Mitoloxía nórdica
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2014.) |
A mitoloxía nórdica (ou mitoloxía escandinava ou mitoloxía viquinga) refírese á relixión escandinava, ás crenzas e lendas precristiás dos nórdicos, incluíndo os que se asentaron en Islandia, onde as fontes escritas da mitoloxía nórdica foron compiladas. É a versión máis coñecida da mitoloxía xermánica antiga.
A mitoloxía nórdica era unha colección de crenzas e historias compartidas polos pobos xermanos setentrionais. É importante sinalar que esta mitoloxía non era compartida polos pobos nórdicos de etnia urálica (fineses, estonianos e saamis) nin báltica (letóns), que tiñan unha propia. Non era unha relixión revelada, pois non había unha verdade entregada polos divinos ós mortais (a pesar que teñen relatos de persoas normais aprendendo as historias dos deuses), e non tiñan un libro sagrado. Esta mitoloxía era transmitida oralmente en forma dunha longa e regular poesía. Devandita transmisión continuou durante a era viquinga, e o noso coñecemento sobre ela baséase principalmente nas Eddas e outros textos medievais escritos durante ou despois da cristianización.
No folclore escandinavo conserváronse restos da antiga mitoloxía e nalgunhas áreas rurais conserváronse algunhas tradicións ata o día de hoxe. As crenzas nórdicas foron revividas e reconstruídas polo movemento Ásatrú, recoñecida como relixión en Islandia en 1973, tamén está recoñecida en Dinamarca e Noruega. A mitoloxía tamén permaneceu como inspiración na literatura así como en producións escénicas ou filmes.
Fontes
[editar | editar a fonte]A maior parte desta mitoloxía foi transmitida oralmente, e moita perdeuse. Porén, algo dela foi capturada e gravada por eruditos cristiáns, particularmente nas Eddas e a Heimskringla de Snorri Sturluson, quen cría que as deidades pre-cristiás eran homes e mulleres no canto de demos. Tamén está a Gesta Danorum ("Historia Danesa") de Saxo Grammaticus, onde os deuses nórdicos son fortemente evemerizados.
A Edda menor ou prosaica foi escrita a comezos do século XIII por Snorri Sturluson, quen era un destacado poeta, un lagman e un diplomático islandés. Pode verse ante todo como un manual para aspirantes a poeta. Contén explicacións en prosa dos "kenningar" tradicionais, ou metáforas comprimidas atopadas na poesía. Estes recontos en prosa fan que os diversos relatos dos deuses nórdicos se organicen sistemática e coherentemente.
A Edda poética (tamén coñecida como "Edda maior"), foi posta por escrito uns 50 anos despois da Edda prosaica. Contén 29 longos poemas, dos cales 11 tratan sobre as deidades xermánicas, e o resto con heroes lendarios como Sigurd o volsungo (Siegfried na versión alemá coñecida como Cantar dos Nibelungos). Aínda que algúns estudosos pensan que foi escrita despois que a outra Edda, a linguaxe e as formas poéticas empregadas nos contos fan pensar que a súa orixe se remonte a varios séculos antes da súa transcrición.
Xunto a estas fontes, hai lendas que sobreviven no folclore escandinavo. Algunhas destas poden ser corroboradas con lendas que aparecen noutras literaturas xermánicas, por exemplo, a historia narrada na Batalla de Finnisburg anglosaxoa, e moitas alusións a contos mitolóxicos en Déor. Cando varias referencias parciais e narracións sobreviven, os estudosos poden deducir a lenda orixinal. Adicionalmente, en Escandinavia hai centos de topónimos relativos a deidades.
Unhas poucas inscricións rúnicas, como na estela ou Pedra de Rök e o amuleto de Kvinneby, fan referencia á mitoloxía. Tamén hai varias runas e imaxes en pedra que describen escenas da mitoloxía nórdica, como a viaxe de pesca de Thor, escenas da Saga Volsunga, Odín e Sleipnir, Odín sendo devorado por Fenrir, e Hyrrokkin cabalgando cara ó funeral de Baldr.
En Dinamarca, unha imaxe en pedra describe a Loki con rizados mostachos e beizos cosidos, e a cruz Gosforth británica amosa varias imaxes intrigantes. Tamén hai imaxes máis pequenas, como figuras describindo ó deus Odín (cun só ollo), Thor (con seu martelo) e Frey (co seu falo erecto).
Cosmoloxía
[editar | editar a fonte]Na mitoloxía nórdica o mundo está representado como un disco plano. O disco está situado nas pólas da árbore do mundo Yggdrasil, que sostiña os nove mundos. Nel habitaban varias criaturas, como un dragón chamado Níðhöggr nas raíces, que, roéndoas, quería derribar a Yggdrasil (conseguíndoo no Ragnarok), unha aguia que habita na póla máis alta, e dende aí vixía os nove mundos. Á súa vez ten un falcón chamado Veðrfölnir no entre cello, que vixía os movementos da aguia. Ademais hai un esquío chamada Ratatosk que viaxa dende as raíces ata copa levando falsas novas do dragón á aguia, e viceversa, sementando a discordia entre eles. Asgard, a rexión alta do ceo, (as- indica áss/Æsir, gard é asentamento ou residencia), onde vivían os deuses, estaba localizado no centro do disco, e soamente podería chegarse ata alí camiñando polo arco da vella (a ponte Bifröst, gardado por Heimdall, quen estaba provisto dun gran corno co que avisaba cada vez que un Æsir (deuses do panteón da mitoloxía nórdica) o un Vanir o cruzaba). Os xigantes vivían nun lugar chamado Jötunheim.
Unha fría e escura morada chamada Niflheim era rexida por Hela, filla de Loki. De acordo á Edda prosaica, este era o derradeiro lugar de residencia da maioría dos mortos. Estaba situado nalgún lugar ó sur do ardente reino de Muspelheim, fogar dos xigantes de lume.
Entre outros reinos que compoñen esta cosmoloxía destacan Alfheim, fogar dos elfos da luz (ljósálfar), Svartálfaheim, fogar dos elfos escuros. En medio de Asgard e Niflheim atopábase Midgard, a rexión baixa do ceo, o mundo habitado polos humanos.
A cosmoloxía da mitoloxía nórdica inclúe un forte compoñente de dualidade. Por exemplo o día e a noite teñen as súas contrapartidas mitolóxicas Dagr/Skinfaxi e Nótt/Hrímfaxi, o sol e o lobo que a persegue (nesta mitoloxía "o" sol é feminino e "a" lúa, masculina), traendo a escuridade Sól e Sköll, a lúa e o lobo que lo persegue Máni e Hati, e a oposición total entre Niflheim e Muspelheim que da orixe ó mundo. Isto pode verse reflectido nunha profunda crenza metafísica nos opostos para a creación do universo.