montero publicou en 1972 Prosas recuperadas I (Celta, Lugo), con tres destas cousas, e, en 1975, Obra completa (I. Narrativa e teatro), con máis textos. Existe tamén un Cousas. Terceiro libro, editado por Álvarez Blázquez na colección O Moucho (1978), coas cousas non contidas nos libros primeiro e segundo.

Traducións

[editar | editar a fonte]
  1. "O CGAI ultima a restauración da longametraxe La tragedia de Xirobio" en http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=1230.
  2. Miguel Anxo Fernández: "Vencellos por desentrañar" en La Voz de Galicia, 9.01.2000, px. 46.
  3. "Cosas". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-06. 
  4. "Gauzak". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-06. 
  5. "Cousas e retrincos". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-06. 
  6. "Coses". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2020. Consultado o 2019-07-06. 
  7. "Coses". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-06. 
  8. "Things". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-06. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]