Saltar ao contido

Mascarada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Traxe para un cabaleiro (Inigo Jones), con elementos tópicos como o casco con plumas ou o "torso heroico" na armadura, propio da ópera seria do século XVIII.

Mascarada[1] (coñecida tamén como Masque, pola súa denominación en inglés) é unha forma de representación teatral cortesá propia do século XVI e dos primeiros anos do XVII en Europa.

Aínda que as súas orixes se remontan á fin da Idade Media en Italia e Francia, o seu esplendor coñéceo en Inglaterra, grazas ao dramaturgo Ben Jonson. Inicialmente a mascarada era un desfile de máscaras que tocaban, bailaban e invitaban os asistentes a participar nos bailes e nos xogos. Máis adiante, o desfile empezou a introducirse cunha especie de prefacio en verso. Ben Jonson non fixo unha verdadeira representación, en sentido estrito, senón máis ben unha serie de situacións alegóricas co seu propio aparato escenográfico.

A mascarada combinaba música e baile, canto e recitación e para a representación desas partes recitadas e cantadas adoitábase contratar actores e cantantes profesionais. Os personaxes que non cantaban nin falaban eran representados adoito por membros da corte: era frecuente que Ana de Dinamarca, raíña consorte do rei Xacobe I de Inglaterra, bailase nas mascaradas coas súas damas, e o mesmo ocorría cos cortesáns de Henrique VIII e de Carlos I. E en Francia, Lois XIV bailaba nas mascaradas en Versalles con música de Jean-Baptiste Lully.[2]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

A tradición da mascarada evolucionou desde os desfiles e as representacións da corte do duque de Borgoña na baixa Idade Media. As mascaradas eran tipicamente homenaxes protocolarias ao príncipe por parte dos seus hóspedes e podían incluír adaptacións pastorais, fábulas mitolóxicas e os elementos dramáticos típicos dos debates de orde ética. Sempre había algún contido político e social nestas alegorías. Estes desfiles celebraban adoito acontecementos como un nacemento, un casamento ou un cambio de soberano, e concluían sempre cunha escena de felicidade e harmonía. O imaxinario da mascarada tendía a ser tomado das fontes clásicas máis que das cristiás, e o artificio formaba parte do grande baile. Xa que logo, a máscara prestábase a un tratamento manierista nas mans de mestres como Giulio Romano ou Inigo Jones.

Os novos historiadores, en obras como os ensaios de Bevington e Holbrook The Politics of the Stuart Court Masque (1998),[3] fan fincapé no fondo político da mascarada, e ás veces este contido non era difícil de atopar: Il Trionfo della Pace ("O triunfo da paz"), representado con financiamento público na Inglaterra de Carlos I, entendeuse como ofensivo polos puritanos. As festas da corte de Caterina de Medici, máis abertamente políticos, eran os divertimentos máis espectaculares do seu tempo.

En Inglaterra, William Shakespeare escribiu un intermezzo á maneira da mascarada en The tempest ("A tempestade"), interpretado polos estudosos modernos como unha forte influencia dos textos das mascaradas de Ben Jonson e do seu guionista Inigo Jones[4]. Tamén hai escenas de mascarada en Romeo and Juliet ("Romeo e Xulieta") e en Henry VIII ("Henrique VIII"). Tamén Comus, de John Milton, con música de Henry Lawes se concibe habitualmente como unha mascarada, aínda que hai estudosos que a reconducen ao xénero da pastoral.

Na época da Restauración inglesa (1660), o xénero da mascarada propiamente dito xa non se cultivaba, pero a semiópera inglesa, que se desenvolveu na derradeira parte do século XVII, un xénero no que colaboraron John Dryden e Henry Purcell, colleu en préstamo algúns dos seus elementos.

Mesmo no século XX, Ralph Vaughan Williams chegou a escribir diversas mascaradas.

E tamén Constant Lambert escribiu unha peza definida como mascarada, Summer's Last Will and Testament, para orquestra, coro e barítono. Tomou o título de Thomas Nashe, cuxa mascarada[5] foi, probablemente, a primeira representada ante o arcebispo de Canterbury, quizais na súa sede de Londres, Lambeth Palace, en 1592.

  1. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. "Mascarada: Representación teatral, de orixe cortesá, interpretada por nobres con máscaras, que combina partes dialogadas con outras cantadas e danzadas. Este tipo de espectáculo adquiriu a súa forma en Italia no século XV (...)".
  2. "History of the Masque Genre ("Historia do xénero mascarada").". 
  3. David Bevington e Peter Holbrook. The Politics of the Stuart Court Masque. Bevington & Holdbrook. 1998 [ISBN 0.521-59436-7]
  4. Heras, Guillermo, O teatro e a súa relación con outras artes. En Anuario de Estudos Teatrais. 2001. Consello da Cultura Galega. Páxina 209. "Pensemos nunha descrición que se fai dunha "mascarada" que se celebrou no palacio de Xacobe I, en 1618, que custou a astronómica cifra para a época de 4.000 libras e que estivo deseñada por Íñigo Jones (...)".
  5. Era unha "comedia amable", cando se editou en 1600, titulada Ultime volontà e Testamento dell'Estate, pero, como anuncia un personaxe: "de feito, non é nin sequera unha comedia, senón un espectáculo".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barbara Ravelhofer. The Early Stuart Masque: Dance, Costume and Music. Oxford University Press. 2006.
  • Andrew J. Sabol. Songs and dances from the Stuart Masque, in an edition of sixty-three items of music for the English court masque from 1604 to 1641. Brown University Press, 1959.
  • Andrew J. Sabol. Four hundred songs and dances from the Stuart Masque. Brown University Press, 1982.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]