Pelea capreolus
Pelea capreolus Antílope caprino | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Pelea capreolus (Forster, 1790) |
O antílope cabrío (Pelea capreolus) é un mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, que é o tipo, e única especie, do xénero Pelea e da subfamilia dos peleinos, para os autores que a admiten,[2] xa que outros sitúan esta especie na subfamilia dos reduncinos.[1]
É un antílope africano de tamaño pequeno e constitución fráxil, cun longo e delgado pescozo e orellas grandes, estreitas e rematadas en punta,[3] que habita en bosques montanos e pasteiros da meseta de Suráfrica, Eswatini e Lesotho,[4][5] e quizais tamén en Cimbabue.
Características
[editar | editar a fonte]As principais caracerísticas morfolóxicas do antílope caprino son as seguintes:[3][5]
- Lonxitude de cabeza e tronco, entre os 105 e os 125 cm; lonxitude da cola, entre 10 e 20 cm; altura na cruz, entre 70 e 80 cm
- Peso, entre os 15 e os 29 kg
- Constitución grácil, cun logo e delgado pescozo, e orellas grandes, estreitas e rematadas en punta.
- Cornos, presentes só nos machos, curtos (de 20 a 29,2 cm), verticais e paralelos, case rectos e anelados na base.
- Pelaxe suave e laúda, de coloración xeral gris apardazada no lombo e nos flancos, que se fai leonada nas patas e na caneza, e partes inferiores algo máis pálidas que o dorso; a curta cola coa cara inferior branca, así como o extremo.
- As femias son simlares aos machos, pero lixeiramente menores (ademais de non teren cornos).
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Distribución e poboación
[editar | editar a fonte]O antílope caprino habita en bosques montanos e pasteiros da meseta de Suráfrica, Eswatini e Lesotho.
En Suráfrica a súa distribución é desigual e descontinua, e non se encontra ao norte do río Orange na provincia do Cabo Setentronal, nin en partes da provincia do Noroeste. Anteriormente ocupaban amplamente o Highveld do oeste de Eswatini,[6] pero desapareceu de moitas partes da súa antiga área de distribución. Porén, segue a ser bastante común na Reserva Natural de Malolotja e aínda sobrevive localmente en zonas non protexidas. En Lesotho probabelmente era unha especie moi abundante no pasado, pero a súa poboación reduciuse a unhas poucas poboacións dispersas. Respondeu ben á protección do Parque Nacional de Sehlabathebe na década de 1980.[4]
A suma das estimacións de poboación hoxe dispoñíbeis dá un total de menos de 9.800 individuos, pero exclúe importantes zonas para as cales as estimacións non se puideron avaliar. En 1999 suxeriuse unha poboación total de aproximadamente 18.000 espécimes, dos cales polo menos unha cuarta parte están en áreas protexidas e máis do 30% en terreos privados. En xeral, a tendencia da poboación é estábel (especialmente nas áreas protexidas), pero diminuíndo nalgunhas partes da área de distribución. A subpobación máis grande está no Parque Ukahlamba-Drakensberg (entre 2.000 e 3.000 indivuduos).[4]
Comportamento
[editar | editar a fonte]O antílope cabrío vive en grupos familiares, de até 30 exemplares, aínda que habitualmente están compostos por menos dunha ducia de animais, cun macho dominante, femias e individuos inmaturos. Os machos vellos viven en solitario.[3]
Aliméntanse fundamentalmente de herbas.[5]
Viven nunha certa variedade de hábitats, en rexións de outeiros e montañas; habitualmente prefiren as ladeiras herbosas máis altas, ou as mesetas soleadas, con menor cobertura vexetal que os ambientes preferidos polo seu competidor o redunca de montaña (Redunca fulvorufula). Nos lugares onde ocupan outeiros illados poden deixalos pola mañá e ao atardecer para alimentarse en terreos máis baixos.[3]
Son moi cautelosos e, cando se senten en perigo, foxen con movementos de "cabaliño de bambán" levantando bruscamente os cuartos traseiros no aire.[3]
Os machos son moi agresivos, e teñen fama de atacar os reduncas de montaña que se encontren no seu hábitat.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Alcanzan a madurez sexual probabelmente ao ano ou ano e medio de idade.
Os machos, na época da reprodución, perséguense os uns aos outros e estabelecen feroces pelexas (só aparentemente, porque non se causan dano).[5]
A xestación dura nove meses e medio. As femias sepáranse do grupo cando van parir a súa única cría (ás veces dúas).[5]
As crías permanecen canda á súa nai durante seis semanas.[5]
Sistemática
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita por primeira vez en 1790 polo naturalista alemán Johann Reinhold Forster (1729-1798).
Pelea capreolus é a única especie do xénero Pelea, considerado como o único da subfamilia dos Peleinae, e da tribo dos Peleini. Porén, estudos de filoxenia molecular sitúano na tribo Reduncini, da subfamilia dos Reduncinae, que foi ampliada con este motivo.[7]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]Segundo a UICN a poboación de Pelea capreolus é bastante estábel, cualificando no ano 2014 o seu status como LC (pouco preocupante).[4]
Na empresa
[editar | editar a fonte]O nome deste animal en neerlandés, reebok, é a orixe do nome da empresa fabricante de roupa deportiva Reebok, orixinalmernte británica e agora pertencente a Adidas AG, así como o animal mesmo para o seu logo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Segundo Animal Diversity Web e Mammal Species of the Wold
- ↑ 2,0 2,1 Segundo SIIT e NCBI
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), p. 230.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Pelea capreolus na Lista vermella de especioes ameazadas da UICN. Versión 2014.2
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), p. 75.76.
- ↑ O Highveld (Campo Alto), é unha ampla zona da meseta de Suráfrica, a ambos os lados da fronteira con Suacilandia. Na Reública Surafricana ocupa uns 30.000 km2.
- ↑ A. Hassanin & E. J. Douzery (1999): "The tribal radiation of the family Bovidae (Artiodactyla) and the evolution of the mitochondrial cytochrome b gene". Resumo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pelea capreolus |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pelea capreolus |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
- Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
- Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Para o xénero Pelea
[editar | editar a fonte]Para a especie Pelea capreolus
[editar | editar a fonte]- Pelea capreolus en MSW.
- Pelea capreolus en ADW. Abundante información (en inglés)