Saltar ao contido

Guatemala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaGuatemala
República de Guatemala (es) Editar o valor en Wikidata
Fotomontaxe
Imaxe

HimnoHimno Nacional de Guatemala (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Lema«Libre Crezca Fecundo»
«Tyfwch yn Rhydd a Ffrwythlon» Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 15°30′N 90°15′O / 15.5, -90.25
CapitalCidade de Guatemala Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación17.263.239 (2018) Editar o valor en Wikidata (158,54 hab./km²)
Lingua oficiallingua castelá Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie108.889 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Pacífico, Mar Caribe e Golfo de Honduras Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoTajumulco (4.203 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoMar Caribe (0 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1821 Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Presidente Editar o valor en WikidataBernardo Arévalo (pt) Traducir (2024–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoCouncil of Ministers (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Presidente Editar o valor en WikidataÁlvaro Arzú (1996–2000)
Alfonso Antonio Portillo Cabrera (pt) Traducir (2000–2004)
Óscar Berger (2004–2008)
Álvaro Colom (pt) Traducir (2008–2012)
Otto Pérez Molina (pt) Traducir (2012–2015)
Alejandro Maldonado Aguirre (pt) Traducir (2015–2016)
Jimmy Morales (pt) Traducir (2016–2020)
Alejandro Giammattei (2020–2024)
Bernardo Arévalo (pt) Traducir (2024–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoCongresso da República da Guatemala (pt) Traducir , (Escano: 160) Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal86.053.079.767 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
MoedaQuetzal Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.gt Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+502 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia123, 128, 110 e 120 (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Código de paísGT Editar o valor en Wikidata

Sitio webguatemala.gob.gt Editar o valor en Wikidata
BNE: XX451122

Guatemala é un país da América Central, limitado ó oeste e ó norte por México, ó leste por Belize, polo Golfo de Honduras e por Honduras, e ó sur polo Salvador e polo océano Pacífico. A súa capital é Cidade de Guatemala.

Artigo principal: Historia de Guatemala.

Época precolombiana

[editar | editar a fonte]
Templo das Máscaras en Tikal.

Guatemala está situada dentro do núcleo da área xeográfica coñecida como Mesoamérica. Dentro dos seus límites territoriais existiron varias culturas, destacando a civilización maia. Guatemala é o berce desta antiga civilización, que logrou un complexo desenvolvemento social e científico, en distintos eidos, como a arquitectura, a escritura, un avanzado cálculo do tempo por medio das súas propias matemáticas e a astronomía. Destacaron tamén no campo da arte, como na pintura, na escultura e na enxeñaría monumental, chegando a construír grandes metrópoles dende o período preclásico tales como os lugares de San Bartolo, Cival, Nakbé, El Mirador, na Conca de El Mirador; Uaxactún, Tikal, Ceibal, Río Azul, Yaxhá, Dos Pilas, Cancuén, Machaquilá, Aguateca, nas terras baixas do Norte, situadas no departamento de Petén; e Kaminal Juyú, nas terras altas do altiplano central, así como Abaj Takalik no departamento de Retalhuleu, situado na zona costeira do océano Pacífico na área sur.

Á chegada dos españois en 1524, a civilización maia como tal xa desaparecera, mais os indíxenas (provenientes de Tula) encontrábanse divididos en señoríos e cidades-estado como Utatlán ou Gu'marcaj, capital dos ki'che'; Iximché, capital dos kakchikel; Zaculeu, capital dos mames; Mixco Viejo, capital dos pokomames; Chuitinamit, capital dos tzu'tuhiles. Todas estas tribos loitaban entre elas, polo que a conquista foi relativamente sinxela, aínda que Tayasal, capital dos maia itzá, e Zacpetén, capital dos ko'woj, ambas en Petén non foron conquistadas até 1697, debido a que se atopaban moi ben defendidas e Hernán Cortés desistiu en atacalas no seu camiño cara Honduras, sendo as últimas culturas de América en ser conquistadas.

Colonización

[editar | editar a fonte]

En 1523 os conquistadores españois entraron polo oeste, provenientes de México, baixo o mando do capitán Pedro de Alvarado. Os españois enfrontáronse primeiro cos k'iches e logo aliáronse brevemente cos kaqchikeles. A primeira vila fundada por estes foi o 25 de xullo de 1524 nas proximidades de Iximché, capital dos kaqchikeles, recibindo o nome Santiago de Guatemala na honra do apóstolo maior.

O 22 de novembro de 1527 foi trasladada a cidade ao Val de Almolonga (hoxe San Miguel Escobar, Sacatepéquez), debido ao constante asedio que sufría por parte dos nativos. Esta foi destruída na madrugada do 11 de setembro de 1541 por un alude de lodo e pedras que proviña do Volcán de Agua (Volcán Hunahpú lle chamaban os indíxenas), sepultando a entón capital da rexión; enterrando a cidade coa maioría dos seus habitantes. Entre eles estaba a gobernadora Beatriz de la Cueva, viúva de Pedro de Alvarado. Isto obrigou a que de novo fose trasladada para o Val de Panchoy, uns 6 km ao sur, no que actualmente é hoxe en día a cidade de Antigua Guatemala. Neste sitio estivo asentado Santiago de Guatemala, capital do «Reyno de Guatemala», até 1775, cando se move a cidade para o Val de la Ermita, actual localización da capital. O rei Filipe II de España e Portugal e Indias outorgoulle o nome de «Muy noble y muy leal Ciudad de Santiago de los Caballeros de Goathemala».

Durante a dominación española, que durou case 300 anos, Guatemala foi un reino de carácter estratéxico (Capitanía xeneral do Reino de Guatemala) que á súa vez dependía do Vicerreinado da Nova España (México). Guatemala estendíase dende a rexión de Chiapas (agora estado mexicano) até Costa Rica. A súa división política variou con frecuencia, tal como as fronteiras entre as diversas provincias. A mediados do século XVII, o reino no seu conxunto tiña 32 provincias, das cales 12 atopábanse no territorio que actualmente constitúe a República de Guatemala: o val de Guatemala, onde se encontraba a cidade de Santiago, sede da Real Audiencia; as Alcaldías Maiores de Amatique, Suchitepéquez e Verapaz, os rexementos de Acasaguastlán, Atitlán, Chiquimula, Escuintla, Guazacapán, Quetzaltenango, Sololá (Tecpanatitlán) e Totonicapán.

Esta rexión era tan rica en minerais e metais como México, Bolivia e o Perú. Mais destacouse principalmente pola súa produción agrícola. Os seus principais recursos foron a cana de azucre, o cacao, as madeiras preciosas e tinta de anil para tinxir téxtiles. A cidade de Santiago de Guatemala chegou a desenvolver un nivel notable na arquitectura, caracterizada como «barroco sísmico», na imaxinaría relixiosa, a pintura e a música. As festividades do ano litúrxico e do santoral definían a vida dos seus habitantes, a cal xiraba esencialmente arredor da relixión. A Catedral era o centro de toda a actividade relixiosa, e polo seu rango catedralicio posuía unha vida musical intensa.

O 21 de xullo de 1775 foi necesario o traslado de Antigua Guatemala, sempre vulnerábel a erupcións volcánicas, inundacións e terremotos; tras ser destruída por dous terremotos, cuxos remanentes consérvanse como un monumento nacional. A Cidade de Guatemala foi fundada oficialmente o 2 de xaneiro de 1776, converténdose cos anos na cidade máis grande e populosa de todo o istmo.

No final do século XVIII, cando se implantou o réxime da Intendencia nalgunhas rexións do reino, o número de provincias reduciuse a 15, das cales 9 estaban no actual territorio de Guatemala: as Alcaldías Maiores de Chimaltenango, Escuintla, Sacatepéquez, Sololá, Suchitepéquez, Totonicapán e Verapaz, e os rexementos de Chiquimula e Quetzaltenango.

Ao emitirse en 1812 a Constitución de Cádiz, o reino de Guatemala desapareceu como unidade, e foi substituído por dúas provincias, sen subordinación entre si: a Provincia de Guatemala, que comprendía o territorio de Chiapas, O Salvador, Guatemala e Honduras, e a Provincia de Nicaragua e Costa Rica. En 1821, durante a segunda etapa de vixencia desa Constitución, segregáronse da Provincia de Guatemala as Provincias de Comayagua (Honduras), Chiapas e O Salvador.

Independencia

[editar | editar a fonte]

Na rexión seguiron medrando industrias como as do índigo, o cacao e a cana de azucre, creando grandes riquezas e permitindo a creación doutras industrias como a dos tecidos, cuxo auxe durou até o final do século XVIII. Desexando crear relacións comerciais con outras nacións, ademais de España, a elite gobernante daquela época decidiu declarar a súa independencia, tanto política como económica da coroa, o 15 de setembro de 1821.

Anexión ao Imperio Mexicano

[editar | editar a fonte]

Tras un breve período de incerteza política, o 5 de xaneiro de 1822, as provincias centroamericanas anexionáronse a México co fin de unirse politicamente, como unha estratexia para contrarrestar á coroa española. Un ano máis tarde Guatemala e as súas provincias (Provincias Unidas do Centro de América), separáronse. As rexións de Guatemala, O Salvador, Honduras, Nicaragua, República de los Altos e Costa Rica, formaron unha república de corte federal, con sede en Guatemala.

As República Centroamericana (1823-1839) tivo unha Constitución que avogaba por unha forma de goberno liberal, pluralista e republicana; mais vellas estruturas socioeconómicas conservadoras da época opuxéronse aos ditos cambios, pois eran lesivos para os seus intereses particulares, polo que xestaron revoltas internas en cada provincia, o que desembocou na súa posterior desintegración e nunha guerra civil na zona (1838-1840) que acabaría coa confederación de Guatemala como un estado independente, así como os estados centroamericanos que actualmente se coñecen. Dentro da separación que se tivo das Provincias Unidas de Centroamérica, Guatemala cedeu o territorio de Santa Ana ao Salvador.

Finais do século XIX e comezos do XX

[editar | editar a fonte]

Após a desintegración centroamericana, Rafael Carrera y Turcios gobernaría como presidente de Guatemala (desde 1851 ata 1865), apoiado por conservadores. Entre os seus logros como presidente cabe salientar o feito de defender o país de diversas invasións estranxeiras. Entre as cales se atopa a coalición invasora do Salvador e Honduras, a cal foi derrotada na Batalla de la Arada. Tamén no goberno de Carrera tivo lugar a expedición de conquista estadounidense por parte de William Walker ao territorio centroamericano, a cal orixinou a Guerra Nacional contra los Filibusteros. Co mandato de Carrera comezaría unha longa lista de Presidentes de Guatemala con ditaduras. Un relativamente importante nesta lista foi o Xeneral Justo Rufino Barrios que impulsou a chamada Reforma Liberal de 1871 a fin de cambiar o país, mellorar o seu comercio, e introducir novos cultivos e manufacturas, tamén introduciu o ferrocarril e por todo isto é lembrado como o reformador. Durante esta era o café fíxose un cultivo importante para Guatemala. Pero ao final de contas era un ditador, creou o traballo forzoso para os indíxenas e autoproclamouse dirixente das forzas armadas de Centroamérica. Barrios tiña ambicións de reunificar América Central e levou o país á guerra nun intento infrutuoso de alcanzar este fin; morreu na Batalla de Chalchuapa en 1885.

Para 1901 a United Fruit Company comezou a volverse a forza principal en Guatemala (tanto política, como económica), durante a longa presidencia ditatorial de Manuel Estrada Cabrera. O goberno subordinábase a miúdo a intereses da Compañía (unha das principais de Centroamérica e que con axuda dos Estados Unidos tiña poder para cambiar gobernos democráticos por monicreques ao seu servizo). Mentres que a compañía axudaba coa construción dalgunhas escolas, tamén obstaculizaba o comercio local; así, opúxose á construción de estradas porque isto competiría co seu monopolio do ferrocarril. A UFC controlou máis do 40% da terra do país e as instalacións dos portos. O período de ditadura liberal acabaría en 1944.

A revolución de 1944

[editar | editar a fonte]

En 1944, un grupo de xente, tales como oficiais militares disidentes, estudantes, profesionais liberais; chamados os "Revolucionarios de Outubro", derrocaron o goberno de Federico Ponce Vaides, substituíndoo por unha xunta composta por o Maior Francisco Javier Arana, o Capitán Jacobo Arbenz e Jorge Torriello, que pouco despois convocou eleccións libres e democráticas que foron gañadas polo profesor e escritor Juan José Arévalo Bermejo, que acababa de regresar da Arxentina onde se encontraba exiliado. Foi o primeiro presidente elixido democraticamente en Guatemala que completou o seu mandato. O seu "socialismo cristián" inspirado no New Deal americano, foi moi criticado pola clase alta e os terratenentes.

Arévalo impulsou moitas reformas e a creación de numerosas institucións co fin de mellorar o estado guatemalteco, como por exemplo o Banco de Guatemala, a Superintendencia de Bancos, o Instituto Guatemalteco de Seguridade Social (IGSS), deseñou e implementou entre outras as escolas tipo federación.

As reformas iniciadas por Arévalo foron continuadas polo seu sucesor, Jacobo Arbenz Guzmán, gañador das eleccións seguintes. Ao chegar ao poder, Arbenz declarou así as súas intencións:

O noso goberno proponse iniciar o camiño do desenvolvemento económico de Guatemala, tendendo aos tres obxectivos fundamentais seguintes: converter o noso país dunha nación dependente e de economía semicolonial nun país economicamente independente; converter a Guatemala de país atrasado e de economía predominantemente semifeudal nun país moderno e capitalista; e facer que esta transformación se leve a cabo de xeito que traia consigo a maior elevación posíbel do nivel de vida das grandes masas do pobo.
Presidente Arbenz

Proxectaba unha reforma agraria para aumentar a produtividade das terras e o nivel de vida dos campesiños, propoñía a expropiación das terras improdutivas e a súa cesión en usufruto a labregos necesitados. O plan chocou cos terratenentes, entre os que destacaba a United Fruit Company, dando lugar a un ambiente de república bananeira. O presidente propuxo expropiar as terras da United Fruit Company ao prezo de valoración que a compañía usaba para liquidar os seus impostos.

A United Fruit Company pediu axuda ao presidente Eisenhower, utilizando como pretexto, entre outras cousas, o feito de que Arbenz legalizase o Partido Guatemalteco do Traballo, tachado de forma non obxectiva de comunista, chegando a denominarse como comunista perigoso en 1952. Logo a CIA organizou a "operación PBSUCCESS", que consistía no adestramento e pagamento dun exército rebelde paramilitar (Movemento de Liberación), que cometeu o Golpe de Estado de 1954 e derrocou o presidente, substituíndoo por un militar ás ordes dos Estados Unidos, o coronel Carlos Castillo Armas.

Ditadura e guerra civil

[editar | editar a fonte]

O coronel golpista Carlos Castillo Armas reverteu moitos dos cambios realizados por Arbenz con anterioridade. Foi asasinado en 1957, sendo substituído polo xeneral Miguel Ydígoras Fuentes, anterior Ministro de Obras Públicas na ditadura ubiquista e detractor das políticas de Arévalo e Arbenz. Ydigoras formou en Guatemala os activistas que intentaron a Invasión de Baía de Cochinos. Os boinas verdes (United States Army Special Forces) instaláronse no país, e adestraron alí o seu exército. Dese tempo datan a creación dos escuadróns da morte, e de organizacións paramilitares como a Mano Blanca ou o Exército Secreto Anticomunista, especializados na tortura e asasinato de intelectuais, periodistas, estudantes e campesiños sospeitosos de manter posicións esquerdistas.

En resposta ao seu goberno cada vez máis autocrático, un grupo de oficiais militares de menor rango rebelouse, intentando derrocalo en 1960. Cando fracasaron, varios fuxiron e estabeleceron lazos estreitos con Cuba. Este grupo converteuse no núcleo das forzas armadas que loitaron contra os gobernos militares durante os 36 anos seguintes. Os seus catro grupos principais guerrilleiros de esquerda realizaron sabotaxes económicas e ataques armados ás instalacións do goberno e os membros das forzas de seguridade estatal. Estas organizacións combinaríanse para formar a Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca en 1982.

O goberno de Miguel Ydígoras Fuentes acabaría en marzo de 1963 bruscamente a súa presidencia, para pasar ás mans do coronel Enrique Peralta Azurdia.

36 anos de conflito armado (1960-1996)

[editar | editar a fonte]

Pouco despois houbo eleccións democráticas o resultou Presidente electo Julio César Méndez Montenegro en 1966. Aínda que inicialmente parecía unha democracia transparente, axiña se albiscou a farsa, cunha eleccións amañadas entre o goberno e o exército, existindo, ao final, un xenocidio entre as masas opositoras e as respostas guerrilleiras.

O xeneral Carlos Manuel Arana Osorio (1970-1974) foi o primeiro dunha serie de presidentes militares.

En 1972 un novo grupo guerrilleiro infiltrouse dende México. En 1974, o Xeneral Kjell Lauguerud García derrotou ao Xeneral Efraín Ríos Montt, o candidato do Partido Cristián Democrático, que afirmou que se lle furtara a vitoria. En 1978, tras outras elección fraudulentas, o Xeneral Romeo Lucas García asumiu o poder. En 1970 dous novos grupos guerrilleiros, o EGP e a ORPA intensificaron o levantamento contra os gobernos militares. En 1979, Jimmy Carter, prohibiu calquera axuda militar ao exército guatemalteco, a causa dos sistemáticos abusos deste contra a poboación.

Un dos incidentes graves durante este período foi o que ocorreu na embaixada española. O 31 de xaneiro de 1980, un grupo de indíxenas e campesiños de varias aldeas do departamento noroccidental de El Quiché, apoiados por estudantes, ocupou a embaixada de España na capital para denunciar a represión nas súas comunidades, o goberno afirmou que os asaltantes se autoinmolaran, mais os diplomáticos españois explicaron que a policía executara os participantes e incendiaran o lugar para ocultar os seus crimes. Entre as vítimas mortais figuraron o cónsul español Jaime Ruiz del Árbol, o ex vicepresidente de Guatemala Eduardo Cáceres, o ex chanceler guatemalteco Adolfo Molina e o pai de Rigoberta Menchú.

Nas eleccións de 1974 comezábase a ver claramente a tendencia de eleccións fraudulentas, cunha forte campaña contra os rebelde dende o "Partido Revolucionario" gobernante. Nos seguintes comicios do 78 e 82 seguiron gañando xenerais militares, até que os militares deron un golpe de Estado o 23 de marzo de 1982, para evitar a toma de posesión dun novo electo presidente militar Ángel Aníbal Guevara tras unhas constatadas eleccións fraudulentas.

Ríos Montt, co apoio da administración estadounidense de Ronald Reagan, formou unha xunta militar de tres membros, anulando a constitución do 65, disolvendo o congreso, anulando a lei electoral e aos partidos. Logo duns meses, asumiría el mesmo a presidencia da república, gobernando en solitario.

O Presidente procurou derrotar os guerrilleiros con accións militares e reformas económicas. Os guerrilleiros esquerdistas e as brigadas de morte dereitistas tamén se adicaron a realizar masacres, desaparicións forzadas, e torturas de non combatentes, mais as PAC e os militares foron os que fixeron a maior parte das 200.000 mortes neste tempo, até que o 8 de agosto de 1983, Ríos Montt foi deposto polo seu propio Ministro de Defensa, xeneral Óscar Mejía Víctores, quen permitiu un regreso controlado á democracia en Guatemala. En xaneiro de 1986, Vinicio Cerezo, un político civil e o candidato a presidente pola Democracia Cristiá, gañou a primeira elección, sostida baixo unha nova constitución democrática con moito apoio popular.

O exército e as Patrullas de Autodefensa Civil (PAC) recobraron esencialmente todo o territorio guerrilleiro; a actividade guerrilleira diminuíu e foi en gran parte limitada a operacións de golpear e fuxir. Ríos Montt causou un enorme número de mortes civís.

A breve presidencia de Ríos Montt foi probablemente o período máis violento do conflito de 36 anos, que resultou en aproximadamente 200.000 muertes de civís, na súa maioría indíxenas desarmados. Aínda que os guerrilleiros esquerdistas e as brigadas de morte tamén se dedicaron a realizar masacres, desaparicións forzadas, e torturas de non combatentes, a maioría das violacións de dereitos humanos foron realizadas polos militares guatemaltecos e as PAC que eles controlaban.

O 8 de agosto de 1983, Ríos Montt foi deposto polo seu propio Ministro de Defensa, xeneral Óscar Mejía Víctores (Ríos Montt acabará fundando un partido político). O xeneral Mejía permitiu un regreso controlado da democracia en Guatemala, comenzando cunha elección o 1 de xullo de 1984 para unha Asemblea Constituínte para redactar unha constitución democrática. O 30 de maio de 1985, despois de 9 meses de debate, a Asemblea Constituínte acabou de redactar unha nova constitución, que entrou en vigor inmediatamente. Vinicio Cerezo, un político civil e o candidato a presidente pola Democracia Cristiá, gañou a primeira elección sostida baixo a nova constitución con case o 70% do voto, e tomou posesión en 1986.

Democracia e inestabilidade (1986- 2001)

[editar | editar a fonte]

Despois da súa toma de posesión, en xaneiro de 1986, o Presidente Vinicio Cerezo creou, entre outras cousas, un comité lexislativo de dereitos humanos, e o estabelecemento en 1987 da oficina do procudador dos dereitos humanos. A corte suprema tamén emprendeu unha serie de reformas para loitar contra a corrupción e mellorar a eficiencia do sistema legal.

Coa chegade de Cerezo, os militares afastáronse do goberno e regresaron ao papel máis tradicional de proporcionar seguridade interna, especificamente conbatendo contra insurrectos armados.

Os últimos dous anos do goberno de Cerezo foron marcados por unha economía en declive, folgas, marchas de protesta e acusacións de corrupción estendida. A incapacidade do goberno de tratar con moitos dos problemas nacionais -como mortalidade infantil, analfabetismo, saúde e asistencia social deficientes, e niveis crecentes de violencia- contribuíu ao descontento popular.

O 11 de novembro de 1990 celebráronse eleccións parlamentarias e presidenciais. Despois dunha votación de desempate, o enxeñeiro Jorge Serrano Elías, do partido Movemento de Acción Solidaria (MAS), asumiu a presidencia o 14 de xaneiro de 1991, completando así a primeira transición dun goberno civil electo democraticamente a outro. Creárase unha alianza entre o dito partido e os Demócratas Cristiáns e a Unión do Centro Nacional (UCN).

Serrano acabou fuxindo do país tras iniciar unha restrición de liberdades civís coa idea de controlar a corrupción; e o 5 de xuño de 1993, o Congreso, de acordo coa constitución de 1985, elixiu o Procurador de Dereitos Humanos, para completar o período presidencial de Serrano Elías. Este cargo ocupábao De León, que non era membro de ningún partido político e que, ademais, gozaba de apoio popular. Lanzou unha campaña anticorrupción para “purificar” o Congreso e a Corte Suprema, esixindo as renuncias de todos os membros de ámbolos dous corpos.

A pesar da resistencia considerábel do Congreso, a presión presidencial conduciu a un acordo en novembro de 1993, entre a administración e o Congreso, intermediado pola Igrexa Católica. Este paquete de reformas constitucionais foi aprobado polo referendo popular o 30 de xaneiro de 1994. En agosto de 1994, un novo Congreso foi electo para completar o período non vencido. Controlado polos partidos anti-corrupción o populista Frente Republicano Guatemalteco (FRG) encabezado polo ex-xeneral Ríos Montt, e o Partido de Avanzada Nacional (PAN)- o novo Congreso comezou a afastarse da corrupción que caracterizou os seus precursores.

Baixo o goberno de De León, o proceso de paz, agora coa participación das Nacións Unidas, comezou o seu camiño. O goberno e a URNG asinaron acordos sobre dereitos humanos (marzo de 1994), o restablecemento de persoas desprazadas (xuño de 1994), esclarecemento histórico (xuño de 1994), e dereitos indíxenas (marzo de 1995). Tamén se desenvolveu un progreso significativo sobre un acordo socioeconómico e agrario.

As eleccións nacionais para presidente, o Congreso, e oficinas municipais producíronse en novembro de 1995. Con case vinte partidos que competiron na primeira volta, a elección presidencial chegou até un desempate o 7 de xaneiro de 1996 no cal o candidato do PAN, Álvaro Arzú Irigoyen derrotou a Alfonso Portillo Cabrera do FRG por un 2% dos votos. Arzú ganou debido á súa forza na Cidade de Guatemala, onde servira antes como alcalde, ademais da área circundante urbana. Portillo gañou en todos os departamentos rurais excepto Petén. Baixo a administración de Arzú, concluíronse as negociacións e, en decembro de 1996, o goberno firmou os Acordos de Paz, que resolvía un conflito de 36 anos. A situación dos dereitos humanos tamén mellorou durante o goberno de Arzú, e tomáronse medidas para reducir a influencia dos militares nos asuntos nacionais.

Século XXI

[editar | editar a fonte]

En 1999 Alfonso Portillo (FRG) ganou a Óscar Berger (PAN). Ganou en 22 departamentos e na Cidade de Guatemala, que era considerada a fortaleza do PAN. Portillo, á parte de ter relacións co ex-xeneral Ríos Montt, o Presidente de feito de Guatemala no 1982-83, acabou cometendo varios furtos polos que está con orde de captura de Guatemala e da Interpol; por desvíos millonarios de diñeiro.

No 2004 foi electo como Presidente de Guatemala o avogado Óscar Berger Perdomo, apoiado pola Grande Alianza Nacional (GANA). O seu goberno foi ineficaz contra a delincuencia organizada, pandillas denominadas maras, a consolidación do narcotráfico (enraizada durante o goberno anterior, e a forte migración da súa poboación (maiormente pobre e acosada pola criminalidade).

As seguintes eleccións realizadas no outono de 2007, os partidos políticos Unidade Nacional da Esperanza (UNE), liderado polo enxeñeiro Álvaro Colom; Partido Patriota (PP), liderado polo xeneral retirado, Otto Pérez Molina, ganaron os dous primeiros lugares, pasando a unha segunda volta, na que gañou Colom, que se converteu no Presidente da República de Guatemala o 14 de xaneiro de 2008.

En maio de 2010, a tempestade Agatha e da erupción do volcán Pacaya causou danos na costa e na rexión central do país, cun resultado de 30 000 vítimas.[1].

Demografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Demografía de Guatemala.

Dos 13 millóns de habitantes, case a metade da poboación é urbana (onde 3 millóns viven na capital), 76% da poboación está entre 14 e 45 anos de idade. Desde 1950, a poboación está crecendo moi rápido, pero actualmente se está abrandado, Existe unha pequena comunidade crecente de Coreanos, d'O Salvador, mexicanos, europeos e outros países de América; porén, moitos guatemaltecos viven en México ou nos Estados Unidos. A lingua oficial é o español.

Poboación: A maior parte da composición étnica do país son indíxenas (58%), seguido polos mestizos (35%), inferior a 10% da poboación é caucásica.

Relixión: os católicos representan o 51%, O protestantismo é seguido polo 39% da poboación.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

O cumio máis elevada do país é o volcán Tajumulco (4.220 msnm); destacan tamén o Santa María (3.772 msnm), o Agua (3.766 msnm), o Fuego (3.763 msnm), o volcán Atitlán (3.537 msnm), situado xunto ao lago homónimo, e o Pacaya (2.552 msnm) achando canda ao Lago de Amatitlán, no Departamento de Guatemala. Os terremotos son frecuentes nas proximidades do cinto volcánico do sur, onde destruíron numerosos asentamentos. No litoral atlántico, principal saída comercial neste océano, atópase o maior lago do país, o Izabal.

Os ríos de Guatemala de maior lonxitude son: Río Motagua , Río Usumacinta, Río Polochic, Río Dulce e Río Sarstún.

Departamentos

[editar | editar a fonte]

Guatemala está dividida en 22 departamentos, que se reparten por 8 rexións administrativas, e posúen 333 concellos.

|
Departamentos de Guatemala.
  1. Alta Verapaz
  2. Baja Verapaz
  3. Chimaltenango
  4. Chiquimula
  5. El Petén
  6. El Progreso
  7. El Quiché
  8. Escuintla
  9. Guatemala
  10. Huehuetenango
  11. Izabal
  12. Jalapa
  13. Jutiapa
  14. Quetzaltenango
  15. Retalhuleu
  16. Sacatepéquez
  17. San Marcos
  18. Santa Rosa
  19. Sololá
  20. Suchitepéquez
  21. Totonicapán
  22. Zacapa

Economía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Economía de Guatemala.

Guatemala é a maior economía de América Central, e divide os seguintes factores:

Agricultura: Representa máis de metade do PIB e 51% das exportacións, onde predominan o café, cardamomo, azucre, bananas, etc. Guatemala é un dos maiores exportadores de café do mundo, e o maior en América Central, iso é debido á chegada de inmigrantes alemáns que desenvolveu o café do país (especialmente nas terras altas).

Industria: Representa o 20% do PIB, está utilizada principalmente en produtos téxtiles, procesamento de alimentos, montaxe de vehículos, electrodomésticos, pinturas, farmacéutica, de bebidas, de publicación, entre outros.

Turismo: Turismo e investimento estranxeiro está a medrar desde 2007, os países que realizan actividades turísticas en Guatemala son europeos, e nortemaericanos

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]