Saltar ao contido

Museo de Jeu de Paume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo de Jeu de Paume
Entrada do Museo de Jeu de Paume
Coordenadas48°51′57″N 2°19′26″L / 48.86583, -2.32389
PaísFrancia Francia
CidadeParís
TipoMuseo de arte (exposicións de arte contemporánea e fotografía)
AdministradorAlain Dominique Perrin (presidente)
DirectorMarta Gili
Construción1861
Inauguración1909
Superficie1.200 m2
Na rede
https://jeudepaume.org
Facebook: jeudepaumeparis Twitter: jeudepaume Instagram: jeudepaumeparis LinkedIn: jeu-de-paume Youtube: UCTeyfP4XGMl26vcGmJ-3uIg Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O museo de Jeu de Paume (Galerie nationale du Jeu de Paume) é un lugar de exposición de arte contemporánea e fotografía , cunha superficie de 1.200 m², situado no Xardín das Tuileries no extremo occidental da Terraza dos Feuillants, na praza da Concorde, en París (Francia), Ier arrondissement (Distrito Iº).

O edificio foi construído en 1861, durante o reinado de Napoleón III, para practicar partidas de pelota (jeu de paume).

A partir de 1909 foi destinado a ser un centro de arte, en relación co museo de l'Orangerie e o Louvre. Albergou coleccións de escolas estranxeiras, que ao dar comezo a segunda guerra mundial foron levadas ao Château de Chambord, o 1 de setembro de 1939.

Durante a segunda guerra mundial, as obras de artistas xudeus, confiscadas polos nazis, foron almacenadas aquí antes de seren levadas a Alemaña. Baixo a ocupación, Hermann Göring viaxou frecuentemente a París coa intención de comprobar o traballo de requisa realizada pola Einsatzstab Reichsleiter Rosenberg, que desenvolveu até a liberación da cidade en 1944, e de escoller as obras para a súa colección particular. De feito, Göring chegou a seleccionar 594 pezas de arte para el mesmo, deixando o resto para o Museo do Führer en Linz. Porén, o meticuloso traballo de inventario das obras que pasaban polo Jeu de Paume levado a cabo pola resistente Rose Valland, que aparentemente se dedicaba á conservación, foi decisivo para a posterior recuperación das obras. Valland remitía informes secretos coa descrición das obras ao director dos Museos Nacionais, Jacques Jaujard (1895-1967), quen trala liberación organizou unha xigantesca busca da arte roubada polos nazis en todo o mundo[1]

Desde 1947 ata 1986, data de inauguración do museo de Orsay, a galería de Jeu de Paume presentaba a obra dos pintores impresionistas. Desde 1986 esas obras están expostas no museo de Orsay. O Jeu de Paume foi reaberto en 1991, a iniciativa de Jack Lang, ministro de cultura naquela altura, converténdose na Galerie Nationale du Jeu de Paume, dedicado a exposicións de arte contemporánea e, especialmente, á fotografía e vídeo.

  1. Polack, Emmanuelle; Dagen, Philippe (2011). Les carnets de Rose Valland : Le pillage des collections privées d'oeuvres d'art en France durant la Seconde Guerre Mondiale (en francés). Fage Éditions. ISBN 978-2-8497-5237-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]