Triosa
As triosas son monosacáridos de tres átomos de carbono. Segundo a definición tradicional, son os glícidos ou carbohidratos de menor tamaño (pero actualmente fálase tamén de diosas de 2 carbonos). Só existen tres triosas e dúas delas son enantiómeros: L-gliceraldehido, e D-gliceraldehido, e a dihidroxiacetona.
O gliceraldehido é unha aldosa porque leva o seu carbonilo (C=O) no extremo da molécula formando un grupo aldehido. O seu carbono 2 é asimétrico, polo que o OH pode estar orientado á esquerda ou á dereita, orixinando os seus dous isómeros D e L. De feito, as series de isómeros D e L dos monosacáridos determínanse por comparación da orientación do OH do seu último carbono asimétrico coa posición do OH do gliceraldehido.
A dihidroxiacetona carece de carbonos asimétricos, polo que non ten isómeros D e L. É unha cetosa, xa que leva o carbonilo (C=O) nun carbono interior da molécula, o 2, formando un grupo cetona.[1] Ademais do seu papel metabólico, tamén se usa na industria cosmética dos bronceadores.
- Artigos principais: gliceraldehido e dihidroxiacetona.
As triosas e os seus derivados fosfatados son moléculas importantes no metabolismo. Interveñen na glicólise, xa que a frutosa-1,6-difosfato (hexosa) rompe encimaticamente orixinando gliceraldehido-3-fosfato e dihidroxiacetona-fosfato [2]. Un encima isomerase, chamado triosa-fosfato isomerase, pode transformalos un no outro, e na glicólise a dihidroxiacetona-fosfato isomerízase a gliceraldehido-3-fosfato. No ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese orixínanse tamén triosas, que dan lugar á glicosa que sae do ciclo como produción neta de azucre, e á vez serven para rexenerar a ribulosa-1,5-bifosfato, que pode iniciar un novo ciclo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Trioses - Three Carbon Sugars". Oxford University Press. Consultado o 2011-07-10.
- ↑ "Glycolysis in Detail". Ohio State University at Mansfield. Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2014. Consultado o 2011-07-10.